Actividades coa toponimia de Comesaña

Este ano, 2014, comezámolo organizando unha actividade para os máis pequenos en Navia. Con ela, buscábase achegar, a nenos e nenas, a toponimia dun xeito lúdico, mais a un tempo didáctico. Tras unha explicación sinxela sobre o que  é a toponimia e o que son os topónimos, os tipos que hai… os nenos e nenas que participaron no obradoiro realizaban carteis coa toponimia do lugar. Tempo despois, eses carteis foron colocados no lugar que lle correspondía, durante unha ruta por Teixugueiras e arredores.

Agora tócalle a Comesaña. O sábado 8 de novembro, no SVCD Nautilius “Outeiro” de Comesaña realizarase un obradoiro infantil semellante para debuxar e pintar os carteis que se empregarán para sinalizar algúns dos topónimos de Comesaña. Estes carteis serán colocados durante un percorrido guiado onde poderá participar calquera persoa.

Os horarios previstos son:

-para o obradoiro infantil: 11:00

-para o percorrido guiado:16:30

O SVCD Nautilius “Outeiro” de Comesaña atópase no camiño de Sanín, 54

cartel

cartel

Maruja, A Cruxeira

Neste comezo ano vimos de perder de xeito repentino e totalmente inesperado a Maruja “do Paso”, ou “A Cruxeira”, alcume polo que foi máis coñecida logo de casar con Pepe “O Cruxeiro”.

Con case noventa anos de idade, que cumpriría este ano, Maruja era unha boa representante diso que demos en chamar “Tesouros Vivos”, persoas que se convirten en elementos clave na transmisión do noso patrimonio cultural inmaterial.

Durante o traballo de recollida da toponimia de Bembrive Maruja foi, xunto a outras, unha das informantes claves, coa que compartimos máis de media ducia de encontros e horas de conversa. Coñecía máis dun cento de topónimos da parroquia, algún deles só referidos por ela, como O Outón, O Picouto, A Chan do Picouto ou As Corcovas e posiblemente moitos máis alcumes (ou apoios, como maioritariamente se di en Bembrive): O Cataplin, As Crencas, As Pedrosas, As Ferreiras, As de Carbonero, As Gharridas, As Rolas, As Faximofas, As Corberas, As Pelouras, O Macarrón, O Peroliro, etc. todos eles xoias da nosa lingua e a nosa cultura. Seguir lendo

A toponimia- Ibán Sestay

Recuperamos este artigo, de Ibán Sestay, para o blog. Foi publicado nun dos derradeiros números da revista “Lingua Viva” do SNL de Vigo (núm. 53 ano 2011), co gallo da saída do prelo do libro de Toponimia do Val de Fragoso-Lavadores, redactado polo propio Ibán Sestay.

Unha muller que era de Cangas, moi amiga dun veciño meu, casara en Lavadores. Desde neno oíralle dicir, cando no verán viña refrescar os calores nas praias da súa nacenza, que a súa casa estaba na Ferradoura, en Lavadores. Ese nome de lugar quedoume xa desde neno na cabeza, non sei por que nin por que con tanta forza recordatoria… O certo é que durante toda a miña infancia non souben nunca onde ficaba a Ferradoura esa, para min xa mítica. Todo rozaba o sentimento que alguén poida ter cando le por vez primeira o Galván en Saor de Darío Xoán Cabana, abofé; e así o sentín logo.

Descubrín esa escoitada Ferradoura nunha das primeiras entrevistas toponímicas que realicei en Lavadores. Gabeaba literalmente polas agres encostas que soben do camiño do Casal de Arriba ata o alto monte de Figueiró. Sorprendéronme as vistas largas e fermosas que desde alí había e a abondosa toponimia que fora recollendo polo camiño nesa zona tan próxima do centro urbano de Vigo e que soubo manter, na lembranza duns poucos informantes nativos, un rico patrimonio toponímico. Case no cimo, dixéronme que aquilo era “A Ferradoura” e o meu corazón bateu. En fronte vivía aquela muller de Cangas, a mesma muller da miña infancia. Seguir lendo

TOMBO, TUMBIO OU TOMBIÑO

Calquera un destes topónimos podería considerarse como relativo a descrición orográfica do terreo que fai referencia a pequenas elevacións do terreo de forma redondeada.

Sen embargo lendo ó autor Fernando cabeza Quiles descubrimos que tamén pode facer referencia a un ritual popular consistente en facer rodar o corpo das crianzas  para libralas dun hipotético  efecto maléfico que os aqueixaba arrebatándolles a saúde, coñecido como “asombramento”. Este ritual consistía en ir a misa, facerse coa sotana do crego, sen que este se decatase, tendela no chan ou sobre unha tumba e facer que dese tombos por riba dela.

Tendo en conta que na nosa parroquia temos un Tombiño a carón da Igrexa Parroquial e un Tombo preto do lugar de Ermida en Freixo e , estando este último catalogado como zona de reserva arqueolóxica pois comenta a veciñanza que alí hai restos de tumbas , quizais os nosos estean tamén vinculados con este ritual que co paso do tempo se fose perdendo.

Esta mesma situación dáse tamén noutras parroquias dos arredores, o cal nos fai pensar que este ritual estivese espallado pola zona.