Maruja, A Cruxeira

Neste comezo ano vimos de perder de xeito repentino e totalmente inesperado a Maruja “do Paso”, ou “A Cruxeira”, alcume polo que foi máis coñecida logo de casar con Pepe “O Cruxeiro”.

Con case noventa anos de idade, que cumpriría este ano, Maruja era unha boa representante diso que demos en chamar “Tesouros Vivos”, persoas que se convirten en elementos clave na transmisión do noso patrimonio cultural inmaterial.

Durante o traballo de recollida da toponimia de Bembrive Maruja foi, xunto a outras, unha das informantes claves, coa que compartimos máis de media ducia de encontros e horas de conversa. Coñecía máis dun cento de topónimos da parroquia, algún deles só referidos por ela, como O Outón, O Picouto, A Chan do Picouto ou As Corcovas e posiblemente moitos máis alcumes (ou apoios, como maioritariamente se di en Bembrive): O Cataplin, As Crencas, As Pedrosas, As Ferreiras, As de Carbonero, As Gharridas, As Rolas, As Faximofas, As Corberas, As Pelouras, O Macarrón, O Peroliro, etc. todos eles xoias da nosa lingua e a nosa cultura. Sigue lendo

O topónimo Xeme

Hai tempo xa que tiñamos pendente dar unha resposta a Tomás Juste, veciño de Bembrive, que nun comentario ao artigo sobre o rego de Pontecela aproveitaba para preguntarnos sobre a orixe do topónimo Xeme.

Este topónimo aparecía recollido xa en Bembrive, tanto coa forma actual como baixo a grafía de Jeme, no Catastro del Marqués de la Ensenada (1752).

Na base de datos do TMILGA (Tesouro Medieval Informatizado da Lingua Galega) atopamos un topónimo Geme nun documento notarial do ano 1390 (..Jtem ha eàna frijgissía dúas seruiçayas despobrados et outro en Quintaa d’ Onega et outro en Geme….)[1] equivalente ao de Bembrive, pero pertencente  á zona Noia, aínda que hoxe en día xa non sobrevive como entidade de poboación. De feito, na base de datos do proxecto “Toponimia de Galicia” non aparecen na actualidade máis topónimos “Xeme” que o da nosa parroquia de estudio. Sigue lendo

O Rego de Pontecela

Pois ben, aquí vai a solución á adiviña presentada no anterior artigo sobre o rego de Pontecela:

O rego de Pontecela parece xa citado, no Catastro do Marqués da Ensenada,  como situación do muíño de Paio, propiedade de Ana de Souto, veciña de Paio.

Atopamos o seu nacemento no monte do Pouso, subindo pola entrada que leva á área recreativa do Pouso de Arriba,  collendo a man esquerda pola senda na que se atopan as minas de auga da Chan[1]. Logo de baixar pola Xunqueira, pasa polos muíños do Pouso e do José María que antigamente movía. No muíño do Pouso a súa auga era ademais aproveitada para alimentar os lagos nos que se maceraba o liño. Deixando o Pouso, o rego continúa o seu percorrido rodeando o monte do  Crasto de Xestoso pola súa aba sur-oeste. Toma aquí o nome de río da Candea, posto que é o nome das terras que neste lugar baña e  onde a súa auga enchía o lavadoiro do mesmo nome (lavadouro da Candea). Aquí, na altura do lavadoiro, atopábase a metida da Candea, a onde se  viña buscar a auga para regar cando correspondía a tanda, posto que era o punto onde as augas se partían para unha zona ou outra de Bembrive. Sigue lendo

O rego de Pontecela

O rego de Pontecela é o curso de auga que nace nos montes do Pouso e atravesa a parroquia de Bembrive de leste a  oeste no seu terzo norte para ir desembocar, logo de unirse á regueira do Abade e recoller as augas dos Freires, no río dos Pelames, que poucos metros augas abaixo tomará o nome máis coñecido de Eifonso (un dos principais afluentes do río Lagares).

Este curso de auga, de pouco máis de dous quilómetros de lonxitude, vai tomando ao longo do seu percorrido, como é habitual, diferentes nomes. Pero… animádesvos a adiviñar cantos?

Agardamos as vosas respostas!

A estrada das Plantas

     Seguramente moitas e moitos dos que chegades a estas páxinas tendes empregado a estrada das Plantas aínda sen saber cal era o seu nome e moito menos a orixe do mesmo.

     A coñecida como estrada das Plantas é o vial que, en dirección Norte-Sur,  atopamos case paralelo á fronteira  da parroquia de Bembrive co veciño concello de Mos. Partindo da antiga finca de Don Nicolás (na rotonda existente diante do tanatorio situado en parte nos terreos do antigo Polvorín), discorre entre A Estrada e o lugar do tío Pecho e a Pexega, pasa por riba das terras do Rorigo e logo da rotonda do Rebullón serve de división entre As Lagoas e As Lagoas Altas. Continúa por riba do Picouto e da Chan do Picouto, situados nos montes do Pouso e por riba do nacente do rego ou río de Pontecela.  Rodea pola súa parte máis alta O Costal e xusto despois da curva na que atopamos a entrada para a pista que nos leva á Fraga, condúcenos, nun pequeno desvío a man esquerda, ao campo de fútbol das Plantas. A partir de aquí iremos deixando a man dereita A Chan da Cruz, A Estrada, O Poulo Verde e A Lagoa, ata chegar á Xunqueira, onde atopamos a rotonda de accceso ao campus universitario das Lagoas-Marcosende.

     Segundo a señora Olidia, unha das nosas informantes próxima aos noventa anos e á que xa nos referimos na entrada anterior (A Pedra do Empantano), o campo de fútbol “das Plantas” e polo tanto a estrada que pasa por el, recibiron  este nome “porque os nenos da escola da Chan foron plantar alí moito” xa na época de seus pais Sigue lendo