A Auga (I)

A auga, ten nas parroquias galegas, un lugar privilexiado ao formar parte dese sangue vertebrador do noso agro. Iremos tratando en cada un dos artigos que clasificamos dentro do tema da auga, a importancia de elementos como presas, peirados, muíños, fontes ou minas que foron noutro tempo, o día a día dunha poboación que vivía do campo.

Na parroquia de Comesaña, a auga está presente en cada un dos seus recunchos: no monte, a xeito de regueiras e regos; na zona cultivable preséntase en forma de levadas e ríos nos que se tiñan que facer presas e peirados coa finalidade de conducir a auga aos campos traballados.

A presenza de fontes é visible naqueles lugares nos que abundan máis os mananciais, construíndose en ocasións minas que furan a terra ata as súas entrañas.

Os lavadoiros e pilóns pola súa banda, foron a orixe dunha rica tradición oral, ao ser neles onde as mulleres se reunían non só a lavar, senón a cantar e falar sobre os acontecementos máis salientables da aldea. De aquí, nacerían cancións como as cantadas por Mercedes ´´A Chidiñas“:

Debaixo do lavadoiro,                                                                                                       onde María lavaba,                                                                                                                había unha sementeira                                                                                                     que meu Manuel apañaba.

Deu pé a auga, a construcións que co paso do tempo se foron deixando de lado. Un abandono, que hoxe conforma o patrimonio etnográfico vigués formado por muíños, presas, lavadoiros, fontes, minas, pontes… e moito del restaurado grazas ao traballo veciñal e municipal.

As presas, son os diques que se instalaban nos ríos a xeito de grandes pedras atravesadas que cortaban o leito, coa finalidade de deter a auga e represala tanto para regar como para facer funcionar os muíños.

Se a auga non era moita, podíase facer tamén un peirado, consistente en pedras e terróns amoreados que servían para encorar a auga e logo desviala grazas a regos ou levadas pola leira. Este sistema era o máis utilizado para regar.

Se queres que a auga corra,                                                                                                  tíralle os terróns á presa                                                                                                      olvideite queridiña                                                                                                                olvideite e non me pesa.

Como elemento importante que foron, deixaron a súa pegada na toponimia, en ocasións, facendo referencia á propia construción atopando así nomes como: A Presa Vella dos Talliños, A Presa da Abilleira, O Peirado do Anguieiro ou A Presa das Fontes. E noutros casos, a presenza destas construcións era tan salientable que deron lugar a topónimos como A Casa dos da Presa ou As Tomadas da Presa, ambos lugares próximos a unha delas.

O dereito ao regadío, quedaba en ocasións xa reflectido nos testamentos e rateos que se facían, pudendo ver a importancia que tivo noutros tempos a auga como ben veciñal e que se debía compartir. De non ser así, os diferentes alcaldes de barrio debían establecer un domingo no adro as tandas de auga que lle correspondían a cada veciño.

Dependendo do barrio, o sistema de regadío era diferente e podía ser tanto por horas como por camiños.

En ambos casos, repartíase polo número de ferrados que tiveses en terras; un camiño e unha hora equivalían a un ferrado de terra. Polo que se alguén tiña por exemplo tres ferrados de terra (541 metros cadrados no caso vigués por ferrado) correspondíanlle tres horas para regar e se tiñas unha carta de terra pois un cuarto de hora. Ao tema do reparto da auga, quizais lle dediquemos un apartado especial pola súa complexidade.

Se a auga do río non era moita, había ocasións nas que os muíños tiñan que moer de noite porque polo día a auga era utilizada para o regadío dos campos.

A auga provocaba ás veces preitos como nos dá boa mostra a seguinte canción:

Tiven pleito cun veciño,                                                                                                         polas augas dun regueiro,                                                                                              quedar quedei sen un carto,                                                                                               pero amolar, amoleino.

Rego da Laxe antes de chegar á Presa do Muíño Novo

A Auga (II)

Unha reflexión sobre “A Auga (I)

  1. Chámame a atención que en Comesaña a cantidade de horas que corresponden para rego sexan proporcionais á superficie de terra a regar. Aínda que sería o lóxico que cabería esperar, en Bembrive non é así. As horas que corresponden a cada leira veñen marcadas nas partillas e non sempre se cumpre esa proporcionalidade. Quizais na orixe do reparto das augas fose así e logo se foi desvirtuando nos sucesivos repartos de herdanzas, ou quizais xa en orixe no reparto influinsen outro tipo de custións. Quen sabe, pero o certo é que sería un aspecto interesante a estudar.

Os comentarios están pechados.