O alumnado do CEIP Coutada-Beade pescuda sobre a toponimia do lugar

Hai uns días recibimos un correo do CEIP de Coutada Beade. Contaban que o ano pasado (2011) os nenos e nenas do colexio realizaran un traballo sobre toponimia. Neste traballo colaboraron, non só o alumnado do centro, senón tamén as familias e a veciñanza da parroquia.

Hoxe queremos achegarvos esta preciosa iniciativa. Que serve para recuperar a toponimia do lugar e máis tamén para que estes nenos e nenas e as súas familias tomen conciencia da súa importancia, dos significados que nos achegan e da historia que ocultan, a nosa historia.

 BEADE

Chámase así porque se di que era terra de beatos.

  • Beade e Beadenses. (Sandra C. 2ºB)

-A primeira referencia escrita da parroquia data de 1160, rexistrando a documentación da igrexa de Beade no control administrativo das terras de Beade. Seguir lendo

A recollida da topomimia en Beade: relato dunha experiencia

Pouco antes do Nadal de 2009 encargáronme preparar unhas unidades didácticas sobre toponimia. Irían dirixidas aos mozos e mozas da cidade de Vigo e encadraríanse dentro do proxecto que leva a cabo o Servizo de Normalización Lingüística do Concello, MEU! Coñecéndonos, descubríndonos. O obxectivo non era outro que dar a coñecer a enorme riqueza toponímica da cidade, así como a súa importancia e valor cultural. Pensei que a miña relación coa toponimia, curta pero intensa, acabaría aí, ata que me volveron facer outra proposta: recoller os topónimos da parroquia de Beade. Aceptei. Non podía ser doutro xeito: é un traballo que cómpre facer se queremos conservar os nosos nomes de lugares e cómpre facelo axiña, pois o tempo non é moito cando o que se busca só está nas cabezas dos máis vellos do lugar. Así que, non sen antes recibir as indicacións pertinentes de quen sabe bastante máis disto ca min, planteime en Beade, mapas e gravadora en man, disposta a rescatar eses vellos tesouros custodiados polas súas xentes. E a iso ando, a percorrer de cabo a cabo unha parroquia que albisco todos os días dende a miña casa, antes case sen sabelo, na procura de topónimos esquecidos e sentenciados á desaparición. Seguir lendo