O alumnado do CEIP Coutada-Beade pescuda sobre a toponimia do lugar

Hai uns días recibimos un correo do CEIP de Coutada Beade. Contaban que o ano pasado (2011) os nenos e nenas do colexio realizaran un traballo sobre toponimia. Neste traballo colaboraron, non só o alumnado do centro, senón tamén as familias e a veciñanza da parroquia.

Hoxe queremos achegarvos esta preciosa iniciativa. Que serve para recuperar a toponimia do lugar e máis tamén para que estes nenos e nenas e as súas familias tomen conciencia da súa importancia, dos significados que nos achegan e da historia que ocultan, a nosa historia.

 BEADE

Chámase así porque se di que era terra de beatos.

  • Beade e Beadenses. (Sandra C. 2ºB)

-A primeira referencia escrita da parroquia data de 1160, rexistrando a documentación da igrexa de Beade no control administrativo das terras de Beade.

-Beade está situada ao sur de Vigo, a unha distancia de 6 Km. entre os ríos Xerxas e Eifonso. No norte limita con Valadares, no sur e leste con Zamáns e Bembrive, e no oeste con Sárdoma e Castrelos. San Estevo de Beade ten máis de 745 ha., rodeados dos ríos Xerxas, Mao, Babio e Quintián e o Val do Fragoso. O froito que máis abonda é a cereixa, sendo unha das súas festas máis importantes a exaltación deste produto.

  • Camiño de Frascuelo

-Chámase así porque antigamente era parte das fincas do avó da bisavoa do alumno Jorge Costas.

-Está situado entre a estrada do Porto e a de Ramilo Pascual.

-Sempre foi o único camiño que se empregaba para facilitar o acceso á finca, cos seus burros e bois, á xente que vivía na zona máis alta de Beade (Porto-Quintián-Presas, etc).

-Tamén viña o ferrador para cambiar as ferraduras aos animais e consultarlle algunhas molestias, pois este home facía ás veces de veterinario. Era o único ferrador da contorna de Beade, e estaba situado na parte de abaixo do único bar-restaurante-baile que había en Beade.

  • Camiño da Vaca Morta (Irmáns Abalde Iglesias 1º e 5º)

-Segundo os anciáns do lugar, din que hai moito tempo, caira unha vaca do monte e morrera.

-Está situada preto do centro cultural e do colexio Coutada.

  • Camiño dos Seixiños. (Yago Rial 2º)

-Está situado no barrio das Presas e chámase así porque antigamente os camiños estaban cheos de seixos.

-Seixo: é unha pedra dura e de pequeno tamaño que a erosión volveu lisa e redondeada.

  • Seixo (Sara G. E.I. 4º)

-A estrada do Seixo, está situada na zona do mesmo nome dentro do barrio de Babio. Debe o seu nome á cantidade desas pequenas pedras pulidas que había nas coutadas da zona.

-Para poder edificar as primeiras casas, a finais do século XIX e principios do XX, tivéronse que sacar ducias de carros cheos de seixos.

  • Rúa do Laranxo. (Iván del Río 3ºa, Rubén 2ºA)

-Segundo din a nosa rúa ou camiño foi a primeira en ter nome en todo Beade. Foron os propios veciños os que asfaltaron o camiño e decidiron mercar unha placa. O concello respectou o nome que xa tiña cando decidiron poñer placas a todos os camiños.

-Poderiamos pensar que é zona de laranxeiras, nembargantes non é así, aínda que os máis vellos din que si as había en tempos.

  • Rúa/camiño Chabarras (Mario González1ºA)

-Esta rúa foille posto o nome de Chabarras en honra a un bisavó materno do alumno, Guillermo Alonso Argibay (alias CHABARRAS). Guillermo era canteiro e nos anos 60, xa xubilado, construíu a meirande parte dos muros de contención do camiño, que posibilitaron o asfaltado posterior da dita rúa. Como anécdota, salientamos, que ao muro máis grande de todos chamóuselle “O muro da vergoña”, en similitude co que se fixera na Alemaña nazi, xa que se tardara moito tempo en construír (o de Chabarras).

-Este camiño une a avenida de Ramilo Pascual co camiño de Seixiños.

  • Camiño Batalla (Andrea Cid 2º)

-Seica hai moitos anos os rapaces pequenos, que xogaban nas rúas, facíano ás batallas xusto neste lugar.

