A Marinasia: a nosa historia no topónimo

Unhas das cousas das que sempre se fala cando se toca o tema da toponimia é a importancia que os topónimos teñen como posuidores da historia do seu pobo. Este topónimo que presentamos hoxe aquí é claro informador do que ocorreu na historia de Vigo. É a memoria do pobo.

Pero non menos importante é ver, neste mesmo topónimo como a fala ao longo dos anos vai mudando os termos, neste caso un nome propio. Hoxe vemos o caso do topónimo Marinasia.

Localización do camiño de Marinasia Google maps

Localización do Camiño de Marinasia
Google maps

Este nome está presente en dous topónimos de Beade: Marinasia (terras de labor nas inmediacións do Seixo e de Saa) e o Camiño deMarinasia (vía pública no mesmo lugar). Na rotulación viaria e na documentación municipal recente atopamos a presenza dun artigo vacilante para estes topónimos, *A Marinasia e camiño *ao (sic) Marinasia, pero a tradición escrita recolle este topónimo sempre sen artigo. Nun testamento de hai máis dun século (1903), na enumeración de varias herdades en Beade lemos «un cuarto de ferrado (…) en donde dicen la de Marinasia», «…que llaman la de Marinasia», «el mismo sitio de Marinacia».

Esta última grafía, que corrixe o seseo da fala local, permite interpretar o topónimo como o nome feminino María Ignacia. Para sabermos quen puido ser esa muller que deixou memoria de si na toponimia de Beade, o propio nome pode axudarnos a establecer unha cronoloxía aproximada.

Ignacio, nome persoal de orixe hispana e incorporado ao repertorio onomástico latino, tivo emprego como nome masculino na península desde hai centos de anos, pero a súa época de maior difusión coincide cos momentos de máximo poder dos xesuítas entre os séculos XVII e XVIII. Durante ese período, o nome Ignacio pasa a situarse entre os nomes de home máis comúns, e tamén adquire significativa frecuencia de uso o correspondente feminino. Unha ollada ao libro do vecindario do Catastro de Ensenada de calquera parroquia abonda para advertir o común que era o nome feminino Ignacia a mediados do século XVIII. No último terzo dese século, non obstante, diminúe notablemente a imposición deses nomes aos bautizados, e aínda que o masculino sobreviviu e continuou tendo certa vixencia (no século XX habería de coñecer un novo incremento de uso), o correspondente feminino entrou en decadencia. As datas significativas que enmarcan a época en que estivo de moda o nome Ignacia son 1622, ano da canonización de Ignacio de Loyola polo papa Gregorio XV, e 1767, data de expulsión da Compañía de Xesús no reinado de Carlos III. Así pois, é moi probable que a muller chamada María Ignacia que deixou pegada na toponimia de Beade nacera no período comprendido entre esas datas.

Imaxe do camiño de Marinasia Google maps

Imaxe do Camiño de Marinasia
Google maps

Por outra parte, a ausencia dese topónimo nos libros do Catastro de Ensenada relativos á parroquia de Beade (1752) lévannos a reducir aínda máis o abano cronolóxico. Da documentación que se manexou para buscar mulleres chamadas María Ignacia en Beade nun período que ocupa a segunda metade do século XVIII e as primeiras décadas do XIX, as sospeitas recaen sobre unha monxa que andou por Beade e por Castrelos no mes de marzo de 1809, pouco antes dos sucesos que referimos ao tratarmos o topónimo A Batalla. Chamábase María Ignacia Montenegro.

No libro titulado Tierra de Fragoso, José Espinosa, cronista de Vigo, ao referirse aos sucesos de marzo de 1809, coa toma da cidade polos franceses e a posterior liberación ou reconquista, dá noticia de que no Libro de defuntos de Castrelos se consigna a sepultura nesa parroquia de tres veciños de Beade, mortos polos franceses o día 28 de marzo. Mais no capítulo onde copia as tres anotacións dese Libro de defuntos, vemos unicamente dous enterramentos dese día. A terceira anotación (a primeira, en orde cronolóxica) corresponde a tres semanas antes e refírese á defunción e ao enterro de María Ignacia Montenegro. Polo texto da nota sabemos que a relixiosa abandonara o convento das Encerradas de Tui, fuxindo «de la fiereza de los franceses», para buscar refuxio en Castrelos, onde vivía a súa familia. As palabras de Espinosa, que falan de tres mortos, dan a entender que a monxa tamén foi asasinada polos franceses, pero no Libro de defuntos fálase sucintamente dun accidente. Semella verosímil que María Ignacia Montenegro padecera o seu accidente mortal no termo de Beade e que logo fora enterrada en Castrelos, pois alí residía temporalmente. Acaso tivo lugar ese accidente nas terras que hoxe levan o seu nome? As anotacións correspondentes aos outros dous defuntos reproducímolas ao falar do topónimo A Batalla. Velaquí a relativa a esa María Ignacia:

En la iglesia parroquial de Santa María de Castrelos, el día seis de Marzo del año de mil ochocientos y nueve, yo Don Ramón Alvarez, Cura Párroco y Prior de ella, asistí a dar sepultura eclesiástica al cadáver de doña María Ignacia Montenegro, religiosa profesa del combento de Tuy, que se havia refugiado en esta parroquia por oyr de la fiereza de los franceses; recibió el Sacramento de la Extremaunción, no el de la Penitencia y Comunión, por averse muerto de un accidente; aistieron a su entierro treinta y ocho señores sacerdotes yncluso yo el párroco, y para que conste lo firmo. – Ramon Alvarez.

Aínda que existe certa tradición local que relaciona outro topónimo de Beade, A Batalla, cos sucesos de marzo de 1809, a documentación histórica obríganos a desmentir esa relación. Pero se, como supoñemos, a María Ignacia que deu nome á paraxe de Marinasia e ao camiño de Marinasia foi esta fidalga monxa que fuxiu do convento tudense por medo dos franceses e acabou morrendo dun accidente en Beade, xa temos aquí un topónimo relativo a aqueles días das Proezas de Galicia. A solemnidade dun enterro con nada menos que trinta e oito sacerdotes era cousa ben extraordinaria, e non é de estrañar que deixara pegada na memoria das xentes e no nome dun lugar relacionado coa vida ou coa morte da súa protagonista.

Imaxe do camiño de Marinasia Google maps

Imaxe do camiño de Marinasia
Google maps

Texto tirado de Toponimia do Val de Fragoso: Beade. Páxinas 113 a 116

Unha reflexión sobre “A Marinasia: a nosa historia no topónimo

Os comentarios están pechados.