Entroidada de nomes

Cando comezamos a ter contacto cos nomes de lugar, dámonos logo conta de que moitos deles son semellantes e  moi repetidos entre o repertorio toponímico da nosa terra.

Algúns  deles, están presentes na parroquia de Comesaña  como é o caso da Gandra, O Poulo, O Castro, O Pazo, A Cachada, A Devesa do Rei, A Nogueira,  O Rial, O Tombo, Os Carreiros, O Barreiro… nomes comúns a moitas das parroquias viguesas que aquí comentamos.

Mais outros, non son tan comúns, e é esa particularidade o que os fai estraños, non só para as persoas que recollemos que en ocasións temos que pedir que se nos repita a súa pronuncia varias veces para podelo escribir, senón ás veces mesmo para os filólogos dedicados ao seu estudo que se lles fai imposible descifrar o seu significado ou orixe.

Son nomes tan raros pero á vez tan fermosos como O Sepemiguel  ou A Papuíña.

Algúns dos máis usuais, fan referencia ao seu propietario ou a algunha característica ou anomalía que o fixese peculiar como pode ser O Campo do Chosco, A Mina do Cagallón ou a xa mencionada Devesa do Rei que tantas veces se atopa en Galicia.

Outros sen embargo, que poderíamos agrupar neste grupo pero que causan máis admiración son A Bolena ( é que a caso tivo en Comesaña propiedades Ana Bolena a muller do rei inglés Enrique VIII?) e algo improbable pero non o é que existise unha muller que se lle alcumase así na parroquia e que ninguén a lembra.

Con todo, son moitos os nomes dos que ignoramos a súa orixe como pode ser A Leira de Gales (acaso viu algún de Gales e mercou aquí unha veiga), As Gordoias,  O Croque        ( chegou ao medio do monte a Comesaña un destes bivalvos ou fai referencia á planta chamada no Fragoso e no Miñor estralos ou estraloques?).

O feito de que non saibamos cal é o orixe de moitos dos nosos nomes non é outro que a perda continuada de vocabulario galego ao longo dos séculos e en paralelo unha perda importante de falantes.

Cando me dixeron por primeira vez en Comesaña que unha serie de campos se chamaban As Anicacas, ninguén me soubo explicar o motivo de tal nome; pero cando volvín a casa a Baiona e o comentei, resulta que no Val do Miñor aínda se conserva na fala oral unha palabra que designa a persoas e cousas de pequeno tamaño que é Anicoco (palabra non recollida en ningún dicionario da lingua galega). É moi probable que nesta parroquia viguesa se perdese o uso desta palabra e de aí que ninguén me soubese dicir  o significado do microtopónimo As Anicacas, que pese a estar en feminino, o tamaño das leiras é notablemente pequeno polo que é probable que faga referencia a isto.

Polo tanto, algo que ninguén o día de mañá lle sabería explicar aos nosos netos se non anotamos e recollemos as palabras e nomes que os nosos maiores teñen como algo propio e ao que non lle dan importancia pero que realmente si a ten.

Familia Purgatorio