A PEDRA DA CACHEIRA

Contan os que hoxe peitean canas que sendo nenos escoitaban a lenda dun penedo encantado situado no monte, no lugar da Cacheira, o que chamaban a pedra do mouro. Segundo dicía a lenda gardaba agochado nas súas entrañas un tesouro de moedas de ouro. Testemuñan  os máis vellos que en certa ocasión un veciño da zona ao que alcumaban O ESPARTERO tentou comprobar a veracidade do relato e “meteulle un tiro con dinamita”, que naqueles tempos adoitaban usar os canteiros para fender as rochas. O dano causado á pedra non foi moito, pero o suficiente para constatar que aquela pedra non era máis ca pedra e ningún tesouro gardaba dentro.