O PAU tamén está en Comesaña!

O coñecido na actualidade (xa mesmo por xente vella) como o PAU de Navia, tamén ten algún dos seus edificios en territorio da parroquia de Comesaña. A toponimia que nos amosa é do máis variada, atopando nesta zona dende topónimos máis modernos (O Apeadeiro da Bouza, As Cadeas..) ata outros máis antigos con presenza xa no Catastro do Marqués de la Ensenada do 1753 caso das Lamelas, Pozo Cabalo, O Rabisacal… Sigue lendo

A Mina do Porco

Ao igual que acontece en Zamáns, os mananciais ou minas de auga que hai na parroquia de Comesaña, son moitos, atopando ata tres ou catro por barrio. Sen embargo, houbo unha que me chamou moito a atención: A Mina do Porco ou da Pedra Branca.

Na caída oeste do Monte do Castro e no barrio da Pedra Branca, atópase unha mina de auga un tanto particular. Segundo os máis vellos da parroquia ( e que xa llo oíran aos seus avós), a mina do Porco, foi construída polos romanos e comunicaba o castro coa parte baixa do lugar da Pedra Branca. Nela, vivían uns mouros que sacaban todos os días a sollar o seu ouro por unha especie de respiradeiro a xeito de cheminea co que conta a mina. Era tal a cantidade de ouro que debían ter alí dentro gardado, que un día escapoulle o porco a un veciño e non tivo outro sitio mellor que ir a agocharse á citada mina. Cando saíu, o porco traía espetada no seu lombo unha brilante e fermosa frecha de ouro.

Dende aquela, a mina quedou bautizada.

Os nomes das casas

Ao igual que en moitas outras parroquias, a división da parroquia de Comesaña, non só queda reflexada nos barrios ou lugares senón que dentro de cada un destes, existen unha serie de casas, denominadas polos nativos da parroquia casas matrices, das cales naceu toda unha familia. Unha familia que aumentou ao longo do tempo e que foi construíndo casas novas ao longo da parroquia.

Con todo, á única a que se lle dá importancia é a casa matriz denominada noutras parroquias casa paterna ou materna (dependendo do caso). Cada unha desas casas, denominaríase co alcume ou sobrenome da familia; unha toponímia da que en ocasións nos esquecemos. Nalgúns casos, o alcuño provén de tres ou mesmo catro xeracións atrás, perdéndose en ocasións o significado do mal nome imposto.

Atopamos na parroquia de Comesaña, gran número de casas matrices con denominacións un tanto estrañas que se non fose polos técnicos que estamos a traballar en campo, nunca poderíamos adiviñar o significado e motivación dos nosos alcumes. Sigue lendo

Charla en Comesaña

Seguindo co proxecto de colaboración coas comunidades de montes para a recollida de toponimia das parroquias o vindeiro venres 28 de setembro terá lugar unha charla na parroquia de Comesaña. As dúas persoas encargadas da recollida de toponimia nesta parroquia, Anxo Fontes e Xosé Lois Vilar, encargaranse de animar ás veciñas e veciños de Comesaña, Comunidade de Montes, Asociación de Veciños… da importancia de recoller a toponimia do lugar e de contar coa colaboración da veciñanza.

Erros!

Casos como o que atopei no barrio de Casás, poden dar lugar a cambios irreversibles da nosa toponimia.

Cando dende o Concello de Vigo se procedeu coa catalogación de todos os bens de certa importancia etnográfica tales como fontes, lavadeiros, muíños… optouse por poñerlles a ditos bens, unha sinalización na que se indicase o seu nome e de se poder averiguar mesmo o ano da súa construción. Así, aconteceu cunha das fontes da parroquia…

É moi normal por parte dos nativos da parroquia de Comesaña (como noutras do val do Fragoso e do Miñor) que a última vogal do topónimo se aspire na fala dando lugar no canto da Laxe, por exemplo, a /a las/. E aquí o miolo da cuestión!

Recordemos que unha laxe, fai referencia a unha pedra lisa e chá, máis ou menos inclinada que nalgúns casos servía para se tirar os nenos/as por ela poñendo para isto unha xesta verde debaixo do cu.

Neste lugar da Laxe, no barrio de Casás, existe unha pequena fonte ao pé dun centenario carballo que recibe o mesmo nome: A Fonte da Laxe /a fonte da las/ mais cando se lle quixo poñer o nome non se tivo isto en conta e bautizouse deste xeito: