O topónimo Beade

O nome da parroquia deriva dun nome persoal ou antropónimo. Desde o tempo dos romanos ata aproximadamente o século XI, foi un procedemento común denominar unha pequena explotación agrícola (as chamadas villae, xermolo de moitos dos núcleos de poboación actuais) mediante a forma do xenitivo latino do nome do seu propietario ou fundador. Por exemplo, a villa dun señor de nome Petrus ou Pedro chamábase en latín Villa Petri (‘Vila de Pedro’) ou simplemente Petri (‘de Pedro’, ‘a de Pedro’), e esa forma latina acabaría por dar, xa en galego, os topónimos Vilapedre ou Pedre.
O uso do xenitivo latino para dar nome a un lugar viña sendo unha fórmula culta e un tanto artificiosa, que seguiu usándose cando a lingua falada xa estaba moi afastada do latín e non quedaba nela nin traza da declinación latina. En Galicia son numerosísimas as aldeas, parroquias e vilas cuxas denominacións se formaron mediante ese procedemento so xenitivo dun antropónimo, o que significa que todos ou a maior parte deses núcleos de poboación tiveron orixe (ou nalgún caso foron rebautizados) no referido período do primeiro milenio. Son os chamados topónimos de posesores medievais. O nome de Beade é tamén un topónimo de posesor medieval. Procede da forma Beati, xenitivo do nome persoal Beatus (Beato ‘feliz’), e fai referencia á villa dun individuo chamado así.
Beatus é un nome de orixe latina que tivo uso común entre os cristiáns durante o período que vai do século IV ao XI. O máis célebre personaxe así chamado foi Beato de Liébana, que viviu na segunda metade do século VII no mosteiro de San Martín de Turieno (hoxe San Toribio de Liébana, na beira cántabra dos Picos de Europa) e compuxo uns famosos comentarios ao Libro da Apocalipse de San Xoán. Por esta razón reciben o nome xenérico de beatos os manuscritos hispánicos dos séculos X e XI co Libro da Apocalipse e os seus comentarios, profusamente ilustrados con miniaturas que constitúen xoias da arte pictórica da época.

Hoxe non podemos saber quen puido ser ese individuo concreto chamado Beatus ou Beato que deixou trazas do seu nome no topónimo que designa a parroquia de Santo Estevo de Beade. Sería seguramente un señor local ou propietario de terras. Posto que o uso de Beatus ou Beato como nome persoal foi perdendo vixencia a partir do ano 1000, aproximadamente, o máis probable é que a fixación do topónimo Beade tamén sexa anterior a esa data.
A advocación parroquial de Beade é santo Estevo. Santo Estevo protomártir, que pareceu martirio por lapidación, foi considerado tradicionalmente o padroeiro ou patrón de canteiros e pedreiros, e en moitos lugares o seu culto está asociado con antigas industrias de extracción de pedra. Na parroquia de Beade hai canteiras na actualidade e tamén as houbo no pasado, pero non podemos saber se foi esa a causa da elección se santo Estevo como titular parroquial, como sucede en ocasións en freguesías de Galicia e doutros países. Desde hai douscentos cincuenta anos temos noticia de veciños de Beade que figuran no censo compartindo o oficio de “labrador” co de “carretador de piedra”. No século pasado, o cronista José Espinosa, no seu libro Tierra de Fragoso, ao referirse á importancia da cantaría na veciña parroquia de Castrelos, celebraba as “famosas canteras de la Sierra y Porto Loureiro, cuya explotación lleva consigo para el transporte del material, gran cantidad de carros del país, propiedad de los habitantes de Castrelos y de alguna parroquia inmediata”.
Ademais do Beade vigués, o Nomenclátor de Galicia recolle outros catro topónimos Beade idénticos: a poboación, parroquia e concello de Beade, no Ribeiro, e tres aldeas nos concellos de Abegondo e Rois, na Coruña, e no de Quintela de Leirado, en Ourense. O primeiro garda certa relación coa historia da parroquia viguesa de Beade, pois alén da coincidencia dos nomes, estoutro Beade do Ribeiro era Encomenda da Orde dos Cabaleiros de San Xoán de Xerusalén, tamén chamados do Hospital ou de Malta, e esa Encomenda de Beade (do Ribeiro) casualmente tiña intereses e propiedades no territorio da parroquia viguesa, especialmente nas terras lindeiras con Sárdoma e Castrelos, pois nesta última parroquia exercía señorío esa orde militar, que tamén señoreaba o lugar de Moledo, o cal aparece na documentación do antigo Réxime como dependente da parroquia de Beade (hoxe pertence a Sárdoma).
