A Coia histórica ou tradicional

A Coia histórica ou tradicional

Entendemos por Coia histórica o territorio que cae dentro dos límites da vella parroquia eclesiástica de Coia antes das recentes segregacións parroquiais. Pero o matiz é máis complexo. Os nativos desa Coia histórica (e máis os das parroquias circundantes) entenden Coia como unha unidade territorial correspondida cos límites desa antiga freguesía e a maioría da poboación urbana tanto de Vigo como da propia Coia enténdena como un barrio urbano, de extensión maior que a actual microparroquia a que quedou reducida Coia, pero desde logo moito máis reducida que a Coia histórica: para a maioría desa poboación urbana Balaídos non será xa Coia, nin incluso boa parte da zona da Florida e moito menos a zona oriental da rúa Coruña pola rúa Torrecedeira ata Peniche; para un deses nativos iso segue a ser Coia (como foi de feito durante séculos).

COIA PLANO

A Coia histórica comeza en Beiramar na rúa Juan Ramón Jiménez e vai ata as escaleiras de Peniche indo todo por López Mora ata a praza de América e de aí pola avda. De Castrelos, aproximadamente, ata o río Lagares para continuar bordeando o actual PAU de Navia e baixar ata Bouzas por terras a poñente da actual rúa Pardaíña (véxase o mapa para mías detalles). Eclesiasticamente estes límites mantivéronse así ata 1920. Entre 1920 e 1958 perde as terras do leste da rúa Coruña e das Travesas, así como todo o barrio da Espedrigada, que pasa a pertencer a Freixeiro. Entre 1958 e 1970 a parroquia fica reducida só ás terras ao norte da avda. de Castelao entre a túa Sanxenxo e a rúa Lalín. Finalmente desde 1970 ese territorio aínda se reduciu máis, ficando a parroquia de Coia circunscrita apenas a unha poucas terras ao redor da igrexa parroquial, cunha minúscula saída ao mar preto da Volta de San Gregorio, Iso debeuse a diversas cesións a parroquias veciñas e, sobre todo, á creación e independencia doutras novas parroquias: desde mediados do século XX segregáronse de Coia catro novas freguesías: o Perpétuo Socorro, Nosa Señora do Rocío, o Cristo da Vitoria e Santo Antonio da Florida, da que, á súa vez, se separou na década de 1990 a pequena parroquia de Santa Marta de Balaídos. Se a isto lle engadimos as cesións que fixo ao longo do século XX a outras parroquias circundantes, podemos afirmar que hoxe a Coia histórica está repartida entre once parroquias!, a maioría das cales de nova creación. Repárese tamén que ata o século XVI a propia vila de Bouzas pertencía tamén á parroquia de Coia.

Esta fragmentación da vella Coia histórica (e doutras vellas freguesías do actual casco urbano vigués), con todas as dificultades pastorais derivadas, trouxo consigo que moi recentemente o bispado de Tui-Vigo eliminase o antiguísimo arciprestado do Fragoso, dividíndoo en varios novos (e pequenos) arciprestados, entre eles o chamado arciprestado de Vigo-Polígono, onde están englobadas as parroquias segregadas da vella Coia.

Hoxe, en día, como se dixo, para a maioría da xente Coia é un barrio urbano máis, cuns límites bastante reducidos con respecto aos que tivo a vella freguesía histórica.

Da Balía medieval de Coia ao Polígono de Coia. Os restos dunha freguesía rural

Non é este un libro de historia, pero baste lembrar que o actual aspecto de Coia é moi recente: a construción do Polígono non ten máis de 40 amos. Coia foi como calquera outra das parroquias fragosiñas do seu contorno: rural, con moi boas terras de labor, e mariñeira, cun enorme varadoiro natural constituído polo vello Areal de Coia.

Xa desde o século XII os Templarios tiñan bens en Coia: a partir de aí, estas terras de Coia foron a única bailía que a Orde do Temple tiña en toda a actual provincia de Pontevedra. Isto fixo que xa desde esas épocas tan recuadas Coia tivese sempre un certo particularismo con respecto a outras freguesías veciñas.

O aspecto de parroquia rural conservouse con todas as súas estruturas tradicionais ata aos anos de 1960, cando se comezou a construír o chamado Polígono de Coia (en realidade varios: Polígono L-12, L-13…).

Isto trouxo consigo unha enorme e agresiva intervención urbanística que, se ben aínda hoxe non está completada de todo, acabou coa paisaxe tradicional da vella parroquia, da que fican tan só certas illas de ruralidade decadente entre masas de torres de edificios. Fica tamén un feble continxente de poboación nativa, minorizada con respecto á poboación alóctona que se instalou en Coia, numericamente moi superior.

Pódese afirmar sen temor a trabucarnos que a Coia actual son simplemente restos; restos máis ou menos detectables, máis ou menos vivos, do que foi a antiga Coia histórica. Entre eses restos é a toponimia o que sufriu un dos máis furos reveses, pois está directamente ligar á paisaxe que hoxe desapareceu e ás actividades tradicionais que se desenvolvían nela.

Artellamento da Coia tradicional: os barrios e os lugares

Como o resto das parroquias do Fragoso, as aldeas son chamadas barrios en Coia. Estes barrios á súa vez divídense en subaldeas chamadas lugares. Por exemplo A Barxiela é un lugar do barrio dos Esturáns. Téñase moi en conta que eses barrios tradicionais (=aldeas) non teñen nada que ver co moderno concepto de barrio urbano.

Os barrios da Coia histórica son Peniche, O Areal, O Chouso, Os Esturáns, O Cruceiro, O Resío, A Pardaíña, Pelaio, Figueirido, A Espedrigada e Quintela, cada un cos seus respectivos lugares como A Seara, A Barxiela, A Cordoeira, O Adro, A Carballa, O Castriño… Algúns barrios como Pelaio estaban compostos tan só do lugar do seu mesmo nome e algúns lugares estaban divididos entre varios barrios, como o lugar das Travesas, dividido entre os barrios do Chouso, Peniche e Quintela.

Fragmento do limiar do libro Toponimia do Val de Fragoso: Coia, páxinas 14, 15 e 16.