Queres axudar?

Non hai mellores coñecedores da toponimia dun lugar que a poboación de seu, por iso se coñeces, sabes e queres podes axudarnos.

Moitas veces non somos conscientes dos coñecementos que temos do lugar onde vivimos, e as máis das veces é por non valorarmos nin o noso contorno nin os nosos coñecementos sobre este. A toponimia, os nomes dos lugares, fornécenos de coñecementos sobre onde vivimos, traballamos, paseamos… Debullamos a nosa historia mediante os nomes dos lugares, mais ese legado corre perigo de desaparecer. Modas, prexuízos, procesos de urbanizacións… están a levar consigo anacos do noso. Por iso cómprenos recuperar, coñecer, valorar os nomes dos lugares da nosa xeografía. E por iso, cómprenos o teu saber, a túa experiencia, os teus coñecementos sobre o noso pasado.

Dende o Concello estamos a recoller a toponimia da nosa cidade. A xente que está colaborando con nós son persoas expertas na recollida de toponimia, pero non traballan soas, necesitan da xente do lugar para poder recuperar os nomes do territorio. As veciñas e veciños son os informantes. Quen pode ser informante? Calquera persoa, normalmente autóctona do lugar, que ten no seu haber a riqueza toponímica que pasou de xeración en xeración. Podes ser ti, túa avoa, teu pai.

Se cres que ti ou alguén que coñezas podedes aportar a este proxecto, gustaríanos que te puxeras en contacto con nós. Podes escribirnos ao correo electrónico ofi.normalizacion@vigo.org

20 reflexións sobre “Queres axudar?

  1. Vivo pola zona da Doblada hai un par de décadas. Veño observando que a medida que se foi urbanizando algunhas rúas perderon os seus nomes. En concreto, refírome a rúa das Milladas que agora ten o longo e irrecoñecible nome de Doutor Lago Olano. Gustaríame saber se eses cambios na toponimia dos lugares máis céntricos son irremediables.

    • Despois de pescudar sobre o topónimo As Milladas, hai varias cousas que aclarar.
      Por unha banda, como ben dis, o topónimo As Milladas existe en Lavadores. No libro de Toponimia do Val do Fragoso. Lavadores Iván Sestay recolle este topónimo. Podes ver bastante información na páxina 122.
      Por outra banda, no rueiro xa existe a rúa Milladas e o camiño Milladas, os dous en Lavadores, mais non onde ti comentas, senón ao lado da Rúa de Ceboleira.
      Aínda que non é a zona que ti dis dende o concello están tentando que nunha mesma parroquia non existan varias rúas co mesmo nome (no mesmo código postal).
      Por último, o topónimo As Milladas ocupa unha parte ampla de territorio. No plano que acompaña o libro de Lavadores podes ver como a zona onde está a rúa da que falas no teu comentario (agora Doutor Lago Olano) ten recollido o topónimo As Milladas de Riba. Dende aquí animámoste a que presentes unha instancia no concello para solicitar o cambio do nome da rúa para recuperar o topónimo As Milladas de Riba. Como ben di Bea, os cambios na denominación das rúas depende de acordos plenarios, mais a cidadanía pode solicitar, a título persoal ou como un colectivo, que se revise o nome a unha rúa.

  2. Elisabete tes moita razón no que dis: estamos a perder os nosos nomes para dedicarlles rúas a persoas, supostamente relevantes por algún motivo (todo é moi subxectivo, non?); e así temos, como ti escribes, que a rúa das Milladas pasou a chamarse Doutor Lago Olano, do que non dubido, en absoluto, que fose un eminente doutor.
    Eu creo que estes cambios dependen de acordos plenarios nos gobernos locais (se non é así que alguén me corrixa) e, sobre todo, da sensibilidade destes en apoiar iniciativas de recuperación deste patrimonio. Por exemplo, en Vigo aprobouse hai uns anos que os nomes das rúas levarían as denominacións dos topónimos. Foi o momento en que o PAU de Navia necesitaba denominacións para as vías; así temos a rúa das Teixugueiras ou sabemos que a Escola de Arte Dramática de Galicia (ESAD) está situada no Pozo Cabalo. Con todo, o goberno non debía estar de todo satisfeito que, ao ano seguinte, cambiaron as tornas e resolveu que os nomes de rúas se chamarían con nomes de persoas.
    Eu, desde logo, desexo que se restableza a liña anterior no concello vigués. Será cuestión de tempo?

    • Estou de acordo contigo, Beazamans.

      Perdoa por non haber contestado antes, pero non me chegoron as respostas deste blog ao meu correo. Hoxe é a primeira vez que as vexo e de casualidade ao buscar outra cousa no navegador.

  3. Boas, quixéravos preguntar se sabedes que significa, ou de onde procede, o nome da rúa Tercio de Afora, está entre Urzáiz, a altura da praza Fdo Católico, e a rúa escultor Gregorio Fernández.

    Moitísimas grazas!

