Presentación do libro “A toponimia de do Val de Fragoso: Beade”

O pasado día 23 de outubro no Centro Cultural de Beade realizouse a presentación do novo libro sobre a toponimia de Vigo.

Este é o 3 volume que publica o Servizo de Normalización Lingüística (SNL) do Concello de Vigo xunto coa Área de Normalización da UVIGO. Está inxerido no programa do SNL de recuperación e posta en valor do noso patrimonio inmaterial, a toponimia.

Nesta ocasión asistiron Gonzalo Navaza e Lorena Carrasco, autores do texto.

Dende hoxe calquera persoa que queira ter un exemplar pode recoller un, pola mañá, na oficina de Normalización Lingüística (Casa do Concello, praza do Rei, núm. 1-1º andar).

Lorena Carrasco e Gonzalo Navaza durante a presentación do libro

Lorena Carrasco e Gonzalo Navaza durante a presentación do libro

IMG_2410

Actividades coa toponimia de Comesaña

Este ano, 2014, comezámolo organizando unha actividade para os máis pequenos en Navia. Con ela, buscábase achegar, a nenos e nenas, a toponimia dun xeito lúdico, mais a un tempo didáctico. Tras unha explicación sinxela sobre o que  é a toponimia e o que son os topónimos, os tipos que hai… os nenos e nenas que participaron no obradoiro realizaban carteis coa toponimia do lugar. Tempo despois, eses carteis foron colocados no lugar que lle correspondía, durante unha ruta por Teixugueiras e arredores.

Agora tócalle a Comesaña. O sábado 8 de novembro, no SVCD Nautilius “Outeiro” de Comesaña realizarase un obradoiro infantil semellante para debuxar e pintar os carteis que se empregarán para sinalizar algúns dos topónimos de Comesaña. Estes carteis serán colocados durante un percorrido guiado onde poderá participar calquera persoa.

Os horarios previstos son:

-para o obradoiro infantil: 11:00

-para o percorrido guiado:16:30

O SVCD Nautilius “Outeiro” de Comesaña atópase no camiño de Sanín, 54

cartel

cartel

Ruta polos topónimos das Illas Cíes

Entre as actividades deste ano de No verán un conto, que organiza o SNL de Vigo, hai dúas visitas e unha charla sobre a toponimia e talasonimia destas illas.

Da man de Gonzalo Navaza e Xosé Lois Vilar, coñeceremos as Illas Cíes a través dos seus topónimos: a súa natureza, a historia, a xeografía…

O próximo xoves, día 3 de xullo, ás 20h, no Centro de Visitantes do parque das Illas Atlánticas terá lugar a charla”Toponimia e talasonimia das Cíes”.

E como sempre é mellor coñecer en directo os lugares dos que nos van falar, o día 5 de xullo, realizarase unha visita ás illas cunha “Ruta polos topónimos”. Para realizar a visita as illas e a “ruta dos topónimos” é necesaria a inscrición o mesmo día da charla (3 de xullo ás 20h).

A visita comezará coa saída no barco das 9.15 horas (cómpre estar ás 8:30 no peirao ao carón do lugar de embarco para Cíes). O regreso será ás 19:15 volta (18:45 xuntámonos no peirao de Rodas). O roteiro comezará ás 10.20. Faranse dous grupos de 40 persoas máximo (un guiado por Gonzalo Navaza: grupo A. toponimia de Cíes; e outro por Xosé Lois Vilar: grupo B. talasonimia de Cíes). Ás 12h intercambiaranse os grupos e os guías, polo que todas as persoas que se apunten poden ver os dous percorridos. Estes roteiros rematarán arredor das 14h.

Por outra banda e para que os máis pequenos e pequenas non queden fóra, temos preparada unha xincana lingüística de 11h a 13:30 e que remata ás 14h onde se reunirán cos seus titores no lugar de encontro (caseta de información). A Xincana lingüística é unha actividade dirixida a nenos e nenas a partir de 5 anos. Deberán superar diferentes probas de coñecemento do idioma, da contorna das Cíes, das normas nun parque natural, habilidades e destrezas… e sobre todo respecto polo medio.

A partir das 14h terán a tarde libre, para gozar desta paraxe natural, até a xuntanza para embarcar ás18:45, no peirao de Roda.

Roteiro toponimia das Cíes

Roteiro toponímico por Navia

O vindeiro sábado, 31, a partir das 18.00 h, percorreremos o polígono de Navia de topónimo en topónimo. O roteiro sae do local da asociación veciñal Novo Vigo (As Teixugueiras, 11) e será guiado polas e polos monitores que realizaron diferentes obradoiros sobre a toponimia do lugar nos pasados meses.
Nestes obradoiros recuperamos topónimos de sempre do lugar grazas á colaboración de persoas maiores da zona. Logo as e os cativos pintaron os indicadores destes lugares para dar a coñecer estes topónimos e así saber que temos nomes de seu para denominar os diferentes viais, prazas, camiños… do polígono.
Haberá intérprete de lingua de signos durante o percorrido.

Coñecemos por toponimia os nomes dos nosos lugares. Nomes que nunca foron escritos e están gardados na memoria dos nosos avós e avoas, e que debemos conservar.

A ruta que se vai facer polo PAU ten como principal obxectivo dar a coñecer aos seus novos veciños, vindos doutras zonas, a riqueza de patrimonio inmaterial que tiñan estas terras á beira do Lagares (ou río Sárdoma, noutros tempos). Queremos que dende os máis cativos aos máis adultos saibades dicir onde está o voso edificio, o parque, os establecementos comerciais, empregando os nomes que existiron nestes lugares dende sempre.

Daremos conta de todos eles ao longo da nosa ruta, aclarando as súas orixes e etimoloxías, e explicando os problemas que existen nalgunhas denominacións. Contaremos coa colaboracion de Jaime González (O Maturranca), veciño do barrio da Ponte en Comesaña e un dos grandes coñecedores da zona.

Pero non só iso, durante o percorrido os participantes irán chantando na terra os orixinais letreiros que crearon os nenos e nenas de Navia no obradoiro ofrecido en decembro nas instalacións da Asociación.

Aínda que vos pareza algo raro, non esquezades que o PAU de Navia é moi recente e que, antes dos grandes edificios e do cemento, houbo campos, viñas, canavais e mesmo tobos de teixugos.

Se queredes descubrir como foi e que significou o actual PAU participade con nós!

Día: 31 de maio, ás 18.00 horas.

Duración aproximada da ruta: 1 hora e media.

Saída: Local da Asociación de Veciños de Novo Vigo (rúa Teixugueiras, nº 11, portal 6, entrechán, oficina 9B). Esta é a ruta que se vai seguir.

Chegada: Parque Infantil da rúa Teixugueiras.

imaxe do obradoiro de carteis

Imaxe do obradoiro de carteis