Poulo

A medida que nos enchoupamos con centos e centos de microtopónimos, constatamos que, sobre todo naquelas parroquias viguesas que aínda manteñen certo carácter rural, as persoas de máis idade seguen a usar o galego cun vocabulario de seu, que debemos coidar e incorporar á nosa bagaxe lingüísticapara que non esmoreza e se perda na noite dos tempos.

Con anterioridade, dedicámoslle un post á palabra chamadouro, e agora este céntrase no termo poulo, moi presente na microtoponimia das parroquias viguesas estudadas ata o momento: Beade, Bembrive, Coia, Comesaña, Coruxo e Zamáns, aínda que un chisco controvertida e variada en canto ao significado.

Os toponimistas Gonzalo Navaza Blanco[1] e Xulia Marqués Valea[2] defenden que poulo procede do termo latino PāBŭLU ‘pasto’, ‘alimento’, emparentado coa familia léxica de PASCERE, e o feminino poula, do neutro plural PāBŭLA. Tanto unha coma outra seguen vivas na fala (e na escrita), pero nas parroquias viguesas a forma máis rendible é claramente a masculina. Con todo, apoiamos a tese de Iván Sestay[3], ao considerar que esta vitalidade debeu ser maior no pasado. Na fala tamén teñen uso os derivados pouleira (substantivo, formado co sufixo –ARIA) e poulenta (adxectivo), ademais da expresión deixar ou quedar a poulo/poula, ‘terras de labor que se deixan de cultivar, como descanso, para destinalas a pasto ou a calquera outra cousa’. Polo que respecta á escrita, no Corpus de referencia do galego actual (CORGA), poulo ten 12 frecuencias e poula, 19.

Se botamos unha ollada ás obras lexicográficas contemporáneas, comprobamos que poulo só se recolle como lema no Gran dicionario Xerais da lingua[4], aínda que como variante non recomendada, co significado de ‘terreo dedicado a pasto’ e ‘anaco de terra’, mencionando así a acepción etimolóxica; e no Diccionario conceptual galego[5], como ‘terreo con herba verde para que paza o gando’ e ‘prado que seca axiña ao vir a calor e dá pouco pasto’. Mentres, no Dicionario da Real Academia Galega só ten cabida poula, igual ca no Vocabulario ortográfico da lingua galega VOLGa, con tres acepcións: ‘terreo que se deixa sen cultivar para que descanse durante certo tempo’, ‘terreo sen cultivar poboado por maleza, arbustos e pequenas árbores’ e ‘terra seca e erma’.

Pola contra, nunha rápida consulta ao Dicionario de dicionarios vemos que poulo, ademais de poula, aparece como entrada nas obras de Eladio Rodríguez (1961), Franco Grande (1972), Elixio Rivas Quintas (1978, 1988 e 2001) e Constantino García (1985). Por exemplo, Franco Grande define poulo como ‘parcela de tierra’, ‘tierra inculta’ e ‘prado, trozo de terreno con hierbas’.

En canto á presenza de poulo, poula ou derivados, na toponimia, o Nomenclátor de Galicia (NG) inclúe:

  • Poulo
    • Parroquia do concello ourensán de Gomesende (Ourense).
    • Parroquia do concello coruñés de Ordes (A Coruña).
    • Lugar do concello coruñés de Valdoviño (A Coruña).
    • Lugar da parroquia de Teis, no concello de Vigo. Teis).
  • O Poulo
    • Lugar do concello pontevedrés da Cañiza (Pontevedra).
    • Lugar dos concellos coruñeses da Capela e Neda.
    • Lugar da parroquia viguesa de Teis.
  • A Poula
    • Lugar do concello lugués de Pol.
  • As Poulas
    • Lugar do concello ourensán de Montederramo.
  • A Pouleira
    • Lugar da parroquia viguesa de Beade.

Ademais, e en oposición ao que sucede no termo municipal de Vigo agás en Beade, o extenso estudo toponímico realizado por Gonzalo Navaza (2006: 431-435), na provincia de Ourense e algunhas áreas limítrofes, atesta como forma máis estendida a feminina. Só como mostra: A Poula (Baños de Molgas), As Poulas (Montederramo), A Pouliña (Chandrexa de Queixa), A Poula das Carqueixas (Viana do Bolo) e As Poulas Desaforadas (Veiga).

Tamén é a forma masculina a que acredita José Rodríguez Cruz[6] en San Ciprián de Hermisende (Zamora): O Poulo dos Mexacais (poulo co significado de ‘terra erma, que se deixa de cultivar’).

Así mesmo, Poulo[7] figura xa nun pergameo ourensán do ano 1231[8], inventariado no Corpus Documentale Latinum Gallaeciae (CODOLGA):

  • “Seabal, iuxta heremitagium Sancti Pelagii, sicut dividit per portum de Poulo et sicut dividit de Reuoredo et venit ad crucem Sancti”.
  • “ad rivam das Pereyras et includitur per portum predictum de Poulo. damus etiam vobis quicquid hereditatis spectat ad ecclesiam auriensem versus”.

Será sobre todo poulo, pero tamén poula e pouleira, a voz máis espallada pola microtoponimia do concello vigués, onde se testemuñan ducias de lugares así chamados.

Lorena Carrasco confirma que en Beade son máis frecuentes os nomes de lugares en feminino (3, fronte a 1): A Pouleira (entidade de poboación no barrio da Gándara, que está xa no NG); rúa da Pouleira (tamén no barrio da Gándara); Os Poulos (no barrio de Saa, no lugar coñecido como As Freixas); As Poulas (terras de labor no barrio do Porto, nunha zona do que hoxe é o Parque Tecnolóxico). Poulo en Beade refírese a ‘pasto, terreo de herba verde que se rega’.

Iván Sestay (2008: 98), na parroquia de Coia, explica que O Poulo son as terras situadas no cruzamento da rúa do Medio coa rúa do Resío cara ao regueiro da Fontaíña. E A Pouleira está en Balaídos, xusto na desembocadura da rúa Manuel Castro.

Anxo Comesaña recolle un Lugar do Poulo no coñecido como PAU de Navia, nos terreos pertencentes á parroquia de Comesaña.

 

Poulo en Fragoselo (redactado por Afonso González)

Fragoselo é a zona máis alta da parroquia de Coruxo, e comprende á súa vez varios núcleos de menor entidade como A Capela, A Fraga, O Santo Cristo ou A Escola.

Alí, un poulo é un prado con auga, en oposición ao campo onde se cultivaba a herba de maio, que non se regaba. Os poulos non tiñan que estaren situados necesariamente en terreos costaneiros, pero en realidade a maior parte deles si están encravados nestes lugares. De feito, nas terras baixas apenas existen poulos: nelas predominan os terreos barxíos, que ocupan as superficies de aluvión  que se estenden polas marxes dos ríos nos seus tramos medios e baixos (estes últimos na área litoral de Coruxo). Estas terras fértiles e húmidas, situadas en amplas superficies chás, soportaban cultivos de regadío, maiormente plantacións de millo.

Os poulos, en troques, quedaban relegados ás zonas forestais, onde ocupaban unha posición intermedia entre as tomadas –chamadas coutadas noutras parroquias de Vigo– e as ribeiras dos regatos, no seu curso alto. Os poulos adaptábanse ao relevo natural das regueiras onde estaban encravados e presentaban unha superficie inclinada, ás veces cunha gran pendente. Os socalcos, como medio de contención das terras de cultivo en ladeira, apenas existían neste tipo de aproveitamento. O arborado, composto principalmente por especies autóctonas, como o carballo, o castañeiro e a abeleira, aparecía nestas paisaxes de maneira espallada, distribuíndose en forma de mosaico pouco denso ao longo das ribeiras fluviais e nos valados que delimitaban as distintas parcelas (poulos e tomadas).

