A Auga (II) Os muíños

Os primeiros muíños que utilizou o ser humano funcionaban a base de fregar unha pedra contra outra. Foron nun primeiro momento móbiles, debido a que tamén daquela as poboacións eran nómades e non tiñan poboados fixos. Coa chegada da neolitización, os grupos humanos pasarían a asentarse en zonas estratexicamente escollidas, na que como non, a presenza da auga tiña un papel fundamental.

Co paso do tempo, estes muíños acabarían tamén por asentarse ás beiras dos ríos e pasar a ser movidos pola forza da auga.

Os muíños da parroquia, todos eles hidráulicos (a excepción dun que é eléctrico) presentan diferenzas entre eles, especialmente no referente á entrada da auga no mesmo. Pese a todos ser de levada, ao chegar ao muíño esta convértese en: cal de pedra, cubo ou cheminea; todos eles teñen a finalidade de aumentar a presión da auga unha vez aberta a sateira. O anterior, seguramente se deba ao pouco caudal dos ríos ou regos da parroquia.

Muíño do Crego con cubo en cheminea e inferno con arco
Muíño Novo. Véxase a cal de pedra pola que entra a auga

Respecto á propiedade, temos en Comesaña muíños de herdeiros, chamados así por pasarse as quendas de pais a fillos e estar estipuladas as horas para usalo; e de maquía. No segundo caso, eran de propiedade particular e o muiñeiro-propietario moía para outra xente, retirando unha parte do cereal moido como forma de pago.

A relación máis antiga dos muíños da parroquia (exceptuando referencias a eles existentes en documentos do mosteiro de Oia e nalgún dos conventos vigueses) é a do Catastro do Marqués de la Ensenada, realizado na vila de Vigo e freguesías no ano 1752.

Nel aparecen catalogados 15 muíños, un arruinado al sitio rodeira de dos ruedas, e o resto de una rueda y que muelen con agua de presa ocho meses del año, e son: os da Aguieira, San Drigo, A Gandra, uno de Blas Pérez da Figueira (quizais o coñecido hoxe como Muíño de Bras), otro al mismo sittio de Francisco de Comesaña, vecino de Valadares, tres de Sevastian de Comesaña, dos al sittio Soutonovo y uno al de figueiras, uno a Gregorio Perez al dho. sitio, dos de Bernardino Pereira, vecino de Revoreda en el lugar de Granxeria (hoxe O Granxeo), dos a Jazinto Sanchez en sanín e uno al sitio da veiga de Don Juan Antonio del Castillo.

Logo da nosa recollida, podemos dicir que a parroquia conta cos mesmos muíños que no ano 1752 cando se redactou o antedito documento a excepción do Muíño da Rodeira (hoxe desaparecido) e o Muíño Eléctrico do Indalecio que claro está, aínda non existía. Grazas ás indicacións dadas polo Catastro, sabemos que algúns son os mesmos, pero coñecidos con diferentes nomes nalgúns casos.

A relación dos muíños existentes na actualidade son:

 Regueiro da Gandra: Muíño da Aguieira, Muíño do Topete, Muíño da Laxe, Muíño Novo, Muíño de Bras, Muíño da Regueira, Muíño do Grilo e Muíño do Pontillón ou de San Drigo.

Río de Sanín e Regueiro das Torres: Muíño do Purgatorio ou do Raposo, Muíño da Presa, Muíño das Torres, Muíño da Rodeira (desaparecido) e Muíño do Crego.

Eléctrico: Muíño do Indalecio

Pese a se conservar (máis ou menos) enteiros, moitos deles están cubertos por areiras (Hedera helix) e silvas, pero fálannos do papel importante que noutro tempo tiveron na economía e desenvolvemento da vida nas aldeas, así como das súas lendas e folclore:

Pasei pola túa porta                                                                                                                mireiche a túa limpeza                                                                                                           a penica de mexar                                                                                                                   tíñala dentro da artesa

 

3 reflexións sobre “A Auga (II) Os muíños

  1. Pingback: A Auga (I) | Toponimia de Vigo

  2. No próximo artigo ía poñer os nomes das partes do muíño tal e como se designan na parroquia de Comesaña. Saúdos

Os comentarios están pechados.