A toponimia- Ibán Sestay

Recuperamos este artigo, de Ibán Sestay, para o blog. Foi publicado nun dos derradeiros números da revista “Lingua Viva” do SNL de Vigo (núm. 53 ano 2011), co gallo da saída do prelo do libro de Toponimia do Val de Fragoso-Lavadores, redactado polo propio Ibán Sestay.

Unha muller que era de Cangas, moi amiga dun veciño meu, casara en Lavadores. Desde neno oíralle dicir, cando no verán viña refrescar os calores nas praias da súa nacenza, que a súa casa estaba na Ferradoura, en Lavadores. Ese nome de lugar quedoume xa desde neno na cabeza, non sei por que nin por que con tanta forza recordatoria… O certo é que durante toda a miña infancia non souben nunca onde ficaba a Ferradoura esa, para min xa mítica. Todo rozaba o sentimento que alguén poida ter cando le por vez primeira o Galván en Saor de Darío Xoán Cabana, abofé; e así o sentín logo.

Descubrín esa escoitada Ferradoura nunha das primeiras entrevistas toponímicas que realicei en Lavadores. Gabeaba literalmente polas agres encostas que soben do camiño do Casal de Arriba ata o alto monte de Figueiró. Sorprendéronme as vistas largas e fermosas que desde alí había e a abondosa toponimia que fora recollendo polo camiño nesa zona tan próxima do centro urbano de Vigo e que soubo manter, na lembranza duns poucos informantes nativos, un rico patrimonio toponímico. Case no cimo, dixéronme que aquilo era “A Ferradoura” e o meu corazón bateu. En fronte vivía aquela muller de Cangas, a mesma muller da miña infancia.

Toda esa zona das miñas primeiras enquisas resultou ser contraditoriamente apaixonante: O Casal de Riba e máis de Baixo, Figueiró, as ladeiras occidentais do alto de San Paio, A Orxa, Redomeira… vetustos lugares poboados, hoxe moi medrados, desvirtuados e ata absorbidos en maior ou menor grao pola urbanización rampante da cidade. E, así e todo, alí quedaban aínda algúns vellos informantes nativos, como últimas testemuñas e únicos herdeiros directos de séculos de historia lingüística e toponímica deses urbanizados lugares.

O seu valor acentúase aínda máis cando observamos que tamén son os únicos que se lembran de primeira man da toponimia de áreas próximas hoxe xa completamente urbanizadas, como son as zonas circundantes do Calvario, Jenaro de la Fuente, Travesía de Vigo ou rúa Aragón, rúas tan prototipicamente urbanas pero que, non o esquezamos, foron urbanizadas “onte”. Eses informantes sabían da súa microtoponimia, e o seu valor era, polo tanto, comparable ao dunha veta de mineral precioso engastada na estéril pedra.

Un caso semellante aconteceu na Ceboleira, antano aldea grandota e hoxe máis grande e urbanizada aínda, á beira de Martínez Garrido, pero que conservou milagrosamente un elevado continxente de poboación nativa e un aspecto ruraloide que marca a transición da cidade ao Lavadores rural. Os seus informantes conservaron a memoria toponímica dunha zona hoxe tan urbanizada como A Dobrada, entre Martínez Garrido e Gregorio Espino. O valor da súa sabedoría toponímica é, polo tanto, duplo. Como se houbo notar, o vello Lavadores histórico ocupa áreas urbanas que hoxe moita xente dificilmente interpretará xa como Lavadores. Esta gran parroquia comezaba en Urzáiz, onde había un marco aos pés do muro da Privada Moderna, continuaba polo norte ata case a ponte de San Lourenzo e polo sur ata ben arriba de Gregorio Espino, concretamente ata a rúa Padre Sarmiento, que desemboca na de San Roque. Eran do Lavadores histórico, pois, importantes áreas como O Calvario ou a Dobrada.

Pero hoxe consérvase aínda un Lavadores máis ou menos rural, máis próximo ao seu aspecto tradicional e que mantén, se ben en número moi minguado, unha masa de poboación que tivo e aínda ten unha relación coa terra e son sabedores da súa microtoponimia. É a maior parte do Lavadores histórico e vai desde as portas da cidade no Calvario ata os avesedos do Meixoeiro; desde o enfesto alto de Figueiró ás varxas fluviais da Bouciña e Sabaxáns; desde as encostas de Subride ás terras chairas de Vilar e da Bagunda… Aí o traballo foi relativamente máis doado, pois a paisaxe aparece en grande parte inalterada e a presión urbanística aínda non puido evitarque se conserven campos de cultivo ou ermos, montes arborados e elementos etnográficos intactos. Vese polo tanto o duplo valor xeral que ten a microtoponimia de Lavadores: unha toponimia en perigo de desaparición por perda de informantes capaces, cambio da paisaxe e das actividades relacionadas con ela. Pero tamén unha microtoponimia case arqueolóxica por afectar a zonas hoxe completamente urbanas e integradas na cidade: que haxa aínda informantes que se lembran dela é algo dunha importancia de primeira orde.

