Recuperando nomes “de toda a vida”

Queriamos recuperar para este blog vellos artigos, que non por vellos están de menor actualidade, da revista que editaba o SNL, “Lingua viva”. O artigo que vos presentamos hoxe foi publicado no número 49 da revista (2º trimestre de 2010).

Recuperando nomes "de toda a vida"

Páxina da revista "Lingua Viva" núm. 49

Hai uns días, recibimos no SNL unha solicitude dunha veciña dunha parroquia viguesa, na que pedía que a un camiño que non tiña nome de seu no rueiro vigués se lle puxese A LATIÑA, o “nome de toda a vida”.

Cantos nomes de toda a vida están a piques de desaparecer, por non se recuperaren para os rueiros oficiais e pór no seu lugar nomes de persoeiros, batallas, datas sinaladas, países, cidades… Non é que rexeitemos a homenaxe a unha bióloga, a un artista, a unha data sinalada… mais cremos que hai outras formas de facer visible e de que permanecer na memoria colectiva eses persoeiros, esas datas, cidades, países…

Mais eses centos de topónimos, uns por desgracia, xa perdidos do noso patrimonio, levan moito da nosa historia, cultura, lingua… Dise que a toponimia é o libro da nosa historia. Galicia cuns catro millóns de topónimos ten unha ben grande e sinalada historia… e está escrita na lingua propia e recolle o noso relevo, a nosa fauna e flora. As relacións do ser humano co territorio, co mar, coa industria.

Destruíndo topónimos, destruímos unha parte da nosa historia, de nós mesmos e mesmas. Recuperando topónimos enchemos as páxinas da nosa xa abondosa historia, da nosa lingua, do noso patrimonio.

Conscientes disto, o Concello de Vigo iniciou no ano 2004 un labor de recuperación dese legado herdado e que debemos deixar que se herde. Traballos de campo, entrevistas con veciños e veciñas dos distintos lugares, investigacións contrastadas… fixeron que recuperaramos daquela milleiros de microtopónimos que polos constantes cambios no noso hábitat (urbanizacións, montes e veigas convertidos en áreas industriais, comercias… carreiros que se converten en rúas…) corrían o risco de se perder. A maiores adoptouse un acordo plenario para á hora de nomear un novo lugar, vía, estrada, camiño… se tivese en conta o topónimo, e deste xeito recuperáronse nomes de lugar.

O traballo non está rematado, e mesmo dende o SNL coa Universidade de Vigo estamos realizando un traballo para, conscientes das lagoas que quedaran en certas parroquias, ampliar a bagaxe recuperada. Publicouse un traballo, as terras de Coia, e en breve, sairá do prelo o das terras de Lavadores (publicado en 2010), para seguirmos con Teis, Castrelos…

Sabemos do interese de asociacións veciñais, comunidades de montes por levaren a cabo traballos semellantes. Aplaudimos esta iniciativa e estamos a súa disposición para entre todas e todos pór o “nome de toda a vida”.

Por certo, “Lata” é un topónimo habitual na nosa toponimia e na do Norte de Portugal (somos a mesma área lingüística e moito máis…). Aparece ben en singular, A Lata, en plural As Latas, en topónimos compostos O Lombo da Lata... Agardo que en breve teñamos no rueiro vigués, A Latiña

E ben lonxe está o seu significado de “folla ou lámina de ferro delgada e estañada”, “recipiente feito de lata”. A voz Lata ten, amais destes significados os de “Táboa delgada que soporta as tellas ou o piso dunha casa”; “Entramado que terma das cepas altas das viñas”; “Entramado sobre o que se estenden as viñas”. “Temón do arado”. ”Protección para evitar o desgaste da madeira dos zocos”; “Táboa forte do fondo dos cestos”. “Falta de asistencia a un lugar onde hai a obriga de estar”. A súa orixe está no étimo latino latta(m) “vara longa”

Na toponimia topámolo para denominar leiras, e mesmo para aquelas que eran estreitas e alongadas.

Grazas, Isaura

3 reflexións sobre “Recuperando nomes “de toda a vida”

    • Bo día,
      Ten razón. O artigo, como dicimos ao comezo, é recuperado da revista que publicaba o SNL “Lingua Viva”. O artigo comeza con:
      “Hai uns días, recibimos no SNL unha solicitude dunha veciña dunha parroquia viguesa, na que pedía que a un camiño que non tiña nome de seu no rueiro vigués se lle puxese A LATIÑA, o “nome de toda a vida”.” e ramata cun “Grazas, Isaura”. Este artigo tiña por obxectivo crear unha reflexión sobre a perda da nosa toponimia e os intentos de recupareción que se levan a cabo dende distintos ámbitos, neste caso o Concello de Vigo, labor que coñecemos dende dentro. Para iso, partiuse da petición dunha veciña, a nomeada Isaura. A partir desa petición abriuse un expediente, e como ben dis, o nome foi aprobado e actualmente podemos dicir que o toponimo foi recuperado.
      Quixemos recuperar este artigo de hai 4 anos porque, tristemente, está de actualidade. Estes últimos meses están chegando ao Concello moitas peticións de diferentes asociacións, sindicatos, partidos políticos, persoas particulares… solicitando poñer nomes de persoas a distintas rúas, algo que vai en contra do espítuto de recuperación da toponimia de noso.
      Gustarianos redactar pronto un artigo explicando o proceso que segue o Concello á hora de nomear as vías de comunicación do termo municipal e o labor de asesoramento que desenvolve o SNL.
      Grazas a xente coma vostede, con interese na nosa toponimia, podemos ir, aos poucos, recuperando os nosos nomes.

  1. e muito importante qeu conhecer as lugares que rodeiam a nossa volta, por enquanto nesta parte a toponimia e muito mais importante para contar ou desemvolver a nossa historia sobre as lugares que pertence minha area. por isso nessa trabalho eu queria mais tentar a desemvolver a minha area que prefiro.

Os comentarios están pechados.