A recollida de topónimos en Beade

A primeira referencia documental que conservamos da parroquia de Beade data do século XII e pertence a un escrito de delimitación dos territorios dependentes do bispado e do cabido de Tui. Non quere iso dicir que non teña Beade unha longa historia previa, Segundo testemuñan os restos arqueolóxicos, xa había poboamentos asentados nestas terras no terceiro milenio antes de Cristo e é probable que haxa que remontar a presenza humana na zona a datas moito máis antigas, no remoto paleolítico. A toponimia tamén corrobora esta idea, pois a pesar de que os máis dos nomes de lugar da parroquia de Beade teñen orixe no latín ou xa naceron en galego, hai algúns, como Babio, que proceden da lingua ou linguas faladas antes da chegada dos romanos e son, cando menos, bimilenarios.

Desde o tempo das primeiras referencias documentais da Idade Media ata hai apenas douscentos anos, o bispo de Tui exerceu señorío durante séculos sobre a parroquia, que no Antigo Réxime integraba, xunto coas de Bembrive, Bouzas, Coia e Coruxo, o territorio da xurisdición de Bouzas, onde gobernaba a autoridade eclesiástica tudense, que designaba cada tres anos un xuíz ordinario e catro rexedores.

Coas reformas administrativas da primeira metade do século XIX, a vila de Bouzas constituíu o concello do seu nome con parte da súa antiga xurisdición, mentres que outra parte, incluída a parroquia de Beade, pasou a pertencer ao concello de Lavadores, composto por oito parroquias ou freguesías: Beade, Bembrive, Cabral, Candeán, Lavadores, Teis, Valadares e Zamáns. Estes dous concellos limítrofes de Vigo foron agregados en diferentes épocas ao da cidade: o de Bouzas en 1904 e o de Lavadores, logo de máis dun século como entidade municipal independente, en 1941.

As formas dos nomes de lugar estudadas aquí recolléronse de informantes orais en traballo de campo e contrastáronse coas que figuran na documentación histórica que puidemos consultar. Como adoita sucedes coa toponimia dos arrabaldes das cidades, o traballo de campo vese dificultado pola alta proporción de habitantes non orixinarios do lugar, que polo regular descoñecen a toponimia tradicional do territorio ou coñecen só os nomes oficiais ou os da rotulación municipal, que en ocasións conteñen erros, polo que a efectividade de todo o traballo depende dunha boa selección dos informantes.

Unha pequena parte dos topónimos recollidos corresponden a núcleos consolidados desde hai centos de anos como barrios ou aldeas da parroquia, que figuraban como tales nos nomenclátores oficiais dos séculos XIX e XX e continúan recibindo na actualidade a consideracións de entidades de poboación no Nomenclátor de Galicia publicado pola Xunta de Galicia (2003). Algúns destes núcleos históricos deron orixe, xa desde a Idade Media, ao correspondente apelido toponímico, que en ocasións sobrevive con vitalidade (por exemplo, Abalde). Ocuparémonos do nome destes núcleos en primeiro lugar, logo do apartado inicial (pp.11-14) dedicado ao nome da parroquia, e despois deles trataremos os demais topónimos do territorio de Beade, que constitúen o que en ocasións se denomina microtoponimia ou toponimia menor. No transcurso das últimas décadas, coa progresiva expansión urbana que irradia desde a cidade de Vigo, algúns deles quedaron fixados no nomenclátor municipal como nomes de vías públicas; outros seguen a ser microtopónimos que designan áreas de arboredo, campos de labor cultivados ou ermos, terreo industrial, parcelas edificables, etc.

Imaxe do parque forestal de Beade tirada da páxina de Turismo de Vigo

Imaxe do parque forestal de Beade tirada da páxina de Turismo de Vigo

Estas páxinas son unicamente unha introdución á toponimia de Beade, un primeiro achegamento a todo o caudal de información que encerran os seus nomes de lugar. Un estudo máis exhaustivo precisaría o exame pormenorizado das fontes históricas manuscritas relativas á parroquia desde a Idade Media e o Antigo Réxime ata datas máis recentes, que se atoparán no Arquivo Histórico Nacional de Madrid, no Arquivo Diocesano de Tui, nos arquivos municipais de Vigo e no Arquivo Histórico Provincial de Pontevedra, ademais da documentación relativa ao antigo concello de Lavadores e á xurisdición de bouzas, e todo tipo de documentos públicos ou privados que conteñan información toponímica e onomástica de Beade: libros parroquiais, protocolos notariais, contratos de foros, rendas, apeos, ordenanzas veciñais, etc.