  • Camiño da Pousa (Carla Alonso 2º)

-Antigamente dábase pousada á xente que viña de Tui a Vigo. Está situado no barrio do Porto.

  • Camiño dos Muiñeiros (Carla Alonso 2º)

-No mesmo camiño existía unha casa que posuía un muíño eléctrico que moía por …….. Que quere dicir que por moer o gran tirábanche fariña como pago.

-Está situado no barrio de Babío.

  • Venda (Adela M.5º)

-Venda, refírese á venta, negocio hoteleiro.

-Coincide co camiño Real Medieval (que aínda se conserva) de Vigo a Tui. Este camiño foi empregado polas tropas do Xeneral francés Chapuzet que se enfrontou ás tropas de Vigo na Subida á costa, no seu cometido de auxiliar ao continxente napoleónico que defendía a praza de Vigo, e na que faleceron tres veciños de Beade o 28 de marzo de 1809.

  • Camiño da Pereiriña (Iván M. 5º)

-Chámase así polas pereiras. Está situado na venda, na estrada do Concello.

-Para Iván é especial porque foi o lugar onde se criou.

  • Rúa Coutada (Ainhoa V. 5º)

-Chámase así porque era un barrio chamado Coutada, chamábase porque había moitas coutadas (terreo de monte valado).

-É a estrada principal da parroquia.

  • Camiño do Lameiro (Antón 2º)

-Característico deste camiño é a cantidade de lama que se producía por conter moita auga (sobre todo no tempo de chuvias).

-Está situado no barrio Carballo do Pazo.

  • Rúa Lagoa (Uxía B. 2ºB)

-Chámase así porque é zona lagoenta

-Está situado no barrio de Balde, ao noroeste da parroquia de Beade e limita con Bembrive e Sárdoma.

  • Camiño das Fonas (Raquel V. 1ºB)

-Fonas é o alcume da avoa de Raquel e a súa Tía-avoa. Onde viven se lle chama así.

  • Volta do Demo. (Teresa 2ºB)

-Na Volta do Demo vivía o bisavó de Teresa, un home moi traste. Tratábase dunha curva moi pechada e perigosa que facía a estrada

-Dicían os veciños cando se atopaban con él “aí vai o Demo”.

-E así resultou o nome da rúa, xa que vivía moi preto dela. A Volta do Demo.

  • Camiño da Barreira (Sergio P. e Uxía P. E.I. 4)

-Chámase así porque antigamente había moito barro (barreiras) e a xente viña a buscalo para facer fornos de fundición de campás de San Xurxo.

  • Camiño do Alén (Violeta e Raquel 3º)

-Alén (<lat. Ad illinc “de alá”) ten o significado adverbial de “ao outro lado; na parte de aló”, e tamén significa “o outro mundo; o mundo dos mortos”. Calquera dos significados podería acaerlle ben ao camiño do (ou de) Alén, tendo en conta que hai moitos anos era un camiño estreito e escuro, que transcorría entre os campos de cultivo e o monto (coutadas), no que hai case corenta anos construíran o colexio Coutada. Unha idea do apartado tétrico que parecía este camiño pode dármola o feito de que moita xente o chama, especialmente na zona inicial, “a Toba do Lobo”.

-Pero o Camiño do Alén tamén era o lugar polo que tradicionalmente se levaban aos mortos ao cemiterio, comitiva que continuaba polo camiño da Batalla, onde aínda se conserva a popular presa dos Mortos.

 

 


2 reflexións sobre “O alumnado do CEIP Coutada-Beade pescuda sobre a toponimia do lugar

  1. Desde a parroquia veciña de Zamáns, os meus parabéns ao CEIP de Coutada Beade por esta iniciativa! Por estas terras, tamén temos Camiño da Barreira ou Camiño da Fonte dos Seixos, por exemplo.

  2. Posto que aínda ninguén se animou a completar a frase que Carla Alonso deixou sen rematar, como se dun xogo se tratase:
    “No mesmo camiño existía unha casa que posuía un muíño eléctrico que moía por …….. ”
    fareino eu. Tanto na parroquia de Sárdoma como en Bembrive, a estes muíños chámaselles muíño de maquía, porque precisamente a maquía era esa fracción de fariña coa que quedaba o propietario ou propietaria do muíño en pago pola moenda.

Os comentarios están pechados.