O motivo de porque se deixou de escribir

Hai xa case tres meses que non se escribe nada neste blogue que foi creado para difundir o traballo de toponímia levado a cabo nas nosas respectivas parroquias. Non é que non teñamos nada para escribir (cando é información e coñecementos o que nos sobra) pero é que estamos nun proceso chave para o estudo dos nosos topónimos. Nestes últimos dous meses estivemos puíndo e dando os últimos detalles a uns libros que serán a plasmación de todo un custoso traballo de campo. Foi o que poderíamos denominar traballo de laboratorio, unha tarefa que non por estar sentado nunha cadeira é doada. Temos que consultar moita bibliografía sobre toponímia, antroponímia ou alcumes para así dar explicación ou cando menos intentar dala de moitos dos nosos nomes.

A Auga (II) Os muíños

Os primeiros muíños que utilizou o ser humano funcionaban a base de fregar unha pedra contra outra. Foron nun primeiro momento móbiles, debido a que tamén daquela as poboacións eran nómades e non tiñan poboados fixos. Coa chegada da neolitización, os grupos humanos pasarían a asentarse en zonas estratexicamente escollidas, na que como non, a presenza da auga tiña un papel fundamental.

Co paso do tempo, estes muíños acabarían tamén por asentarse ás beiras dos ríos e pasar a ser movidos pola forza da auga.

Os muíños da parroquia, todos eles hidráulicos (a excepción dun que é eléctrico) presentan diferenzas entre eles, especialmente no referente á entrada da auga no mesmo. Pese a todos ser de levada, ao chegar ao muíño esta convértese en: cal de pedra, cubo ou cheminea; todos eles teñen a finalidade de aumentar a presión da auga unha vez aberta a sateira. O anterior, seguramente se deba ao pouco caudal dos ríos ou regos da parroquia.

Muíño do Crego con cubo en cheminea e inferno con arco
Muíño Novo. Véxase a cal de pedra pola que entra a auga Seguir lendo

A Auga (I)

A auga, ten nas parroquias galegas, un lugar privilexiado ao formar parte dese sangue vertebrador do noso agro. Iremos tratando en cada un dos artigos que clasificamos dentro do tema da auga, a importancia de elementos como presas, peirados, muíños, fontes ou minas que foron noutro tempo, o día a día dunha poboación que vivía do campo.

Na parroquia de Comesaña, a auga está presente en cada un dos seus recunchos: no monte, a xeito de regueiras e regos; na zona cultivable preséntase en forma de levadas e ríos nos que se tiñan que facer presas e peirados coa finalidade de conducir a auga aos campos traballados.

A presenza de fontes é visible naqueles lugares nos que abundan máis os mananciais, construíndose en ocasións minas que furan a terra ata as súas entrañas.

Os lavadoiros e pilóns pola súa banda, foron a orixe dunha rica tradición oral, ao ser neles onde as mulleres se reunían non só a lavar, senón a cantar e falar sobre os acontecementos máis salientables da aldea. De aquí, nacerían cancións como as cantadas por Mercedes ´´A Chidiñas“:

Debaixo do lavadoiro,                                                                                                       onde María lavaba,                                                                                                                había unha sementeira                                                                                                     que meu Manuel apañaba. Seguir lendo

Entroidada de nomes

Cando comezamos a ter contacto cos nomes de lugar, dámonos logo conta de que moitos deles son semellantes e  moi repetidos entre o repertorio toponímico da nosa terra.

Algúns  deles, están presentes na parroquia de Comesaña  como é o caso da Gandra, O Poulo, O Castro, O Pazo, A Cachada, A Devesa do Rei, A Nogueira,  O Rial, O Tombo, Os Carreiros, O Barreiro… nomes comúns a moitas das parroquias viguesas que aquí comentamos.

Mais outros, non son tan comúns, e é esa particularidade o que os fai estraños, non só para as persoas que recollemos que en ocasións temos que pedir que se nos repita a súa pronuncia varias veces para podelo escribir, senón ás veces mesmo para os filólogos dedicados ao seu estudo que se lles fai imposible descifrar o seu significado ou orixe.

Son nomes tan raros pero á vez tan fermosos como O Sepemiguel  ou A Papuíña.

Algúns dos máis usuais, fan referencia ao seu propietario ou a algunha característica ou anomalía que o fixese peculiar como pode ser O Campo do Chosco, A Mina do Cagallón ou a xa mencionada Devesa do Rei que tantas veces se atopa en Galicia. Seguir lendo

O crime de Matamá

A nosa recollida de toponimia, como moitos saberedes, non se atinxe só aos nomes de lugar senón que tamén recollemos a rica tradición oral que os nosos paisanos gardan debaixo da boina, e as mulleres debaixo de chamativas pañoletas. Sabedor de quen na parroquia de Comesaña destacaba por saber cantares ou coplas de cornetadas, seráns… alá me dirixín na súa busca. Carmen Costas Comesaña, coñecida por todos como A Piñeira, cantoume un cantar do que xa pouca xente se lembra, e menos con todas as coplas. Resulta que o aprendeu nunha daquelas mañás que acompañaba a súa nai vender piñas, feixes de leña… á feira de Bouzas onde as cantaba un vello cego. Sen nada que facer, decidiu aproximarse ao vello e prestarlle atención ás súas verbas, unhas coplas que nunca máis esquecería (quizais polo espanto que lle puideron causar a aquela idade tan nova). Escribireino tal e como me foi cantado, con mestura de castelán e galego, e por suposto, coa gheada e seseo propios do lugar. Seguir lendo