A GRISVELLA

 A igrexa parroquial tal e onde hoxe a coñecemos non foi construída ata 1726. Ata ese momento a Igrexa estaba situada no lugar onde hoxe se sitúa a casa reitoral. O antigo cemiterio estaba na parte posterior, na finca delimitada por un valado onde decotío podemos, agora, ver algún cabalo pacendo. E o adro estaba na zona onde agora  podemos ver unha plantación de cerdeiras, proba disto é que o nome desta finca é TALLO DO ADRO, e a fonte que está catalogada como “do Xestal” foi nalgún tempo a fonte da GRISVELLA e os campos que están pola parte de arriba recibían o nome de COCHO DA FONTE DA IGREX VELLA.

A construción da nova igrexa fíxose nuns terreos que pertencían ó lugar do denominados DEVESA DO TORRÓN e o noso torreiro sitúase no que era un enorme terreo baldío cunha considerable pendente que pouco a pouco se foi enchendo e que era aproveitado polos madeireiros que viñan de Portugal para cortar madeira coas súas serras de aire, e despois ir estibándoa.

Mentres ese recheo non se produciu o espazo do que dispoñían os veciños para a festa era bastante reducido e estaba  a carón do adro (onde ata non hai moitos anos estaba o parque infantil). O palco da música estaba situado entre o que hoxe son as escaleiras que dan acceso a igrexa dende o torreiro e a casucha.

En tódalas épocas a mocidade gusta de facer trasnadas que revolucionan á veciñanza. Nunha ocasión xuntáronse unha noite de San Xoán algúns con ganas de festa e foron sacar da corte tódalas cabras e ovellas que tiña  tía Rogelia de Vázquez, que vivía no COURÁS.

Leváronas ata o adro e prendéronas ó redor do palco, puxeron ó castrón no medio, como quen leva a batuta e nos cornos do carneiro ataron unha corda que no outro extremo estaba unido ó badal da campá. Diante deste, un brazado de verzas ó que non podía dar alcance de tal forma que cada vez que tiraba con forza da corda para tentar acadar as verzas soaba a campá.

As vellas que espertaron coas badaladas de madrugada berraban ”Acábase o mundo!“ pois repenicaban as campás de noite.

Cando os veciños acudiron ata igrexa puideron contemplar a escena descrita e un cartel diante do palco que dicía “BANDA DE CASIANO”.

Probablemente nese cartel houbese unha mensaxe con retranca, pero tendo en conta que disto hai aproximadamente cen anos, ninguén foi quen de nolo explicar. O que si sabemos é que Casiano era o fillo de tía Rogelia.

¡¡Se alguén  sabe algo máis estaríamos encantados de  que no lo viñera contar!!