Topo Que?: obradoiro escolar sobre toponimia

O Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Vigo leva anos traballando no proxecto de recuperación da toponimia do noso municipio. Recolleuse e publicouse xa a toponimia das parroquias de Coia, Lavadores e Beade e estase traballando, cando menos, noutras cinco parroquias máis, coa idea de abranguer todo o concello. Pero a intención non é atesourar, plasmados no papel, nomes de lugar que son auténticas xoias lingüísticas e culturais, para deixar constancia daquilo que unha vez tivemos. Non. A idea é recoller esa toponimia para non perdela, pero manténdoa viva. E para iso é preciso que estea presente na rotulación viaria, na sinalización dos transportes, que se empregue á hora de nomear parques e áreas de lecer, etc. Debe estar presente na realidade cotiá e na fala. Pero a día de hoxe, xa só as persoas de máis idade coñecen os nomes do territorio en que vivimos. Polo tanto, se queremos mudar esta realidade e acadar o obxectivo de que a nosa toponimia perdure, é imprescindible involucrar ás xeracións máis novas neste proxecto.

Seguindo esa idea, téñense realizado xa varias actividades dirixidas ao público infantil e xuvenil. As máis recentes foron os percorridos toponímicos polas parroquias de Navia e Comesaña*, precedidas dun obradoiro infantil para a elaboración dos letreiros que logo colocamos durante a ruta e, na actualidade, o obradoiro escolar “Topo Que?”.

“Topo Que?”, taller dirixido ao alumnado de cuarto e quinto de primaria, pretende ser unha ferramenta para achegar os conceptos de toponimia e topónimo ás rapazas e rapaces máis novos. Ao longo de varias actividades aprendemos a identificar e diferenciar os topónimos dos antropónimos ou dos nomes comúns, descubrimos a grandísima riqueza toponímica que temos en Galiza e reflexionamos sobre os porqués deste feito. Identificamos a importancia dos topónimos como localizadores e, polo tanto, repasamos os topónimos da nosa realidade máis próxima: as parroquias de Vigo. A través delas descubrimos tamén que os topónimos teñen unha motivación na súa orixe e que a través deles podemos obter moita información sobre os lugares que nomean. Xogamos a toponimizar un territorio para, entre outros obxectivos, tomar conciencia de que os topónimos son unha construción cultural e colectiva e que polo tanto forman parte do noso patrimonio. E para rematar, xogamos cos propios topónimos, a lingua e a literatura para facer unha creación artística a partir deles: os calitopos; caligramas feitos en base a un topónimo, nos que a figura creada representa o étimo de orixe.

A día de hoxe “Topo Que?” percorreu as aulas de doce centros escolares no curso 2013-2014 e levamos xa outras dez no curso actual. Agardamos que sexan moitas máis e que esta pequena achega sexa un convite tamén para que os centros escolares se unan á tarefa de estudar, recuperar e salvagardar a nosa toponimia.

*O percorrido suspendeuse no mes de novembro por motivos climatolóxicos, polo que está pendente de realización. Se estades interesadas/os seguide visitando esta páxina e a do SNL porque anunciaremos a data de realización.

Algunhas imaxes dos obradoiros:

Obradoiro no CEIP Altamar

Obradoiro no CEIP Altamar


 

Toponimizando no CEIP Sárdoma-Moledo

Toponimizando no CEIP Sárdoma-Moledo


l

Caligrama co topónimo A Pedra Cabalaria: Na Pedra Cabalaria cabalga un cabaleiro máis rápido que un raio. Mais o cabalo non ten nin patas nin rabo. (Colexio Andersen, Valadares)

Caligrama co topónimo A Pedra Cabalaria:
(Colexio Andersen, Valadares)

l

l

l

Na Pedra Cabalaria cabalga

un cabaleiro máis rápido que un raio.

Mais o cabalo non ten nin patas nin rabo.

 

 

 

 


 

Caligramas cos topónimos Valadares e A Sobreira Eu vivo en Valadares, moi preto do Lagares. Eu vivo na Sobreira, cerca dunha eira, onde vive miña curmá que é perruqueira. (CEIP Sobreira-Valadares)

Caligramas cos topónimos Valadares e A Sobreira
(CEIP Sobreira-Valadares)

Eu vivo en Valadares,

moi preto do Lagares.

Eu vivo na Sobreira,

cerca dunha eira,

onde vive miña curmá

que é perruqueira.

l

l


Caligrama co topónimo O Monte da Serra (Colexio Vista Alegre)

Caligrama co topónimo O Monte da Serra
(Colexio Vista Alegre)

l

l

No Monte da Serra

hai silvas na terra

e cando vou andando

pícanme as pernas.