A estrada das Plantas

     Seguramente moitas e moitos dos que chegades a estas páxinas tendes empregado a estrada das Plantas aínda sen saber cal era o seu nome e moito menos a orixe do mesmo.

     A coñecida como estrada das Plantas é o vial que, en dirección Norte-Sur,  atopamos case paralelo á fronteira  da parroquia de Bembrive co veciño concello de Mos. Partindo da antiga finca de Don Nicolás (na rotonda existente diante do tanatorio situado en parte nos terreos do antigo Polvorín), discorre entre A Estrada e o lugar do tío Pecho e a Pexega, pasa por riba das terras do Rorigo e logo da rotonda do Rebullón serve de división entre As Lagoas e As Lagoas Altas. Continúa por riba do Picouto e da Chan do Picouto, situados nos montes do Pouso e por riba do nacente do rego ou río de Pontecela.  Rodea pola súa parte máis alta O Costal e xusto despois da curva na que atopamos a entrada para a pista que nos leva á Fraga, condúcenos, nun pequeno desvío a man esquerda, ao campo de fútbol das Plantas. A partir de aquí iremos deixando a man dereita A Chan da Cruz, A Estrada, O Poulo Verde e A Lagoa, ata chegar á Xunqueira, onde atopamos a rotonda de accceso ao campus universitario das Lagoas-Marcosende.

     Segundo a señora Olidia, unha das nosas informantes próxima aos noventa anos e á que xa nos referimos na entrada anterior (A Pedra do Empantano), o campo de fútbol “das Plantas” e polo tanto a estrada que pasa por el, recibiron  este nome “porque os nenos da escola da Chan foron plantar alí moito” xa na época de seus pais

     Esas plantacións (de piñeiros e eucaliptos), ás que outros veciños nos teñen feito referencia tamén, correspondían á existencia dun Coto Escolar. De feito, ademais de coas testemuñas orais, contamos coa acta dun pleno da Entidade Local Menor de Bembrive do ano 1948  onde se recolle o seguinte acordo: “concesión de 3 ha no monte coñecido por Chan da Cruz para coto escolar, unido á anterior repoboación que está na estrema con Tameiga” (ELMB, 15/11/1948).

     Os Cotos Escolares  estaban ligados ás Mutualidades Escolares establecidas por Real Decreto de 7/07/1911 e impostas como obligatorias para todas as escolas do estado español no Real Decreto de 19/09/1919 e, segundo algúns autores, estaban inspirados nos predecesores Cotos Sociales promovidos  por Joaquín Costa.

     Na exposición de motivos do RD de creación das Mutualidades Escolares argumentábase que: “Se o obxecto principal da ensinanza pública é formar homes, na máis ampla e sana acepción da palabra, e non só cerebros repetidores de fórmulas teóricas e de coñecementos transmitidos de xeración en xeración, non cabe dúbida de que a práctica daquelas formas de previsión económica e de solidaridade social deben contribuir en grandísima medida a conseguilo”.

     Eran pois as mutualidades escolares sociedades de previsión, compostas neste caso por escolares asociados baixo a directriz dun maestro e suxeitas ao regulamento establecido polo Instituto Nacional de Previsión. Tiñan por obxecto principal polo tanto o aforro, pero dotábeselles ademais dunha dimensión educativa e moralizante.

     Para incrementar os fondos da Mutualidade, provintes das aportacións particulares de cada escolar, creáronse os Cotos Escolares. Segundo as características productivas dos lugares nos que atopaba a escola, os cotos podían ser apícolas (nos que os nenos atendían as colmeas, recollían o mel e o vendían ingresando os beneficios nas súas libretas de previsión), avícolas, agrícolas, forestais (como o caso que nos ocupa)  ou ata de cría de gusanos de seda. No caso dos cotos forestais os escolares plantaban e coidaban das árbores para, unha vez taladas, obter os beneficios da venda da madeira.

     O regulamento oficial determinaba claramente a fin educativa do Coto e, implícitamente, determinaba que “será orientado a completar a educación e as bases económicas e sociais da Mutualidade, por medio do traballo en cooperación e reproductivo, dentro do que permita o desenvolvemento dos nenos; a vitalizar o contido dos programas e das tarefas escolares …”

     Durante a II República, en concreto a mediados do ano 1934, había 7.000 Mutualidades Escolares oficialmente inscritas no estado, sendo 500.000  as nenas e nenos mutualistas, cun capital total de 19 millóns de pesetas.

     Logo do golpe de estado do 36, a figura das mutualidades e cotos escolares foi asimilada pola dictadura, co que continuou a súa existencia ata máis alá dos anos sesenta.

 Nota:

Os textos en cursiva están traducidos do castelán orixinal ao galego.

Fontes:

López Núñez, Álvaro (1935). Las Mutualidades Escolares. Curso para funcionarios del Instituto Nacional de Previsión. Madrid, Imprenta de M. Minuesa de los Ríos.

Lleó Silvestre, Antonio (1945). Interés pedagógico y educador de los cotos escolares de previsión.

Láscaris Comneno, Juan Arcadio. Los Cotos Escolares.

Canes Garrido, Francisco. Álvaro López Núñez y la protección a la infancia en España. Universidad Complutense de Madrid.

Palacio Lis, Irene. Políticas de protección a la infancia el Mutualismo Escolar en la II Repúplica. Universitat de València.