Nesta introdución á toponimia de Beade utilizáronse só algunhas desas fontes documentais. As medievais tómanse de dúas bases de datos accesibles en internet: as referencias que están en latín proceden do Codolga (Corpus Documentale Latinum Gallaeciae), creado polo Centro Ramón Piñeiro, e as que están en galego do TMILG (Tesouro Medieval Informatizado da Lingua Galega), do Instituto da Lingua Galega . Outra documentación dos séculos XVI ao XIX consultouse a través do Portal Pares do Ministerio de Cultura. Examináronse ademais os volumes do Catastro de Ensenada correspondentes á “Freguesía de Sto. Esteban de Beade”, Provincia de Tuy, Reyno de Galizia”, que responden a enquisas do ano 1752 e que están a disposición do público no Arquivo Histórico Provincial de Pontevedra. Deste catastro, os libros chamados Real de Leigos e Real de Eclesiásticos (Libro de lo real de los individuos legos / Libro de lo real de los individuos eclesiásticos) conteñen moita documentación toponímica, pois consignan todas as propiedades rústicas con indicación do nome do sitio en que se atopan. Utilizáronse tamén repertorios xeográficos e nomenclátores oficiais dos séculos XIX e XX e nalgún caso documentación recente, como as listaxes municipais relativas á rotulación de vías públicas na parroquia e o equivalente rueiro elaborado pola asociación de veciños de Beade. Cando se citan outras fontes, dáse a referencia en nota ou remítese á bibliografía que figura nas páxinas finais.

O propósito principal deste achegamento á toponimia de Beade é o de chamar a atención sobre o valor patrimonial que teñen os nomes de lugar, que expresan a relación da poboación de Beade co seu medio xeográfico ao longo dos séculos. Dalgúns xeito, os topónimos son a memoria que a paisaxe ten de si mesma. Encerran a dimensión histórica da paisaxe, pois a toponimia humaniza con memoria o medio físico. A parroquia de Beade, pola súa inmediatez ao conglomerado urbano de Vigo, está moi exposta a agresións contra o seu patrimonio toponímico, xa que unha urbanización insensata non só altera o medio senón que nalgunhas ocasións, sempre demasiadas, rebautiza os lugares e borra dunha sentada toda a memoria acumulada na toponimia. A escasa distancia de Beade temos un coñecido exemplo: unha actuación urbanística fixo que un lugar da veciña parroquia de Castrelos vise o nome herdado de xeracións en xeracións ao longo dos séculos (documentado como Pericoto na Idade Media; vivo como O Pericoto ou Piricoto na fala local na actualidade) suplantado de golpe por un novo nome que constitúe propiamente unha marca comercial. Neotopónimos semellantes xurdiron nas últimas décadas como nomes de urbanizacións nas proximidades das cidades galegas e das vilas turísticas da costa, e talvez seguirán xurdindo mentres non dispoñamos de leis ou de ordenanzas que protexan a toponimia como se protexen outros elementos do patrimonio cultural, ou mentres non se espalle entre a xente a conciencia do valor dos nomes de lugar, a conciencia de que a través da toponimia a paisaxe está a revelarnos o seu pasado. Estas páxinas pretenden espallar esa conciencia.

Os topónimos estudados foron recollidos en traballo de campo durante os anos 2002-2003 nunha primeira campaña, vinculada ao Proxecto Toponimia de Galicia (PTG) e contou coa colaboración do Concello de Vigo, da Universidade de Vigo e da Federación de Asociacións Veciñais de Vigo. Os topónimos obtidos nesta primeira recolleita foron notablemente incrementados (e en bastantes casos corrixidos) nunha segunda campaña de traballo de campo realizada por Lorena Carrasco en 2010, tamén co apoio do Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Vigo e da Área de Normalización Lingüística da Universidade de Vigo.

Limiar, Toponimia do Val de Fragoso: Beade, pp. 5 a 9