O Tardo

O tardo na carballeira

A historia que vou relatar vén a conto da interesante información recollida por Bea en Zamáns, publicada neste mesmo blog, que trata das trasnadas que facía o tardo na desaparecida carballeira de Nespereira. O estrondo das pólas dos carballos a crebaren, rasgando o silencio da noite, lémbrame moito outro caso semellante que me contaron dúas mulleres maiores da parroquia de Chandebrito (Nigrán) hai 17 anos.

Contábanme estas mullleres que, nunha ocasión, unhas mozas da parroquia de Chandebrito ían traballar ao xornal. Saíron cando aínda era noite, dirixíndose á Tomada do Ferreiro, propiedade dun veciño de Coruxo. Para chegar a esta propiedade forestal debían atravesar unha carballeira que naquel tempo existía na Regueira do Corvo, no límite entre as parroquias de Chandebrito e Coruxo. De maneira repentina, e mentres atravesaban a carballeira, as rapazas escoitaron como os carballos comezaban a caír un tras outro, provocando un enorme estrondo naquel monte. Naquel momento non sopraba vento nengún. As asustadas rapazas botaron a correr e non pararon mentres non chegaron a Chandebrito. Xa a salvo, relatáronlles aos seus pais o que acababa de suceder.

Logo de romper o día as rapazas volveron á carballeira, acompañadas desta vez polos seus maiores. Querían examinar os destrozos provocados por tan extraño fenómeno. Mais, como en Zamáns, non puideron apreciar efecto algún na carballeira: os carballos estaban todos eles en pé e sen danos aparentes, tal e como os recordaban. Entenderon entón que aquilo fora cousa do demo burlón, como chamaban ao tardo en Chandebrito. En Coruxo, Oia, Saiáns e Comesaña, este ser era coñecido como o tártalo. Pero quen está a montar o cabalo pola noite?

A imaxinación e as ganas de enredar do tardo non tiña límites, e como mostra vouvos contar un relato que escoitei de boca dunha veciña miña de Coruxo. Esta muller tivo coñecemento do mesmo na antiga tenda de ultramarinos do Bagullo, en Priegue, hai xa un feixe de anos. Ela baixaba de cando en vez a esta tenda; facíao nomeadamente cando morría algún veciño, pois era moi habitual que os familiares do defunto lle solicitaran a súa axuda cos preparativos dos enterros. Na tenda do Bagullo vendíanse cadaleitos. Alí os de Coruxo coincidían con xentes do Val Miñor, comzando longas conversas nas que intercambiaban novas e relatos. Alí foi onde escoitou esta estraña historia.

Unha familia, que residía nalgún lugar do Val Miñor, tiña un cabalo na casa. O cabalo utilizábano para monta, e supomos que tamén para traballar o campo, arrastrando a grade ou realizando algún outro labor agrícola. Cando caía a noite recollían o cabalo na corte. Pois sucedeu que, a partir de certo momento, o cabalo comezou a aparecer suado polas mañás. Ninguén o sacaba da corte, pois pola noite a xente da casa tiña o san costume de durmir. E non era iso só: os estribos utilizados para enganchar os pés aparecían limpos e brillantes, como nunca antes estiveran. Mais o colmo das sorpresas foi descubrir que as crinas e os longos pelos do rabo do cabalo aparecían coidadosamente trenzados todas as mañás, enlazando as madeixinas de tres en tres. Por moito que todos os días desfixeran as trenzas, estas volvían aparecer indefectibelmente un día tras outro. Decididamente, algo raro pasaba na corte do cabalo polas noites.

Os da casa non entendían nada. Pero alguén, que xa sabía do conto, reveloulles o que estaba a pasar. Era o tardo quen entraba todas as noites na corte do cabalo. Facíao de madrugada, cando todos durmían. Que a porta estivera pechada ou simplemente atrancada resultaba indiferente: o tardo entraba o mesmo. A muller de Coruxo que me contou este relato tiña escoitado historias semellantes moitos anos atrás, cando aínda era unha nena, na casa da súa avoa. Inquirida sobre este ser, a avoa tíñalle explicado que o tardo podía entrar pola porta adentro da maneira en que el quixese

  • Pero por onde vai entrar, se está a porta cerrada?

  • Pola fechadura da porta xa entra

  • Entón así como vai entrar?

  • Porque se volve formigha, ou mosca. Entón entra por calquera parte.

O tardo tiña a facultade de cambiar de forma a vontade. Podíase transformar no animal ou obxecto que elixira, ou ben mostrarse na súa forma natural: como unha persoa pequeniña con riscos animalescos, con pezuños no canto de pés, un corniño ou dous na fronte e ás veces un nariz gatuno. Tiña unha voz infantil e o seu carácter era burlesco e xoguetón, mais tamén inocente.

