Camiño dos Carrexóns

Contan os máis vellos do lugar que esta parroquia era lugar de paso para os comerciantes que viñan de Portugal  vender os seus produtos a Vigo. Traían as súas mercadorías en fardos que carretaban ao lombo, de aí que o camiño polo que transitaban acabase chamándose CAMIÑO DOS CARREXÓNS. Este camiño entraba pola Garrida, pasaba polo que despois foi coñecido como camiño da Paloma, baixaba pola Valada ao Portal, de aí cara ao Canizo, polo camiño das Furnas, e finalmente encaraba a Simona para dirixirse a Vigo por  Beirán. Este derradeiro tramo, no barrio do Carregal que deixa o camiño da Simona para coller un ramal á dereita, é o único que nos fai lembrar este nome, se ben o paso do tempo e os erros  cartográficos fan que hoxe se chame camiño de Carrazóns.

Cóntannos tamén que no lugar do Canizo había unha  venda ou fonda onde os carrexóns facían noite para poder chegar ao mercado a Vigo pola maña cedo. Parece ser que anteriormente na zona alta de Valadares houbo tamén unha venda rexentada por unha moza garrida, isto é, de boa presencia física. Segundo o autor Cabeza Quiles esta venda da (moza) garrida, deu  nome ao lugar do barrio da GARRIDA