As casas da Fonte Escura

Cando pescudaba sobre a toponimia de distintos lugares, antes de comezar este traballo, preguntaba polas voces que nomean o medio físico: os nomes das regueiras e dos altos, dos outeiros e das costas, das chans e dos arroios… Será porque a cabra sempre tira ao monte. Tamén preguntaba pola paisaxe cultural, actual ou prehistórica, aínda que en maior ou menor medida toda a terra foi modificada pola intervención humana nun proceso milenario de xeracións e xeracións. Sen embargo, endexamais se me pasara pola cabeza inquirir polos nomes das casas. É curioso, pero dentro do meu universo toponímico as casas non tiñan nome.

Unha vez que comezou a miña primeira recollida dunha parroquia, unha das cousas que máis me chamou a atención foi precisamente a enorme importancia que teñen as casas na articulación toponímica do territorio, neste caso da freguesía de Candeán. A vivenda –e a agrupación das mesmas en pequenos casais- constitúe o núcleo en torno ao cal se distribúen concentricamente as hortas e as froiteiras, as veigas e os prados…e finalmente o monte. Da mesma maneira, ao redor do nome da casa xorde o nome do eido e do lugar; logo o nome dos campos, viñas, seghedos, e demais aproveitamentos vencellados á casa; finalmente das súas coutadas, xa en terreo forestal e aos pés do monte comunal. E articulando as casas e os casais co conxunto da parroquia e co exterior, os nomes dos carreiros e dos camiños -por veces canicouvas– que en moitos casos adoptaron tamén o nome do propietario ou propietaria dunha casa de referencia (O Camiño do Mantido, O Camiño do Xaméndez…).

Da mesma maneira que o compañeiro Anxo, que como sabedes está a recoller na parroquia de Comesaña, reparou na importancia da casa matriz na conformación da paisaxe rural e na toponimia das nosas parroquias –tal e como aparece reflectido no artigo que publicou recentemente, tamén eu me topei con esta realidade en Candeán. As casas antigas resultan imprescindíbeis para a comprensión da toponimia actual, e sen elas os mapas toponímicos quedarían bastante deslabazados e incompletos.

A casa é a unidade máis elemental de poboación. Na nosa área as casas agrupábanse en pequenos casais, que á súa vez se unían entre si para formaren unha parroquia. Xa no Catastro do Marqués da Ensenada aparecen rexistradas no actual bairro da Fonte Escura oito casas terreñas, cinco casas de un alto e unha casa en ruínas. Estas vivendas aparecían repartidas entre os lugares de A Parachán, A Fonte da Barca e a propia Fonte Escura. Curiosamente, as casas de un alto concentrábanse todas elas no lugar da Fonte Escura, constituíndo a única agrupación de casas “ricas” de toda a parroquia de Candeán.

Fonte Escura, Candeán

Casas. Fonte Escura, Candeán

O histórico documento ofrécenos unha imaxe retrospectiva da parroquia de Candeán no ano 1753. Podemos imaxinar unha poboación pouco densa agrupada en pequenos casais, compostos por un reducido número de construcións, polo xeral casas terreñas. As vivendas, coas súas hortas e fruiteiras, estarían rodeadas dunha vasta área agrícola salpicada de numerosos retallos forestais de devesas e soutos, que deixarían paso nas zonas máis elevadas ao monte común, adicado maiormente a mato e pasteiros naturais.

Naquel tempo, a vivenda predominante na parroquia de Candeán era a casa terreña, construción aínda viva na memoria dos veciños de certa idade. Os máis “privilexiados” habitaban nas vivendas que aparecen rexistradas como de un alto, que pasando o tempo se acabarían convertendo no prototipo de vivenda labrega, con corte para os animais no nivel inferior e vivenda sobre piso de madeira. Estas vivendas foron aumentando en número a medida que pasaban os anos. A proximidade da parroquia ao núcleo urbano de Vigo e o temperán desenvolvemento industrial da cidade fixeron que estas áreas de transición entre o mundo urbano e o rural medraran con rapidez, aumentando progresivamente o número de edificacións. Nas últimas décadas, a maré urbanizadora foi de tal magnitude que moitas leiras agrícolas foron edificadas, desaparecendo en grande medida a paisaxe agraria orixinal, ao tempo que se diluía a antiga estrutura rural da parroquia, que dividida en forma de casais ocupaba de xeito disperso as superfícies agrícolas. Por outro lado, moitas destas vivendas de nova feitura corresponden a poboación non nativa, en moitos casos desvencellada do mundo labrego.

O proceso de perda patrimonial que estamos a experimentar é duplo: primeiramente desaparece o espazo rural físico, e despois –en cuestión dunhas décadas, a medida que a xente maior vai desaparecendo – vai morrendo tamén o patrimonio oral, e con el a toponimia. Este proceso, que está sacudindo a memoria do noso país con efectos devastadores, non é homoxéneo: primeiramente desapareceron moitos dos nomes que designaban o monte común, a medida que se extinguía o pastoreo extensivo. Logo, co abandono do campo, desapareceron unha chea de nomes que designaban as coutadas e mesmo as leiras agrícolas. Mais os nomes das casas aínda resisten con forza a erosión da nosa toponimia, sólidos como a mesma pedra de gran con que foron erguidas polos canteiros. Os nomes das casas e dos lugares aférranse en maior medida que calquera outro topónimo á memoria dos maiores, seguramente porque constituían o núcleo da vida familiar e social da parroquia.