Unha vez dentro da corte do noso relato e recobrada a súa forma natural, o tardo enselaba o cabalo botándolle enriba a manta de montar e colocándolle os estribos. Como fauno animalesco que era tiña boa man para os animais, pois o cabalo non se asustaba nin rinchaba en ningún momento, de maneira que a xente da casa nunca escoitaba nada arriba na vivenda. O tardo gustaba moito de cabalgar, e podía botar a noite enteira dando voltas e máis voltas dentro da corte sobre o cabalo. Ademais, resultáballe moi divertido trenzarlle os pelos das crinas e da cola ao animal, de maneira que o deixaba sempre todo enfeitadiño.

Mais o tardo, a pesar de comportarse como un auténtico armadanzas, antes de que rompera o día procuraba deixalo todo tal e como o encontrara ao principio. Así que cando daba por rematada a súa cabalgada nocturna, coa mesma manta que usara para montar limpaba os estribos e procuraba secar o corpo suado do cabalo. Pero por moito que o intentaba, o corpo do animal nunca quedaba completamente seco, así que cando a xente da casa entraba na corte do cabalo pola mañá comprobaba que, unha noite máis, fora montado polo tardo.

Como se conseguiron liberar do tardo naquela casa? Non o sabemos, pero si sabemos como o fixeron noutra vivenda da costa de Oia. Isto foi o que nos contou unha muller de avanzada idade chamada Margarita, hai 11 anos, cando a interrogamos sobre o tardo (logo de botar unhas risas, claro).

O tardo en Oia

No lugar de A Riña, no concello de Oia, un home tiña un cabalo, e pasaba exactamente o mesmo que no caso anterior: o animal aparecía suado todas as mañás na corte, e ademais coas crinas trenzadas. O home non entendía o que pasaba, pero despois de contarlle o caso a unha persoa, esta explicoulle o que estaba a acontecer todas as noites no interior da corte. Pero ademais, tamén lle recomendou un truco para se desfacer do incómodo visitante nocturno: tiña que pór na corte unha mesa, e sobre a mesa unha cunca chea de liñaza. Así de simples.

O home seguiu as indicacións desta persoa, e logo de dispor sobre a mesa o recipiente cheo de semente e unha vez pasada a medianoite, fixo garda por ver se escoitaba algo. Como sempre, o tardo entrou na corte. Pero desta vez topouse coa mesa e, enriba da mesa, a cunca coa liñaza. O tardo, cómpre explicalo, é un ser extremadamente curioso. Así que non puido evitar meter as mans no recipiente, e contar aquelas sementiñas tan pequenas, unha por unha, por ver cantas había. O home da casa, mentres, escoitaba:

  • Un, dous, tres…

  • Un, dous, tres…

O tardo, como é sabido, só sabe contar até tres. Así que unha e outra vez, e outra tamén, o coitado do tardo repetía a mesma conta, a cada vez máis frustrado:

  • Un, dous, tres…

  • Un, dous, tres…

  • Vai tomar polo cu!

O tardo enrabechouse todo, evorcou a cunca e ciscou a semente toda. Marchou enfadado daquela casa e xa nunca máis volveu.

A señora Margarita concluía así o relato:

Iso contábano antighuamente, eu oíalle así aos vellos. Pero os meus netos non queren escuitalo”

Afonso

5 reflexións sobre “O Tardo

  1. Para a veciñanza de Zamáns, o tardo non ten unha aparencia determinada e ninguén ousou darme unha descrición. Agora ben, unha das veciñas, Rosa Mari, relatoume que tamén se emprega a expresión “ser coma o tardo”, para referirse a unha persoa que anda pola noite, xeralmente facendo os quefaceres que corresponden ao día: apañar herba e levala na carretilla, etc.
    Se despois deste execelente artigo de Afonso, alguén ten interese en coñecer máis a nosa Galicia imaxinaria e fantástica, recoméndovos a páxina Galicia Encantada: http://www.galiciaencantada.com/

  2. Pingback: Nespereira: unha carballeira, un muíño e un camiño | Toponimia de Vigo

  3. Pois para os veciños e veciñas de Comesaña, o tardo ou tártalo podíase converter en calquer animal. Un día un veciño, atopou unha galiña con pitos no camiño, e como non sabía de quenes eran, gardounos na súa casa debaixo dunha caixa. Foi buscar de comer para darlle pero cando volveu, debaixo da caixa xa non había nada, fora o tardo que se lle aparecera.

  4. Para gozar co tema do Tardo, lede o libro de Xocas así titulado. A edición de hai algúns anos en A Nosa Terra é unha ledicia, coas ilustracións.

  5. Na miña casa, en Vilaza, Val Miñor, non se fala do Tardo, senón de moitos outros seres, algún deles xa mentados e outros que non:
    – Rápate Xudas, moi feo e asusta ás nenas e aos nenos;
    – Fanico: é un demo divertido, un escaravello;
    – Barrabás: fai “barrabasadas” isto é, fai e desfai ao contrario da vontade do humano, descose o que antes alguén coseu, etc
    – Demo Burlón, que fai o mesmo que o Tardo: búrlase da xente;
    – Tártalo: anda de noite;
    – Home do saco: mete medo ás nenas e aos nenos.
    – Sacaúntos: mete medo ás nenas e aos nenos e dise que lles extrae a graxa.

Os comentarios están pechados.