Doce… coma a nosa fala!

Alsina, Amparo, Ana Beatriz, Ángeles, Carmen, Emilia, Encarna, Gloria, Isabel, Jacobo, Lola, Marisa, Orisia, Remedios, Susana e Teresa forman o grupo que participa no Curso de auga doce[1] promovido pola Concellería de Normalización Lingüística do Concello de Vigo e que ten lugar durante varias semanas –os luns– na Asociación Veciñal Doutor Fleming. Case todas mulleres, polo tanto, todas con idades entre os 49 e os 84 anos; Jacobo, o único representante masculino, está por debaixo desa idade. A todo este grupo de dezaseis persoas dedico este artigo, xa que elas e el son as súas actrices e actor principais.

E o lector estará pensando arestora: pero que carallo é iso do Curso de auga doce?  Simplemente, un xeito de compartir e de poñer en común o galego que cadaquén fala. Así, tomando como escusa o elemento natural da auga, neste caso auga doce e non salgada (materia doutro curso paralelo a este), os dezasete percorremos con entusiasmo e curiosidade a lingua de noso: o léxico, os refráns, as frases feitas, as adiviñas, as cancións, as lendas, a microtoponimia, etc. A auga é só o fío do nobelo que nos guía, tal como Ariadna a Teseo no labirinto, para sentirmos e acariñarmos a nosa lingua. Coñecémola, falámola, agarimámola, facémola saír de alá dentro, lembrámola como a lingua que falabamos coa familia e coa que xogabamos na aldea, ou como aquela que reprimiamos na escola (si, sucedeu de verdade e non foi unha fabulación, e así o relatan unha boa parte das asistentes ao curso, mulleres fachendosas da súa lingua). Convertémolo en presente e en futuro porque o galego non liscou nin se esvaeu da memoria! Só cómpre abrirlle a porta e deixalo voar libre coma os paxaros!

O galego soa melodioso e impregna a sala cada vez que alguén intervén na sesión –a maioría, como dixen, xente maior que se trasladou a Vigo desde Ourense, Lugo, A Coruña ou Pontevedra para acadar un mellor futuro–. O seu galego soa a río, a fervenza, a cachón, a ballón, a rego, a regueiro, a regato, a codeso, a carqueixa, a piorno, a bouza, a braña, a laxe, a seixo, a pasto, a veiga, a outeiro, a xoaniña, a vacaloura, a lesma, a chuvia, a poalla, a amieiro, a salgueiro, a pontella, a muíño, a mouros… Unha delicia.

Sesión tras sesión decatámonos da riqueza e diversidade do galego, do galego falado, sen pexas normativas: nós ao pasto chamámoslle anello (Jacobo-A Cañiza); ao carballo cerquiño, tamén rebolo (Orisia-A Pobra de Trives); á sella, senlla (Teresa-A Pobra do Caramiñal); para nós a veiga é unha extensión grande de terra cultivada preto dun río (Amparo-Sarria); ao libro da repartición da auga chamámoslle regaré (Lola-Celanova); a lesma para nós é limacha, ou o fento non é o mesmo ca fenta (Alsina-Terra de Montes); a abeleira, é abraira, e a maceira, mazaira (Orisia-A Pobra de Trives; Gloria-A Rúa); ao vimbio, vimio; á matogueira, matoseira… e os exemplos podían continuar.

Un dos aspectos que tratamos no curso é a microtoponimia. Dúas son as razóns: a primeira, porque o elemento auga está directa ou indirectamente relacionado con moitos dos nosos chamadouros; e a segunda, pero non menos importante, porque nos permite percorrer e coñecer as parroquias do termo municipal de Vigo e comprobar como Vigo, que etimoloxicamente significa ‘aldea’ (< lat. VICUS), transformouse nunha urbe. Na xeografía viguesa temos nomes de lugares que fan referencia á auga (hidrotopónimos): Fontoura (Alcabre), Rial (Coruxo), Riobó (Freixeiro), Riomau (Lavadores), Sárdoma, Teis, O Vao (Coruxo), etc. Ao relevo, modelado polas correntes de auga que o sucan (orotopónimos): Candeán, As Carneiras (Matamá), Coia, A Laxe (Centro), O Outeiro (Coruxo, Matamá, Zamáns, Oia, Navia, Beade…), Peniche (Centro), etc. Á vexetación, que precisa da auga para sobrevivir (fitotopónimos): A Ameixeira (Alcabre), Amieiro (Candeán), O Carrascal (Zamáns), Cerqueiro (Navia), Fiunchal de Roade (Alcabre), Freixeiro, Os Liñares (Oia), Pereiró (Castrelos), Vimbieiros (Matamá), etc. Ou aos animais, que tamén a precisan para vivir (zootopónimos): Cataboi (Freixeiro), Becerreira (Cabral), Camiño da Raposa (Coia), Teixugos (Valadares), O Pombal (Lavadores), etc.

Para rematar o curso, realizaremos unha saída á parroquia máis rural do Concello de Vigo: Zamáns. Alí, contemplaremos in situ os muíños hidráulicos –que reciben a auga do Río da Freixa e do Río de Nespereira, antes de desembocar na Presa de Zamáns–, os cultivos, a vexetación e a vida animal de ribeira, etc. E como cicerone da camiñada, Afonso González, gran coñecedor da zona.

 


[1] O material que se emprega no desenvolvemento do curso foi elaborado por Xosé Álvarez García.