Poulo, no lugar da Fraga

A mesma pendente do terreo impedía nos poulos calquera tipo de labor, práctica que por outro lado tampouco era necesaria, xa que, cando a herba estaba cumprida, cortábase e, en moitos casos, estendíase sobre o mesmo poulo para delourar ou secar. Unha vez seca a herba, sacudíase para desprender así a semente sobre o prado. Deste xeito, en canto a herba xerminaba, a pradaría quedaba rexenerada. Tamén se podía gardar a semente na casa, como se facía coa herba castelá, ou, como din en Coruxo, herba castellana (Lolium perenne)[9], pero normalmente xa non era preciso. En ocasións, os poulos podían aproveitarse como pradeiras de dente (de pastoreo directo polo gando) onde se levaban os animais a apastar, aínda que era pouco frecuente. A herba, unha vez recollida seca, máis lixeira que en verde, baixábase en carros de bois cando o poulo era accesible, ou ben directamente ao lombo ou sobre a cabeza (as mulleres), recollida en molles[10]. A herba máis característica nos poulos era a chamada herba molar (Holcus lanatus)[11], gramínea con matices morados que no tempo da floración dáballe un bonito colorido ás regueiras de Fragoselo.

Existía, con todo, un problema: os poulos resultaban ser un hábitat moi gorentoso para outras moitas especies vexetais –estas non desexadas–, que competían con vantaxe sobre a herba molar, e que pasado o tempo acababan por desprazala e por facela desaparecer, se non mediaba a intervención humana. Por iso, cando nos poulos aparecían as trocas (Heracleum sphondylium) e o bicio ou brizo (Angelica sylvestris) –plantas moi robustas que acumulan substancias de reserva nas raíces e que rebrotan con facilidade ao seren cortadas­–, estas grandes herbas debían ser capadas, introducindo o fouciño na terra e cortando a raíz o máis abaixo que se puidese; deseguido, arrancábanse. Deste xeito, lográbase conservar a herba molar nos poulos.

Os poulos ocupaban unha posición marxinal na paisaxe agraria de Coruxo, e tamén na repartición das augas da rega durante o verán. A prioridade eran os campos de millo e outros cultivos de regadío, de modo que durante a estación estival os poulos apenas se regaban; só o facían cando o propietario consideraba que lle sobraba unha pouca de auga da cota, repartida entre os regantes en forma de horas, que lle correspondía. Con todo, había tamén moita picaresca, e resultaba habitual que os propietarios dos poulos lles roubasen a auga aos regantes que naquel momento estaban a beneficiarse da súa cota de maneira legal. Naquel tempo, os regos tiñan que ser vixiados de maneira permanente. Pola contra, no inverno non existía unha competencia tan grande pola auga, de maneira que esta circulaba libremente sobre os poulos durante o día. De noite, porén, os poulos non se podían seguir beneficiando das augas do río, pois eran necesarias para pór a funcionar os muíños de río.

O sistema utilizado para regar os poulos era o seguinte: o propietario ou propietaria cortaba a auga do río facendo neste un peirao de pedras e terróns. A auga desviada era conducida a través do rego da agua, que discorría pola cabeceira do poulo, a zona máis elevada. En paralelo a este rego da agua, costa abaixo, existían unha serie de regos secundarios, de escasa profundidade. Cando a auga circulaba pola cabeceira do poulo, practicábaselle ao rego da agua unha serie de cortes, atalladura ou atol. A través destes, a auga baixaba do rego principal e ía inundando o poulo en favor da pendente, sendo freada e redistriuída cada vez que se topaba cun rego secundario. A persoa a cargo do poulo revisaba con frecuencia o sistema de regadío, tendo conta de que a auga alagase o prado de maneira uniforme. A auga que non quedaba filtrada mentres circulaba sobre o poulo volvía finalmente ao regato. Ás veces, cando os poulos ocupaban moita extensión, podían existir entre os mesmos pequenas presas (presotes ou pozos) que facilitaban o regadío.

