O Resío

É un barrio (aldea) que se corresponde máis ou menos coa actualmente chamada rúa do Resío (na placa rúa do Rocío). Recentemente independizouse eclesiasticamente de Coia e aos curas non se lles ocorreu outra cousa que chamarlle oficialmente parroquia de Nuestra Señora del Rocío, como se o secular nome do Resío fose unha mala pronuncia dese nome de Virxe.

Desde hai xa máis de cen anos o nome deste barrio aparece sempre escrito como Rocío, sen dúbida por unha mala interpretación que fixo pensar que Resío é unha bárbara deformación popular de Rocío. Non hai nada diso, os paisanos din ben. Aínda hoxe case todos os nativos foron refractarios ao oficial Rocío e seguen a pronunciar O Resío.

Un resío é unha vella palabra galega co significado xeral de ‘sobrante ou sobexo dunha terra que queda ao longo do muro que a pecha’ e de aí a ‘faixa de terreo que bordea algúns terreos’ ou mesmo ‘anaco de terreo pechado unido á casa’. Vén do latín RESIDUU, é dicir ‘residuo’ co sentido de ‘o que se deixa fóra’.

Texto de Toponimia do Val do Fragoso. Coia. Páxina 101-102

Perímetro do barrio do Resío segundo googlemaps

Perímetro do barrio do Resío segundo googlemaps

ceip virxe rocio

CEIP Virxe do Rocío, situado na rúa do Rocío

nome rua

Placa co nome actual da rúa: “rúa do Rocío”

Unha reflexión sobre “O Resío

  1. Parabéns polo blog. Despois de ter lido a entrada, pergunto-me se algumha instituiçom tomará as medidas oportunas para restabelecer o topónimo. Seria fantástico se também a escola mudasse o seu nome. Graças!

Os comentarios están pechados.