O substantivo común “pedra” nos topónimos de Zamáns (I)

Pedra, que procede da palabra latina PĕTRA (‘rocha, pedra’), é un dos substantivos comúns máis frecuente entre os nomes de lugar de Galicia. Na parroquia de Zamáns, a presenza deste elemento natural na paisaxe é unha constante: paredes ou marcos de pedra que serven para deslindar os terreos, camiños de pedra[1], a pedra que servía de paso nas pontellas e pontes –como na Pontella do Muíño do Vento sobre O Río da Freixa–, os portelos de pedra para impedir o paso dos animais, os peiraos de pedra nos cursos de auga, as casas de pedra, os cruceiros e cruces de pedra, ou os outeiros, pequena elevación de terreo que en moitos casos se culmina cun montículo de pedras, como é o caso do Outeiro do Viso, na Chan de Ghaliñeiro (así, con gheada, tal e como din os veciños e veciñas de Zamáns).

Algúns dos nomes de lugar que inclúen a voz pedra individualizan unha pedra que, por algunha razón, destaca ou destacaba sobre a paisaxe. En Zamáns, estes nomes son relativamente frecuentes porque formaban parte do universo vital que rodeaba os informantes. Cando eles eran rapaces e raparigas, tiñan que botar horas e horas pastoreando as vacas, bois e ovellas no monte, e alí, ao seu carón, estas pedras eran as testemuñas caladas dos seus xogos e da vinculación que mantiñan con ese espazo natural.

Varias delas conformaban a grande extensión de terreo ocupada actualmente pola Universidade de Vigo. A súa instalación na nosa parroquia supuxo unha agresiva actuación sobre o que antes era o monte comunal de Marcosende, Cidáns e A Aldea e modificou tanto a súa orografía que, en moitas ocasións, os informantes teñen dificultades para poder localizaren os distintos topónimos.

A Pedra do Campiño

Situada na Chan da Cumieira, no alto da Vaghoada da Regha[2], hoxe non se conserva. Segundo o informante Guillermo Costas, era unha pedra grande que se distinguía porque no medio facía coma un “campiño” de forma circular.

A Pedra do Lagharto

Na parroquia había dúas. Unha, desaparecida, estaba situada no Alto dos Cotos, na estrema coa Caída da Pedreira, máis abaixo da Pedra da Raposa e máis arriba das Pedras do Tío Luís. Na descrición desta pedra hai discrepancias: Laura Costas di que era coma unha lasca; mentres Ángel Pérez, conta que eran dúas pedras situadas de tal maneira que formaban un espazo oco no medio onde cabía un par de persoas deitadas.

A outra Pedra do Lagharto está na Chan da Cumieira, preto da perdida Pedra do Campiño, e pódese chegar a ela subindo pola Vaghoada da Regha, á altura da Curva da Regha. Trátase dunha pedra grande con fendas polo medio, hoxe cuberta de silvas, que recibe este nome porque, cando chegaba o sol, os lagartos arnais (Lacerta lepida) saían alegres a tomar o sol.

A Pedra da Raposa

A pesar de buscar e buscar, os informantes non dan co lugar concreto da Pedra da Raposa; iso si todos coinciden en que estaba por riba da Pedra do Lagharto. Modesto Martínez e Heliodoro Costas din que estaba no Monte da Pedra da Raposa[3], por debaixo da Residencia de Estudantes, na Caída da Pedreira. Chamábase así porque era un penedo oco por debaixo, onde a raposa tiña os tobais.

A Pedra Onde Morreu o Home

Sepultada na cimentación da actual Facultade de Ciencias Xurídicas e do Traballo da Universidade de Vigo, recibe ese nome por un feito anecdótico sucedido nese lugar: a morte dun home. Guillermo Costas cóntame que no camiño[4], que pasaba por riba do Lughar da Rola e que era transitado habitualmente polos estraperlistas que se dirixían a Portugal, apareceu un home morto ao carón dunha pedra e, aínda que non se sabe certo cal foi a causa da morte, sospéitase que morreu de morte natural e non de morte violenta.