O termo poulo ten outra acepción máis en Coruxo: ‘terreo que se deixa de cultivar para converterse en pradeira, e por extensión terra abandonada’. Dise, entón, que un terreo quedou a poulo[12]. A mesma expresión existe tamén na parroquia de Candeán, onde porén os prados de regadío non se denominan poulos, senón seghedos[13].

Hoxe en día o termo poulo segue vivo tanto na fala coma nun bo feixe de topónimos de Fragoselo: os Poulos da Rega, os Poulos das Loureiras, os Poulos da Xesteira, os Poulos dos Ratoeiros, etc. Tamén estaban os Poulos do Folón –convertidos hoxe nunha silveira–, que se localizaban sobre o sumidoiro onde desaparecen as augas do Río do Folón, engulidas polo labirinto subterráneo que forman as Covas do Folón.

A maior parte da información que presento aquí procede dunha muller moi especial da parroquia de Coruxo: Emilia Álvarez Moreira, profunda coñecedora dos métodos tradicionais de curación e memoria viva da cultura tradicional de Fragoselo.

 

Poulo en Bembrive (redactado por martabembrive)

Na parroquia de Bembrive, a acepción actual máis estendida de poulo é a de ‘antigo terreo de labor agora inculto’, e tamén se recolle a expresión deixar a poulo. Agora ben, se nos remontamos a uns poucos anos atrás, esta mesma voz falábanos dunha  realidade radicalmente diferente.

Daquela, os poulos referíanse a aquelas terras de propiedade adicadas á obtención de herba para o gado, especialmente vacún. Para este fin, reservábanse preferentemente as propiedades situadas en lugares nos que nacía ou discorría a auga, posto que, como nos di unha informante: “Se non tiña auga, non era poulo nin era nada”.

Neses poulos cultivábase a chamada herba molar, que era, segundo a descrición dos informantes, “máis agarimosa, brandiña, e máis pastosa que a herba castelá, e tiña unha semente foupeira, frouxa, que non pesaba”. Pola contra, a herba castelá era máis dura e posuía unha semente máis grosa, tanto que, en lugar de nos poulos, cultivábase nos campos xa que “ser era boa, era coma o centeo”.

Precisamente, agora polo outono, recollíase a herba dos poulos e, a medida que se amontoaba en feixes ou molles –aínda que tamén había quen a apañaba e a botaba directamente no cesto para despois trasfegar–, repelábase para quitarlle a semente e garantir así o cultivo da seguinte tempada. Porén, nalgúns casos, a necesidade de alimentar o gado impedía deixar herba para semente e, en consecuencia, había que obtela ou ben no mercado[14] ou ben a través dalgunha veciña ou veciño que puidese ter excedentes.

Así mesmo, naquelas casas nas que sobraba esterco, por outra parte algo pouco habitual xa que se destinaba preferentemente aos cultivos de millo e patacas, estercábanse tamén os poulos no inverno, período en que se estendía aquel que se fora acumulando en pilas (‘montes’).

O termo poulo segue vivo na fala e permanece tamén a través de varios dos topónimos da parroquia de Bembrive, onde se recolle tanto na súa forma singular coma na plural:

  • O Poulo
    • Na marxe esquerda do río de Abalde, pouco antes de chegar ao muíño, lavadoiro e ponte homónimos.
    • Situado no Carballal, por riba da Poza de Regueiriños e na parte baixa dos Ameales, lindando ao noroeste coa Lagoa.
  • Os Poulos
    • Máis arriba da coutada do Gancho, en Xestoso.
    • Aos pés das Pugas, campos situados ao final do camiño dos Freires de Abaixo, actualmente rotulado como camiño da Puga. Pódese acceder tamén polo camiño de Peizás, dende a Viña Grande. Unha vez chegamos ao final do camiño asfaltado, atopamos á dereita os campos do Julio, á esquerda os Ameirales, de fronte A Puga e adiante á dereita Os Poulos.

