Nespereira: unha carballeira, un muíño e un camiño

Carballeira de Nespereira, carballeira derramada,                                                   nesta carballeiriña perdín a miña navalla,                                                                   perdín a miña navalla, perdina, quedei sen ela,                                                   carballeira de Nespereira, carballeira derramada.

Cántame esta cantiga unha das informantes, Laura Costas, e ademais cóntame que na Carballeira de Nespereira habitaba o tardo e, cando as mulleres e homes se achegaban a ela, liscaban de alí a lume de carozo porque o tardo andaba a derramar as pólas dos carballos e escoitábase un grande estrondo.

A Carballeira de Nespereira estaba situada nos Cochos, no barrio de Marcosende, exactamente entre os actuais números 170 e 176 do que se coñece como Estrada de Zamáns, a PO-331 que vai do Porriño a Gondomar. Se ben hai veciños que lembran vagamente que esta carballeira se prolongaba tamén polos terreos de riba da estrada, tamén denominados Os Cochos. Os carballos paseniño fóronse cortando e tamén, aos poucos, minando os terreos para convertelos en labradío e plantar millo.

Antigamente, os veciños de Marcosende cando tiñan que ir por algún motivo ao barrio da Aldea –principalmente para asistir á misa, ir ao cemiterio, na Arrouba, ir á festa, no Campo da Feira, ou á escola–, ían a pé polo Camiño de Nespereira, situado por debaixo

O Camiño de Nespereira

da Carballeira de Nespereira. Este camiño seguía pola beira esquerda do Río de Nespereira e do Fixón ata que, á altura do pasto do Arroio, atravesaba o río e subía para A Arrouba. Na actualidade, aínda se mantén en boas condicións na maior parte do traxecto, xa que continúa a utilizarse como vía de acceso aos pastos. Agora ben,

Parte intransitable do Camiño de Nespereira

existe un tramo, en sentido A Aldea –máis ou menos entre o Muíño de Nespereira, abandonado, e o pasto do Arroio–, que se perdeu, debido aos efectos da forza da corrente da auga e ao deixar de ser transitado e descoidar a súa limpeza [1].

Muíño de Nespereira

Con respecto ao Muíño de Nespereira, dicir que, segundo os datos que nos fornecen as Respuestas Generales del Catastro del Marqués de la Ensenada, debe ser o máis antigo da parroquia. Así, na resposta á pregunta número 17, os veciños afirman en 1754 que un dos muíños de Zamáns é o de Nespereira: “Ottro al sittio de Nespereira pertenecientte a Gregorio Perez muele con agua corrientte dos meses al año […]”, mentres que non se fai mención dos outros muíños que se conservan hoxe en día.

Alén doutros, tamén se cita o Muíño dos Cochos: “Ottro en el sittio dos Cochos pertenecientte a Gonzalo Serodio muele con agua corrientte tres meses al año […]”. Baseándome neste dato e no testemuño de varios informantes, penso que este muíño se identifica co que existía no leito do Río do Fixón, na estrema cos pastos dos Cochos. Del xa non queda ningunha pedra, pero si que no lugar onde seica podía estar hai unha poza e unha pequena freixa que permitiría poñer en movemento o rodicio. E para que non se dubide, un dos pastos que estremaba co citado muíño aínda se chama… O Pasto do Muíño.


[1] A Comunidade de Montes contempla entre os seus proxectos futuros a recuperación deste muíño; deste modo, quedaría integrado dentro do complexo etnográfico dos muíños de Vilaverde.

Unha reflexión sobre “Nespereira: unha carballeira, un muíño e un camiño

  1. Pingback: O Tardo | Toponimia de Vigo

Os comentarios están pechados.