Auténticas casas fundacionais da actual parroquia de Candeán, poucas conservan hoxe en día a súa fasquía orixinal, pois as máis delas foron substituídas por edificacións de nova factura. De entre estas vivendas históricas, que constitúen o cerne do actual bairro da Fonte Escura, algunhas casas destacan pola súa antigüidade; algunhas delas son centenarias, como A Casa de Genaro, A Casa do Bufa e O Bar do Modesto -coñecido en tempos como O Bar de Isabel do Vilas, sendo posibelmente unha das tascas máis antigas do concello de Vigo.

Como ben apunta Anxo no seu artigo Os nomes das casas, o nome da vivenda correspondía ao do propietario ou propietaria. Normalmente o nome da persoa era seguido polo seu alcume, mal nome ou apoio. Pero podía conter tan só un apelido, ou simplemente o alcume, sen citar o nome propio.

As casas cambiaban de nome co paso do tempo, na medida en que se incorporaban novos inquilinos, aínda que os alcumes adoitan perviver durante xeracións. Noutros casos, unha mesma casa podía ter ao mesmo tempo dous nomes distintos: o nome da muller e o nome do home. É o caso da Casa de Tío Benito da Parachán, tamén chamada de Tía Pura a Ghatilla; ou da Casa do Senlle, coñecida tamén como A Casa da Tía Catalina.

A relación de nomes de casas que están aparecendo é longa, vou citar só uns poucos como exemplo: As Casas das Taboada, A Casa da Becha, A Casa da Pegha, A Casa da Tía Carmela, A Casa do Patelo, A Casa de Tía Carme a Patuca, A Casa da Bruxiña, A Casa do Cañón, A Casa do Mantido, etc.

 En torno a estas casas vedraias xiraba a vida familiar e social da parroquia, e nas súas paredes ficou grabada a intrahistoria e a memoria común de Candeán. Cada unha delas tiña algo de particular, e contribuía ao seu xeito á construción da memoria común da parroquia. A Casa de Doña Amalia -por pór un exemplo- era a máis forte do lugar, e xunto coa extensa Finca de Doña Amalia –xa pasaba da categoría de lugar– era atendida por criados. Era mestra, e pola súa escola –A Escola de Dona Amalia– pasaron cando rapaces os maiores todos da Fonte Escura.

 En moitos casos, os alcumes dos seus antigos donos foron incorporados á cartelería local, mais poucos veciños lembran na actualidade a orixe dos mesmos. Por exemplo: O Camiño do Cereiro –coñecido tamén como O Camiño do Mantido– refírese ao antigo propietario da Casa do Cereiro. Non o alcumaron desa maneira porque se adicara ao oficio de elaborar velas con cera de abella, senón por un episodio que lle aconteceu ao pouco de casar, cando chegou da procesión do Santo Cristo, á que acudira en Vigo, co traxe negro que levara todo cheo de cera. A cera, sen el decatarse, fóralle pingando enriba durante a procesión, desprendida dos cirios que portaban outros participantes que marchaban acarón seu. Cando, xa de volta en Candeán, o home parou no antigo estanco-bar de Isabel do Vilas (hoxe Casa Modesto), algún dos clientes mirouno por detrás e comentou:

-Aí ven o cereiro!

 E Cereiro lle quedou para o resto da vida. O alcume tivo éxito, e hoxe en día os seus descendentes son coñecidos como “os do Cereiro”.

Outro caso que podería dar lugar a mal entendidos é o da Casa do Inglés. Non é que o propietario desta casa fora de nacionalidade inglesa: O Inglés era avó da miña informante, Pilar. Chamábanlle así porque estivera embarcado nun cableiro inglés, o Polka.

Un nome que non dá lugar a equívocos é A Casa do Xaméndez. O nome oficial do seu antigo propietario non podía ser outro que “Juán Méndez”.

 Naqueles tempos, a casa particular abría con frecuencia as súas portas aos veciños por distintos motivos, participando en grande medida da vida común da freguesía: na Casa do Cantarelo, por exemplo, o seu propietario posuía un boi de posto, ao cal os veciños de Candeán levaban as súas vacas a empreñar.

 Na Casa do Bufa establecíase durante uns días un afiador/paraugueiro ourensán, que durante o tempo que permanecía en Candeán durmía na adega da casa. Na mesma casa paraba tamén, todos os anos, o Señor Nicanor co seu pote, que destilaba augardente para toda a Fonte Escura.

O portal da Cruz

O portal da cruz, Fonte Escura-Candeán

E vou rematar xa volvendo novamente á Casa do Inglés. Era unha casa das máis fortes do bairro, e nela facían furancho. Na longa parede que rodea a finca familiar destaca un valioso elemento patrimonial: un portal de pedra do ano 1808, data que aínda se pode ler nunha inscripción. Chámase O Portal da Cruz, pois está coroado por unha cruz de pedra.

En tempos vivía un méndigo, que pedía esmola polas portas de Candeán: o Señor José do Caldo. Chamábanlle así porque levaba sempre onda el unha panderetiña das sardiñas, na que recollía o caldo que lle daban. Non pedía outra cousa. Home moi devoto, sempre que pasaba fronte ao portal se axeonllaba baixo a cruz e lle adicaba un rezo. Aínda o lembran con cariño na Fonte Escura, como lembran tamén que naquel entón non era raro que alguén, compadecido da súa sorte, o acollera na súa propia casa pola noite, e o deitara a durmir cos rapaces.