Noutros casos faise referencia ao poulo engadíndolle o localizador da zona onde están encravados, e así atopamos:

  • O Poulo de Xalón: onde o Camiño de Xalón cruza o río do mesmo nome ou Rego de Pontecela.
  • Os Poulos da Fraga: situados na Fraga do San Cibrán.
  • Os Poulos do Muíño: por debaixo da capela de San Cibrán. Presumiblemente, atópanse na mesma zona á que outras e outros informantes se refiren como As Veigas do Muíño.

Para finalizar é interesante destacar o caso do topónimo O Poulo Verde, que remite á zona situada fronte á porta de entrada aos terreos do Círculo Recreativo Mercantil, por debaixo da estrada das Plantas. A veciñanza do San Cibrán e do Carballal levaba o gado a pastar a este lugar porque o consideraban de boa calidade, enfatizada co adxectivo verde, pero precisamente trasladábanse ata alí porque era monte comunal, non un poulo.

 

Poulo en Zamáns (redactado por beazamans)

En Zamáns temos O Poulo no barrio de Vilaverde, lindando coa Barreira polo leste e coa Estrada de Vilaverde polo norte e noroeste, pouco despois da Ponte do Río, dirección monte de Ghaliñeiro. Os informantes entrevistados comentan que é un chamadouro recente; de feito, eles din que esa leira pertence a Vilaverde de Abaixo, xa que O Poulo forma parte dun campo meirande, mais sucedeu que uns ferrados dedicáronse a labradío e outros, os menos, deixáronse a poulo ‘sen traballar’. Daquela, nacería como un nome diferenciador de dúas partes dun todo que se destinan a distintos fins. O Poulo recibe auga do Regho de Vilaverde, que máis adiante se denomina Regho dos Pabeghóns porque rega precisamente Os Pabeghóns.

Segundo nos comenta a veciñanza, poulo en Zamáns refírese a un ‘pasto que está mal coidado, onde crece a herba en por si, dun xeito natural, sen sementar, e que non se esterca’; coincidiría pois cunha das acepcións que se testa en Beade, Bembrive e Fragoselo. En Zamáns diferénciase entre campos, pastos[15] e poulos. Nos campos, nos que se labraba e sementaba millo ou pataca, botábase, igual que en Bembrive e Fragoselo, herba castelá ou herba xoia (ou xoio), a preferida polo gado, despois de recoller o millo. Ben é certo que nos últimos anos estas especies foron desprazadas pola herba de san Bertolameu, máis serodia. Mentres, a herba molar destinábase ao pasto, onde comía directamente o gado.

O poulo serían tanto campos coma pastos que se deixan de traballar, que poden regarse ou non –aínda que é máis frecuente non regalos porque adoitan ser máis secos–, e aos que se leva o gado para rapar a herba. Nunha das escrituras, datada en 1979, que amablemente me proporcionou un dos informantes, puiden comprobar que se inclúe o termo común poulo para referirse ao tipo de terreo: “Poulo nombrado Bugalla…”.

Na actualidade, en Zamáns hai moitos terreos que se deixan ou quedan a poulo; tanto é así que, durante as andainas, os informantes repetían coma se fose unha ladaíña: “Non é campo nin é pasto, aghora é todo poulo porque non se traballan”.

 


[1] NAVAZA BLANCO, Gonzalo (2006), Fitotoponimia galega, A Coruña, Fundación Pedro Barrié de la Maza. p. 431.

[2] MARQUÉS VALEA, Xulia (2004), Toponimia de Trabada, Santiago de Compostela, Xunta de Galicia. p. 783.

[3] SESTAY MARTÍNEZ, Iván (2008), Toponimia do Val do Fragoso 1. Coia, Vigo, Universidade de Vigo. p. 98.

[4] VV.AA. (2009), Gran dicionario Xerais da lingua, vol. II, Vigo, Edicións Xerais de Galicia.

[5] VV.AA. (1997), Diccionario conceptual galego, Laracha. Xuntanza Editorial S.A.

