O substantivo común “pedra” nos topónimos de Zamáns (II)

Vén de O substantivo común “pedra” nos topónimos de Zamáns (I)

E el era que se era unha parroquia onde un día moraron os mouros, ou iso é o que reflicten certos topónimos da parroquia de Zamáns. Seica ninguén os viu nin tocou, pero, segundo o imaxinario dos zamaneses máis vellos, estiveron ou habitaron estas terras, e por iso deron nome a elementos naturais, como pedras ou minas.

A presenza mítica destes seres insírese na rica tradición galega de lendas protagonizadas polos mouros, formando parte do patrimonio inmaterial de noso, ao igual que os topónimos. Agora ben, na actualidade, a permanencia destas lendas, mantidas grazas á transmisión oral interxeracional, vese ameazada; os pais non lles relatan aos fillos lendas ou contos de noso, nin os avós aos netos, en gran medida porque os novos xa non teñen as mesmas referencias sociais e espaciais que os vellos: non van coas vacas ao monte, o seu universo constitúeno as redes sociais ou os infinitos aparellos tecnolóxicos.

A Mina Encuberta ou A Mina dos Mouros[1]

Estaba situada no Monte da Pedreira, nunha zona indeterminada entre o actual pavillón universitario e a piscina, xa preto das Laghoas. Era unha cova formada por pedras verticais situadas nos laterais e unha horizontal na parte superior. Tamén alí existía un tesouro que era gardado polos mouros. Alén da lenda, o que si é certo é que os veciños a usaban como acubillo nos días de chuvia e frío do inverno, porque era moi abrigadiña.

Un pouco máis arriba, entre A Chan do Marco Novo e O Monte da Pedreira, consérvase hoxe unha necrópole megalítica[2].

Arqueo-CUVI: Prospección con Xeo-radar no CUVI

 A Pedra da Moura

Contan que era unha pedra con certa inclinación localizada na Caída da Pedreira, nos terreos hoxe pertencentes á Universidade de Vigo, por riba da Pedra do Lagharto[3]. Alí, debaixo desa pedra, vivía unha moura que, de cando en vez –algúns din que cada cen anos–, saía ao exterior, peiteaba o longo cabelo, lavábase, vestíase e volvía agocharse, talvez para gardar un fermoso tesouro.

A Pedra dos Mouros[4]

Da man do informante Manuel Figueiredo, demos coa Pedra dos Mouros, na Chan das Beilladas[5], na estrema co extenso monte do Pedrón do Couto e coas coutadas do Alto de Vales, xusto fronte á leira coñecida como Os Eucaliptos do Médico[6]. É unha pedra bastante grande, cravada en punta na terra, situada nun anaco de terreo máis alto que sobresae sobre a chan, ocupando unha cota superior. Agora ben, segundo o veciño, non está exactamente a como el a lembraba. Conta que a superficie circular ao redor da pedra formaba coma unha concavidade de certa profundidade, dando a sensación de que a pedra se situaba nun nivel inferior rodeada de paredes de valado; e, onde hoxe só hai matogueira, daquela medraba a herba. Debaixo, soterrado, disque se custodiaba unha mina de ouro e unha gran cantidade de obxectos valiosos.

A Pedra dos Mouros, na Chan das Beilladas, en Marcosende. Foto de Ana Rosa Varandas.

A Pedra da Regha

Está situada por debaixo da Curva da Regha, indo cara á Devesa Pequena e aos Pastos da Devesa, no lugar de Vilariño. A pesar de que non se relaciona coa tradición dos mouros, o informante Guillermo Costas narra que os devanceiros quixeron abrir unhas minas furando en dirección ao monte de Cela, pero, a unha certa altura, sentiron tal estrondo, coma se un gran caudal de auga viñese cara a eles, que os asustou e obrigou a regresar. Tiñan tanto medo de que a auga asolagase as terras e as casas que decidiron tapar para sempre as minas e esquecerse de tentar o demo.

E disque este conto foi certo porque aínda lembran que pola zona da Pedra da Regha había unhas grandes fochancas por onde saía moitísima auga.


[1] O nome máis estendido é A Mina Encuberta.

[3] Outros informantes sitúana incluso máis arriba, case na estrema coa Entidade Local Menor de Bembrive.

[4] De xeito ocasional, tamén se escoita en singular: A Pedra do Mouro.

[5] Outra das zonas onde se botaba habitualmente o gado e pasaban o tempo xogando ao pateiro ou a outros xogos tradicionais, ou tamén, por que non, beillaban uns bailes.

[6] Todos os informantes, cando se refiren a esta leira, din Os Arcolitos do Médico.

Unha reflexión sobre “O substantivo común “pedra” nos topónimos de Zamáns (II)

  1. Pingback: O substantivo común «pedra» nos topónimos de Zamáns (I) | Toponimia de Vigo

Os comentarios están pechados.