A microtoponimia recollida en Lavadores amósasenos completamente integrada na área lingüística do Fragoso e do Morrazo, tanto morfolóxica e foneticamente como no eido do léxico. Formas absolutamente viguesas como A Corredoura en vez de Corredoira; Figueiró en vez de Figueiroa ou Sumós en vez de Sumoas; formas léxicas tamén prototipicamente viguesas como as Barxas, os Cochos, as Coutadas ou as Tomadas. Algunhas cun nivel de detalle sorprendente como as ameixeiras bravas coñecidas nalgunhas partes da parroquia como “abrueiros” e os seus froitos os “bróos”, ou herbas aromáticas que deixaron a pegada na toponimia da parroquia, como a curativa “néboda” ou os aromáticos “mentrastes” (temos o lugar dos Mentrastes, no Casal; e o lugar do Campo da Néboda, en San Paio).

Pódense citar como exemplos de microtopónimos de Lavadores, salientables por unha ou outra razón:

O Serodio, no barrio da Bouciña, que fai referencia a terras que botan froito tardiamente

-O Saramago, que é o centro da zona antiga de Pardavila

O Sancaitano, que nos lembra co seu nome a presenza da antiga capela consagrada a San Caetano que había preto do límite entre Lavadores e Cabral ou A Madalena, no Casal, referido a unhas propiedades da vetusta confraría viguesa de María Madalena

-O topónimo O Reguengo, preto da rúa Cantabria, lémbranos que estas terras eran de xurisdición real, propiedade da Coroa, nunha zona como Lavadores onde os bispos de Tui e en xeral outros propietarios nobres eran os que posuían a maior parte das terras durante o Antigo Réxime

Custoias, nunha área hoxe urbana ao sur do Calvario, fai referencia a un primitivo punto de vixilancia ou esculca, nun lugar onde, antes da urbanización, se divisaba case todo o val do Fragoso dun lado, e a ría de Vigo do outro

O Cabrafigo, na parte alta da Gandariña, fai referencia ás figueiras machas bravías que se empregaban para “espendoar” as figueiras femias frutíferas

A Esfarrapada é o vital nome tradicional co que se coñece ao prolongado camiño oficialmente coñecido como “rúa do Casal”

A Cabaceira, na Bouciña, lémbranos os primitivos hórreos redondos feitos de vimbias co tellado de materia vexetal,chamados cabaceiras e hoxe inexistentes na parroquia

A Fonte Chorosa, baixo a rúa Aragón, chámase con tan poético nome porque a súa auga emitía un ruído monótono, continuo e tristeiro, como se a fonte chorase de pena. Un feito semellante deu nome ao topónimo Os Choróns, coñecido durante séculos como A Fonte dos Choróns.

-O mítico Pozo da Serpe dá nome á magnífica fervenza que hai aos pés do antigo secadoiro de bacallau

-No coñecido topónimo A Balanciña está oculto un antigo “A Abelanciña”, típica forma do val do Fragoso co significado de “a pequena abeleira, a abeleiriña”, xa que as abeleiras chamáronse tradicionalmente “abeláns” en Lavadores

-O coñecido barrio do Calvario recibe o nome dun calvario de tres cruces que existiu no lugar ata principios do século XX, cuxa cruz central e máis importante se situaba na actual rúa do Cristo, e que foi a que deu nome a todo o barrio. As outras dúas cruces estaban unha na zona dos Choróns e outra preto do pazo de Rivera Atienza, coñecido sempre como Pazo da Portela

A Casqueira, en San Paio, refírese a algunha antiga “casqueira” ou “casqueiro” onde se descascaban os troncos ou rolos antes de serralos

Existen topónimos eufónicos, sonoros e de sentido escuro, como A Barronda (un polígono de terras chairas de cultivo entre a Gandariña e Gandarón, preto da avenida de Madrid), ou As Queirondas (no curso do Lagares, na parte máis baixa de Sabaxáns), ou mesmo o opaco Milixoso, un pouco máis ao sur das Queirondas. Tamén O Charau, en San Paio, se nos amosa escuro e misterioso.

O máis vello poboamento de Lavadores queda patente en topónimos como A Mamoela, en Subride, ou O Castro, no centro da rúa Toledo, sobre O Calvario. Así mesmo, son indicios preclaros de antigo poboamento os vellos topónimos derivados de antropónimos de posuidor, nomes de homes que algunha vez posuíron as terras aos que denominaron, xermánicos como o nome do gran barrio de Sabaxáns ou o lugar de Guidixe (na rúa Cantabria); ou latinos como O Caride (entre a Travesía de Vigo e a rúa Aragón); ou de mulleres, posesoras xermánicas que lles deron nome aos lugares da Guixavar, na rúa Aragón, ou A Bagunda, barrio que se estende por baixo da igrexa parroquial de Santa Cristina. Tamén o extenso e outrora moi coñecido lugar do Mouregade, en Jenaro de la Fuente, deriva dun vello antropónimo medieval de posesor.

Hai topónimos que fan referencia a antigos poboadores que na Idade Media se desprazaron desde as súas terras de orixe para instalarse en Lavadores: é o caso de Cambeses, que toma o seu nome de xentes que viñeron da terra Camba, na actual comarca do Deza: é, polo tanto, un xentilicio. E rematarei coa Ferradoura coa que empezaba estas palabras, que fai referencia a un antigo alboio ou alpendre onde se ferraban os bois e mais as bestas.

Unha reflexión sobre “A toponimia- Ibán Sestay

  1. O ler todos este toponimios. canta lembraza de miña infancia.Tiven a sorte de ter os oito anos un mestre que era un verdadeiro namorado do Val Fragoso.Pois cando no mes de Maio o calor apretaba, nos levava de paseo hasta o alto do Xeixo antes de chegar a Pardavila e ali no campo do Faneco dabanos unha parola sobre feito e lugares do Val.

Os comentarios están pechados.