[6] RODRÍGUEZ CRUZ, José (2007), Cultura e fala popular de San Ciprián de Hermisende: unha achega etnográfica e léxica para o estudo do idioma galego en áreas periféricas da nosa comunidade, Ourense: Deputación Provincial.

[7] Non facemos referencia aquí ás formas Padul, Padule e Poullo, que, segundo Gonzalo Navaza, son unha falsa restitución latinizante da consoante intervocálica (2006: 434). Agora ben, á vista de Padul (ano 1045) e Padule (ano 1048), podemos teorizar sobre unha orixe a partir do latín PADULIS ‘pantano’, tal e como defende o talasonimista Xosé Lois Vilar? Ata agora, coa documentación incorporada no CODOLGA, Poulo, documentada no ano 1231, sería unha forma posterior a estoutras.

[8] DURO PEÑA, Emilio (edic.) (1996), Documentos da Catedral de Ourense, Santiago de Compostela, Consello da Cultura Galega.

[9] En portugués, denomínase azevém perene ou erva castelhana.

[10] Nas parroquias de Bembrive e Zamáns tamén se rexistra a voz molle, e non mollo, a considerada no Dicionario da Real Academia Galega.

[11] En portugués, a erva molar ou erva lanar coincide coa especie que en Coruxo e en Bembrive se coñece como herba molar, aínda que na Guía das plantas de Galicia (Edicións Xerais de Galicia, 2008), de Xosé Ramón García, esta planta recibe o nome de herba triga (pp. 415-416).

[12] Con este significado tamén se recolle en Beade, Bembrive e Zamáns.

[13] Tamén se denominan seghedos na parroquia veciña de Cabral.

[14] Dúas informantes lembran que se desprazaban á parroquia veciña de Zamáns para mercar a semente da herba castelá. Unha delas engade tamén que adquirían o xoio, outra das herbáceas cultivadas nos campos da parroquia, na Farrapeira, alá por Ponteareas.

[15] Un veciño de Zamáns, oriúndo da Cañiza, comentoume que para el os pastos son anellos.

4 reflexións sobre “Poulo

  1. En Comesaña, acontece o mesmo que en Zamáns e outras zonas do Fragoso. A palabra poulo, fai referencia a aqueles campos ou tomadas ( coutadas para outras parroquias), que non se traballan e por conseguinte soen estar a prado ou matogueira. A recollida de Comesaña, deu nomes referentes ao mesmo: como ben comentou Bea, O Lugar do Poulo no actual PAU de Navia, xa no monte O Poulo ou As Tomadas Vellas, O Campo de Poulo…

    • Estráñame que, aínda sendo unha palabra moi empregada polos veciños e veciñas de Zamáns, só a rexistrara nun topónimo, polo menos ata agora.

      • Pois ollo porque ás veces téñeno como algo tan común na súa fala que quizáis non o teñan na súa cabeza nin como nome, senón como un xenérico normal e ao cal se refiren como nome pero en realidade non o teñen en conta como tal.
        Na parroquia de San Martiño de Borreiros en Gondomar, pregunteille a unha muller todos os nomes que soubera do seu barrio e díxome unha chea deles, e así a moita xente nativa… Mais non foi ata o mes de comezado o traballo cando alguén me dixo logo de eu preguntarlle se sabían onde estaba A Chan do Monteiro: – Ah pois non sei, a ver si vai ser ahí na Feira. E eu: Na Feira? Si rapas, ahí na Feira do Sete. E resulta que era a chan onde se realizaba unha antiga feira de gando o 7 de cada mes…. E da que todo o mundo vía como algo tan común que mesmo se esqueceron dela…

        • Si, tes razón, Anxo. De certo é un xenérico moi empregado na parroquia. Como topónimo só me aparece no caso que mencionei no artigo, pero tamén con reservas porque os informantes puntualizan que formaba parte dun campo máis extenso, de Vilaverde de Abaixo.

Os comentarios están pechados.