Chamadouro

Depois de ler o post de Alberte sobre a voz chamadeiro en Xeve[1], andaba eu na procura da súa pegada en Zamáns. Tardei en escoitala, pero por fin aí estaba, só era preciso que os informantes deixasen fluír a riqueza lexical. Agora ben, na miña terra a forma usada é chamadouro, con ditongo –ou–, do mesmo xeito que temos lavadouro ou vasoura, en consonancia coa forma empregada no resto do Val do Fragoso e tamén maioritariamente en Portugal[2], tal e como explica Iván Sestay[3]:

“Repárese, por último, na forma Lavadouro, radicalmente fragosiña, diverxente do galego xeral lavadoiro. En terras de Vigo dise lavadouro ‘lavadoiro’, petouro ‘peteiro das aves’, vasoura ‘vasoira feita de xestas ou rusco’, postouro ‘lugar onde se poñen as chaves’, corredoura ‘corredoira’ etc., etc., etc. Igual que nunha pequena zona do sur de Galicia como o Val Miñor, o Morrazo, a Louriña, o Baixo Miño (cos vales de Tebra, Tamuxe, Forcadela e O Rosal, e as terras ribeiregas de Oia e mais da Guarda), tamén na terra de Entenza e maila de Sobroso e gran parte do Condado ata polo menos o val de Tiela, onde anotei vasoura, xa non na Paradanta nin en Mañó de Redondela nin no val de Borbén –polo menos na súa parte alta–, onde xa se escoita lavadoiro, vasoira, etc. (tamén a terminación -ouro é a máis común en Portugal)”.

 

Aconteceu na primeira saída que realicei con dous dos informantes do barrio de Vilaverde, Prudencio Freiría e Manuel Alonso. Iamos baixando polo Camiño Real e, en chegando á Presa de Zamáns, preguntei por un topónimo que acababan de nomear:

                         –E por que lle chaman Os Cavadóns?

                         –Ai, pois non che sei por que lle puxeron ese chamadouro –contestou Prudencio.

                         –Como dixo…, esa palabra? –preguntei.

                         –Que non se sabe por que lle puxeron eses chamadouros.

                         –Chamadouro? –insistín.

                         –Si, chamadouro –engadiu Manuel.

                         –E que significa chamadouro?

                         –Pois o nome que recibe este lugar, aquela cousa… –contestaron.

Chamadouro é un substantivo derivado do verbo chamar (< lat. CLAMāRE) que significa, tal e como nos dixeron os veciños, ‘nome que se lle dá a un lugar ou a unha cousa’ e que se pode estender tamén a persoa.

Agora ben, aínda sendo unha palabra viva na lingua falada, na parroquia pontevedresa de Xeve coa forma chamadeiro e en Zamáns como chamadouro, este substantivo non se reflicte como tal no Vocabulario ortográfico da lingua galega (VOLGa)[4], nin nos dicionarios de galego que pon á nosa disposición o mercado editorial actual. Con todo, o Gran diccionario Xerais da lingua[5] si recolle, como forma non estándar, a variante chamadoiro[6] co significado de ‘nome, denominación dunha persoa, especialmente cando é diferente da oficial’, optando polo ditongo –oi–, forma preferida do galego común. Ademais, rastrexando no Corpus de referencia do galego actual (CORGA)[7], obtemos como léxico de uso chamadeiro e chamadoiro:

  •  Chamadeiro, unha referencia nun documento:

                      “Nengún dos fillos lle soubera dar á cousa en rigor un chamadeiro, o que co tempo atinamos en lle dar algúns dos netos”. [8]

  •  Chamadoiro, catro referencias en tres documentos, pero só nos interesa unha polo seu significado:

                       “Púxenme a buscar no libro dos nomes un chamadoiro para o meu sobriño nascituro, que despois resultou ser sobriña, pero a cada páxina dábame un ataque de risa, e cambiei para o outro que levaba, unha obra de teatro de Antón Vilar Ponte chamada Os evanxeos da risa absoluta […]”.[9]

Esta é unha mostra de que o traballo de campo do toponimista non se limita só a recompilar os nomes de lugares, senón que tamén permite sentir en primeira persoa a riqueza do galego, aínda vivo nun sector da poboación pero en risco de desaparecer. Neste caso, a través dos veciños e veciñas de Zamáns, incorporamos ao noso vocabulario un novo termo: chamadouro. Agora, só de nós depende utilizalo e insuflarlle a forza dun buxo.

 

 


[2] Segundo o Dicionário onomástico etimológico da língua portuguesa (vol. I; 2ª edição, 1993), de José Pedro Machado, Chamadouro existe como topónimo en Arcos de Valdevez, Braga, Santa Comba Dão e Sever do Vouga.

[3] SESTAY MARTÍNEZ, Iván (2008). Toponimia do Val do Fragoso 1. Coia. Vigo: Universidade de Vigo, p. 76.

[5] VV AA. (2000). Gran diccionario Xerais da lingua. Vigo: Edicións Xerais de Galicia.

[6] Tamén se recolle chamadoiro, ‘nome que se lhe dá a uma cousa’, no Dicionário electrónico Estraviz: http://www.estraviz.org.

[7] Pode consultarse en: http://corpus.cirp.es/corga.

[8] RÁBADE PAREDES, X. e VILLAR JANEIRO, H., (1980). Morrer en Vilaquinte. Santiago de Compostela: Universidade de Santiago de Compostela.

[9] CABANA, Darío Xohán (1994). Vidas senlleiras. Vigo: Edicións Xerais de Galicia.

5 reflexións sobre “Chamadouro

    • Si, si, do que se trata é de irmos coñecendo máis a nosa lingua (non só a que se recolle nos dicionarios ou nas obras máis académicas) e de intercambiar coñecementos. Moitas grazas polos parabéns, Marián.

  1. Pingback: Poulo | Toponimia de Vigo

  2. Pingback: Borrador -proba- | Toponimia de Vigo

  3. Tamén en Xeve-Fragoso, miña tía Candida (candida de lucía), tiña por muita costume utiliza-la palabra “chamadeiro” para referirse a nomes de diferentes sitios é propiedades.
    Tía Candida, finou o trinta de marzal do ano 2003 cando cumpría 92 anos.

Os comentarios están pechados.