O primeiro documento en que rexistramos o nome da parroquia é, como se dixo, un escrito de delimitación dos territorios pertencentes ao bispo e ao cabido de Tui datado a mediados do século XII. No parágrafo que se transcribe a continuación, extraido dese documento, aparece citada “in Terra de Fragoso” a parroquia de Beade xunto coas de Santo André de Comesaña, Santiago de Bembrive, Santiago de Vigo e San Salvador de Teis: “in terra de Fragoso ecclesie Sancte Andree de Comesania medietas, Sancti Stephani de Biadi tres partes cum cauto suo, Sancti Iacobi de Benevivere integra cum cauto suo; Sancti Iacobi de Vigo integra cum cauto suo, Sancti Saluatoris de Teix integra cum ipsius regalengo” (ano 1152).
A finais do século XII o rei Fernando II confírmalle ao bispo de Tui don Bertrando ou Beltrán a súa posesión dos coutos de Beade e de Bembrive: “cautos vestros de Benevivere et de Biady in terra de Frafoso” (ano 1179).
Case un século máis tarde rexistramos o primeiro párroco de Beade de nome coñecido, É un tal Xoán apelidado Pais, Páez ou Paz (Pelagii en latín, patronímico do nome Pelagius ‘Paio’) e alcumado Corvacho, que asina como testemuña nun documento do mosteiro de Santa María de Oia: “Johannis Pelagii dictus Corvacho clericus de Biade” (ano 1266).
Na documentación antiga atopamos o topónimo con diversas grafías: Biade, Biadi, Biady, Viade, Veade. Desde o século XVI xa comeza a facerse común Beade, pero a vacilación gráfica persistiu ata o século XIX.
Nas Respostas xerais do Catastro de Ensenada (1752), indícasenos que a freguesía de Beade, “es de soñorio y perteneze al ylustrissimo obispo y cabildo de Tuy”, a quen pagan, cando falece un veciño cabeza de familia, o dereito de loitosa, consistente “en la mejor rez (sic) de ganado o alaja del difunto”. Estaban exceptuados deste tributo os veciños establecidos nas terras do directo dominio do convento de San Domingos de Pontevedra, que como veremos tiña abundantes propiedades na parroquia sometidas a foro. A parroquia de Beade estaba daquela encadrada dentro da “justicia y regimiento de la villa de Bouzas”. Nesa data había no territorio da parroquia 165 casas, catro delas arruinadas, e dúas tabernas públicas.
Como vimos, a pertenza de Beade á xurisdición de Bouzas durou ata o ano 1833. A partir desa data, Beade foi integrada no concello de Lavadores ata 1941, en que Lavadores foi anexionado a Vigo.
No Diccionario Geográfico-Estadístico-Histórico de Pascual Madoz (1845) lese:
Beade (San Esteban de): feligresía en la provincia de Pontevedra (6 leguas), diócesis de Tuy (3 ½) partido judicial de Vigo (1) y ayuntamiento de Lavadores (¾): situada en una frondosa campiña, con clima templado y sano: tiene 210 casas formando distintos grupos y una escuela privada que frecuentan 60 niños, pagando cada uno un ferrado de maíz al año. (…) El terreno, en las 200 fanegas destinadas al cultivo, es de buena calidad, y en la dehesa nacional se encuentra una robusta arboleda de robles. Los caminos son locales y malos; el correo se recibe de Vigo. Productos: maiz, vino, patatas algunas frutas y pastos; cría ganado, prefiriendo el vacuno, y alguna caza.
Desde que temos información demográfica, Beade conta cunha densidade de poboación relativamente alta. En 1571 a freguesía tiña 39 veciños (cabezas de familia) O Catastro de Ensenada (1752) computa na parroquia 159 veciños e 750 almas (habitantes). En 1813 son 164 os veciños, En 1845, segundo o dicionario de Madoz, 209 veciños e 1050 almas. O Nomenclátor de 1910 atribúelle 1509 habitantes, No censo de 1940 eran 2644. Hoxe supera os 5000.