A Pedra do Empantano

          Non é este o nome que corresponda a unha pedra particular situada na parroquia de Bembrive, como si o son a Pedra da Besta, a Pedra das Caghallas, a Pedra da Raposa ou algunha outra das que falaremos nunha vindeira ocasión.
           Unha pedra do empantano podía selo calquera pedra que cumprise unhas determinadas características; basicamente, ter unha superficie máis ou menos plana e atoparse directamente sobre o chan ou apoiada sobre outras a modo de altar. Este era o caso da que podedes ver na fotografía e que se localiza no Costal (monte do San Cibrán) por riba do Pozo da Mina, con acceso dende a derivación da pista das Valadiñas que atopamos xusto antes de cruzar a autopista do Val Miñor (AG-57).

Na actualidade xa non conserva a forma de "altar" que a informante nos refire que tiña, debido aos destrozos causados, presumiblemente, polas obras de apertura de viais que se realizaron no contorno.

           E agora imos coa historia:
           Cando uns pais tiñan unha filla que andaba cun mozo que non era do seu agrado, as máis das veces porque eles eran ricos e o rapaz pobre, encantaban á rapaza1; metíana debaixo dunha pedra e dicían: “cando esta pedra dea liño e o liño dea pano, sairás do teu empantano”.
           Pero cando o mozo era un pouco espelido, logo de escoitar agochado o que ocorría coa súa namorada, non perdía o tempo en laiarse e rapidamente cubría a pedra con terra. Botaba o liño, regábao, coidábao e cando medraba o recollía e facía o pano. E así, a rapariga saía do seu empantano.
          Noutros casos, os pais encantaban á moza en cóbrega.
          De ser así, para romper o encanto a moza tiña que subir pouco a pouco reptando e enroscándose polo corpo do namorado ata chegar ao seu peito e alí parada, na súa forma de cóbrega, darlle un bico na boca. Todo isto sen que o rapaz puidese dicir nin chío.
           Pero se cando a cóbrega lle estaba subindo, coa impresión o mozo non podía evitar que lle escapase un “ai dios mío”, dobrábaselle o encanto á moza, de xeito que en vez de 10 anos debería pasar 20 en forma de cóbrega ata recuperar o seu corpo humano2.

[1] Ou “facíanlle  un empantano”, que vén sendo a mesma cousa.

[2] Estas lendas foron recollidas á señora Olidia do San Cibrán.