O topónimo Xeme

Hai tempo xa que tiñamos pendente dar unha resposta a Tomás Juste, veciño de Bembrive, que nun comentario ao artigo sobre o rego de Pontecela aproveitaba para preguntarnos sobre a orixe do topónimo Xeme.

Este topónimo aparecía recollido xa en Bembrive, tanto coa forma actual como baixo a grafía de Jeme, no Catastro del Marqués de la Ensenada (1752).

Na base de datos do TMILGA (Tesouro Medieval Informatizado da Lingua Galega) atopamos un topónimo Geme nun documento notarial do ano 1390 (..Jtem ha eàna frijgissía dúas seruiçayas despobrados et outro en Quintaa d’ Onega et outro en Geme….)[1] equivalente ao de Bembrive, pero pertencente  á zona Noia, aínda que hoxe en día xa non sobrevive como entidade de poboación. De feito, na base de datos do proxecto “Toponimia de Galicia” non aparecen na actualidade máis topónimos “Xeme” que o da nosa parroquia de estudio.

Logo de consultar diferentes fontes para atopar a súa orixe, recorremos á axuda de Gonzalo Navaza, filólogo e estudoso da toponimia galega, para dilucidar a posibilidade de que Xeme derivase do nome dun antigo posesor de nome quizais Geminus. A resposta que nos enviou reproducímola a continuación, con tan só unhas lixeiras modificacións de estilo para a súa publicación:

No Codolga (Corpus Documentale Latinum Gallaeciaee) non se rexistra o uso de Geminus como nome persoal, e só aparece un Gemiellus que propiamente é un diminutivo de Gemius. Pero en Kajanto e noutros repertorios onomásticos figuran Geminus e Gemius como usuais en Hispania… así que o feito de que non se ateste ese nome persoal a partir do século VI obriga a pensar que a orixe do topónimo é romana. En principio si que pode proceder do xenitivo de GEMINUS. Hai unha atestación do ano 984 dunha VILLA GEMINI situada cerca de Ramirás (Ourense). Pero tamén pode proceder do xenitivo de GEMIUS, así que mentres non apareza documentación que permita optar por un ou por outro non se resolve a dúbida. Por razóns fonéticas parece algo máis probable GEMIUS, porque en GEMINUS era relativamente común a variante con perda da vogal postónica (GEMNUS por GEMINUS, de xeito que o xenitivo desa variante daría en galego actual XENE e non XEME).

En conclusión, o topónimo XEME procede moi probablemente do xenitivo dun nome persoal de orixe latina GEMINUS ou GEMIUS.


[1] Méndez Fernández, Mª Luz (ed.) (1991): Contribución ó estudio dun libro das Tenzas da Catedral de Santiago. Edición crítica e estudio dos folios 1 a 27. Memoria de licenciatura (inédita) presentada na Universidade de Santiago de Compostela.