O Rego de Pontecela

Pois ben, aquí vai a solución á adiviña presentada no anterior artigo sobre o rego de Pontecela:

O rego de Pontecela parece xa citado, no Catastro do Marqués da Ensenada,  como situación do muíño de Paio, propiedade de Ana de Souto, veciña de Paio.

Atopamos o seu nacemento no monte do Pouso, subindo pola entrada que leva á área recreativa do Pouso de Arriba,  collendo a man esquerda pola senda na que se atopan as minas de auga da Chan[1]. Logo de baixar pola Xunqueira, pasa polos muíños do Pouso e do José María que antigamente movía. No muíño do Pouso a súa auga era ademais aproveitada para alimentar os lagos nos que se maceraba o liño. Deixando o Pouso, o rego continúa o seu percorrido rodeando o monte do  Crasto de Xestoso pola súa aba sur-oeste. Toma aquí o nome de río da Candea, posto que é o nome das terras que neste lugar baña e  onde a súa auga enchía o lavadoiro do mesmo nome (lavadouro da Candea). Aquí, na altura do lavadoiro, atopábase a metida da Candea, a onde se  viña buscar a auga para regar cando correspondía a tanda, posto que era o punto onde as augas se partían para unha zona ou outra de Bembrive.Pasando a Candea, e logo de cruzar o pontillón das Preiras, o río da Candea muda de nome e pasa a ser o río da Regada e uns metros máis adiante o río de Paio, onde movía os muíños de Paio de Arriba e de Abaixo . Unha vez deixa Paio, pasa a ser coñecido como o río de Xalón, nome que se mantén ata chegar ás Pedrás, onde recibe como afluentes á regueira do Abade e ao rego que vén da presa dos Estripeirales. Baña aquí os campos das Barxas, polo que é coñecido como río das Barxas, nome que mantén tan só uns metros, toda vez que nada máis cruzar a estrada Bembrive-Beade e entrar na Ponte, onde se atopa o local da SCDR Helios,  pasa a ser o río da Ponte, ata chegar ao lavadoiro e fonte do Mosteiro, a partir de onde tomará o nome de río do Mosteiro. Na marxe esquerda do río, practicamente fronte ao lavadoiro e fonte anteditos, o río do Mosteiro era empregado para mover o reducio do muíño da señora Piedad, máis coñecido pola maioría de veciñas/os como muíño de Venancio, muíño que era de maquía, ao igual que o muíño do Cruxeiro, situado só uns metros augas abaixo.

Pero o río nacido como rego de Pontecela aínda facía andar un muíño máis. O muíño do Cristino, situado nos Pumariños. Neste último tramo, e ata a súa desembocadura no río dos Pelames ou Eifonso, aínda hai tempo a que tome un nome máis, o de río de Outeiro.

Foron polo tanto nove os nomes recollidos para un río de pouco máis de dous quilómetros de lonxitude, o que pon en evidencia a gran riqueza toponímica que posuímos, tamén no que respecta á hidronimia fluvial.


[1] En realidade o nacemento atópase un pouco máis arriba, do outro lado da estrada das Plantas e a autoestrada do Atlántico, pero este é o primeiro punto no que podemos ter acceso a el.

Unha reflexión sobre “O Rego de Pontecela

  1. Pingback: Toponimia de Vigo

Os comentarios están pechados.