As Pedras do Tío Luís

Morea de pedras situadas nunha leira propiedade do tío Luís que estrema coa Leira Ghrande e coa Chan do Carrascal. Cóntase que o tío Luís daquela tiña onzas de ouro e que as puña na man para asollaren.

E aínda non falei da Pedra da Regha, da Pedra do Mouro, da Pedra da Moura, da  Pedra do Pote, da Pedra das Sete Cruces, da Pedra da Becha, da Pedra do Parapeto, da Pedra do Corvo, da Pedra Furada, da Pedra Onde Berregha a Cabra

Onde hoxe está a Facultade de Ciencias Xurídicas e do Traballo (Campus de Vigo) estaba A Pedra Onde Morreu o Home. Foto tirada de http://webs.uvigo.es/depx13/benvida.phpContinúa no substantivo común “pedra” nos topónimos de Zamáns (II)


[1] Os informantes describen os camiños vellos de Zamáns como moi fondos, moi costentos, estreitos e intransitables, e, de feito, non era conveniente atestar moito a carga do carro polos laterais porque existía o risco de quedar atrancado no camiño, cando as paredes eran altas. Tamén contan anécdotas como que, nalgúns camiños, cando un animal que tiraba do carro tiña algún contratempo, era moi difícil axudalo xa que non había espazo suficiente para poder socorrelo.

Nos actuais terreos da Universidade de Vigo, en concreto na Caída da Pedreira, na ladeira que está pola parte de abaixo da Residencia de Estudantes, hai varios penedos que teñen marcados na súa superficie uns sucos profundos que ben podían ser os debuxados polas rodas dos carros de tanto pasaren polos camiños de pedra.

[2] Hoxe plantada de abeleiras, bidueiros, castaños e carballos.

[3] Estamos ante un caso en que o nome individualizado se estende e pasa a designar tamén o lugar que o rodea. Sucede o mesmo coa Pedra Furada, na Chan de Ghaliñeiro.

[4] Todo parece indicar que se trata do antigo Camiño dos Arrieiros, pero o informante non o asegura.

3 reflexións sobre “O substantivo común “pedra” nos topónimos de Zamáns (I)

  1. Antes de nada, dicir que me encantou o artigo. Só teño unha dúbida. Tiña entendido que o lugar onde está a Facultade de Ciencias Xurídicas era coñecido como O Campo da Aldea, e A Pedra Onde Morreu o Home estaba na baixada da Cumieira (que é onde está Filoloxía). De ser como dis, onde estaría situado O Campo da Aldea? Ou este topónimo fai referencia ao lugar onde estaba A Pedra Onde Morreu o Home?
    Como xa dixen, moi bo o artigo.

    • Ana, alégranme moito os teus parabéns e agardo que sexas unha usuaria moi activa no blog!
      No percorrido pola zona do campus universitario preguntei expresamente polo chamadouro O Campo da Aldea, xa que ningún dos informantes o pronunciara no transcurso da xeira. O resultado foi que o que eu lles suxería como O Campo da Aldea, eles identificárono co Monte de Cidáns. Este era monte comunal onde se facían as partillas para apañar o toxo, e chamábase así porque esa área en concreto correspondíalles aos barrios de Cidáns e da Aldea, ademais de incluír tamén o lugar de Vilariño, aínda que este pertencese a Marcosende.
      O Monte de Cidáns abranguía unha superficie que ía desde a Fonte das Ovelleiras (ou Abelleiras), na zona da Biblioteca Central, cara ao leste, ata A Cumieira e O Ghandarón, lindeiros co concello de Mos. Daquela, e como ti ben dis, A Pedra Onde Morreu o Home pertencería ao Monte de Cidáns e fai referencia a un punto concreto, neste caso unha pedra.
      Non sei se disipei as túas dúbidas ou te enredei aínda máis. Penso que tamén hai que ter en conta que os terreos que hoxe ocupa a Universidade de Vigo sufriron unha gran transformación e, ás veces, os informantes, que levan toda a vida en Zamáns, teñen dificultades para situar con certeza os microtopónimos.

  2. Pingback: O substantivo común «pedra» nos topónimos de Zamáns (II) | Toponimia de Vigo

Os comentarios están pechados.