Ramón Hermida, mestre canteiro de Zamáns

Nunha das visitas ao Arquivo Histórico Diocesano de Tui, consultei o libro Arte y artistas en la antigua diócesis de Tui (1989), de Ernesto Iglesias Almeida, que comprende un dicionario de artistas (escultores, pintores, canteiros, etc.) que traballaron para a diocese de Tui.

Entre eles, Ramón Hermida[1], mestre canteiro, veciño de Zamáns[2], que en 1818 recibiu o encargo de enlousar a nave do Doce Nome da capela da Misericordia de Tui, por unha cantidade de 1.920 reais.

O Campo da Feira na actualidade.

Outros artistas mencionados relaciónanse coa nosa parroquia por teren efectuado algunha obra na igrexa parroquial, situada no barrio da Aldea, preto do Campo da Feira, onde o 5 de cada mes se celebraba unha feira de gando. Esta feira xa aparece citada nas Respuestas Generales del Catastro del Marqués de la Ensenada,

a enquisa máis antiga e exhaustiva realizada entre 1750 e 1754 en todas as poboacións que conformaban a Coroa de Castela; as correspondentes a Zamáns datan de 1754. Estas Respuestas constaban de 40 preguntas. A número 29, averiguaba sobre o número de tabernas, mesóns, tendas, panaderías, carnicerías, pontes, barcas sobre ríos, mercados e feiras había na poboación.

Francisco Alonso de Castro[3], mestre de escultura e arquitectura, veciño do Porriño. O 18 de abril de 1720 asina contrato para fabricar os retablos dos altares colaterais da igrexa de san Mamede de Zamáns, arrimados ao arco triunfal da capela maior. Estes serán de boa forma e de madeira de castaño. Tamén se lle encargan os dous retablos para os nichos laterais do corpo da igrexa.

Pedro Regalado de Silva y Ruibal[4], mestre pintor tudense, xunto co seu fillo Benito Antonio Silva y Ruibal[5], tamén pintor, realizan en 1775 a pintura dos retablos maiores das igrexas de san Pedro de Cela e de san Mamede de Zamáns.


[1] Ibidem, p. 63.

[2] Aparece como San Mamed de Zamans.

[3] Ibidem, pp. 14-15.

[4] Ibidem, pp. 107-108.

[4] Ibidem, pp. 106-107.