    • Despois da súa pregunta as persoas que están recollendo a toponimia de Vigo, e que colaboran cos seus artigos neste blog puxéronse a buscar a información que pedía.
      Iván Sestay, quen escribiu os dous primeiros libros de Toponimia do Val do Fragoso (Coia e Lavadores) e que está recollendo actualmente a toponimia da parroquia de Cabral, remitiu esta información:
      O lugar aparece xa documentado en 1874, en dos documentos distintos do amillaramento:
      -“El Tercio, en Santiago de Vigo”
      -“Terreno a labradío sito en el nombramiento de Lodeiros, titulado Tercio de Afuera”.
      O lugar pertencía á parroquia de Santiago de Vigo, que chegaba ata Os Choróns. O topónimo propiamente dito debeu ser O Tercio, simplemente, pero é moi normal que os topónimos aparezan modificados locacionalmente (tipo O Tercio de Fóra, **O Tercio de Dentro, etc.); neste caso triunfou a forma modificada O Tercfio de Fóra, perdéndose a forma simple. É algo normal tamén.
      Como se ve na súa segunda aparición documental, O Tercio de Fóra estaba situado dentro dunha área toponímica maior coñecida como Lodeiros.
      Era o lugar ocupado actualmente pola praza de Fernando O Católico, estendéndose cara ao norte ata entestar coa parte alta da rúa de Canadelo Alto; ocupa un bo treito da rúa Urzáiz neste ámbito urbano.
      Nos amillaramentos do século XIX aparece un par de veces:
      -“Terreno a labradío sito en el nombramiento de Lodeiros”
      -“Lodeiros, sito en el barrio de Canadelo”
      Os poucos habitantes antigos de Canadelo que conservan a constancia deste topónimo chámanlle hoxe A Chan de Lodeiros, denominación sen dúbida motivada polo achanzamento do terreo que constitúen estas terras unha vez sobrepasadas as encostas de Canadelo e Cotomondongo e antes de empezar as do Piñeiro.
      Con respecto ao significado do Tercio de Fóra, seguramente sexa un topónimo de tipo agrario semellante a topónimos de renda do tipo O Foro, O Aforado, O Lote, A Leira da Renda, etc. referido seguramente a un tipo de terras destinadas a labradío das que unha parte dos froitos obtidos son para o que pon a terra, e tres para quen a traballa; significados semellantes recollen varios lexicógrafos, entre eles Eladio Rodríguez.
      Na zona da Seara (polas Travesas) hai outro topónimo chamado O Tercio; e en Cangas un lugar chamado O Terzo Grande.

      Marta Álvarez, que recolle a parroquia de Bembrive, pola súa banda localizou esta outra información:

      Na toponimia de Trabada figura:

      S 055 TERZO: do clás. TERTIUM “terceiro” (DELL).
      C. García (1974:178) define tercio como un “tipo de alquiler de tierras según el cual una parte de lo obtenido es para el que pone la tierra y tres para el que la trabaja y pone los materiales”.
      S055.1.Tercios
      Os Terzios  CME, Sante, RL, 4907, 645
      Ares e Tercios, monte de Trabada.
      Tercios modificado :
      -por un complemento preposicional:
      (16/11/1839) “donde llaman Veiga Vella, terminos de esta de Balboa, conocidas por Tercios de Lavandeira y de las Cabanas (linda-cavecera en mas monte de plazas y Nordes en la Veiga de la Chave do Morrazo)” (Dov. Priv. Santarredeiro, Sante).
      O numeral podía aludir ó sistema de renda (primeiro topónimo) ou a un fraccionamento da propiedade (degundo e terceiro).

      Agardamos que a información sexa a que buscaba.

  4. Boas, visitaba este blog por primeira vez coa expectativa de ver discusións nas que algúns recolledores axudasen a outros, pero a primeira vista miro que é un pouco menos dialéctico.
    Ó gran: non sei se era Marta, Bembrive, Zamáns ou Valadares que mencionaba A Gorella, que non lembraba a que correspondía. Sospeitando falsa segmentación e cheirando un pouco atopei algúns datos que axudan e outros que desminten:
    AXUDAN:
    Se tomamos a segmentación A+Gorella como Ago(a)+rella, para salvar o problema de que o segundo formante supostamente debería manter a vibrante múltiple, descubrín que pode explicarse cun segundo elemento xermánico precedido por vogal que amalgamaría Aurellii > Orelle (como en Alfonselle, Cartelle ou Samuelle, e moitos máis no Nomen).
    DESMINTEN
    O problema sería de onde vén un -a final partindo dun xenitivo (a non ser que veña dun feminino Aurelliae > Orella).
    DESMINTEN E AXUDAN
    Camesella, Nigrán, alternante con Cameselle que non está no Nomenclátor pero é apelido coñecido. Outra cousa é supoñerlle regularización da terminación para que coincida co xénero do falso artigo.
    Son só suposicións para que as valore a que lle tocou e contraste coa documentación, pregunte a quen saiba máis e teña máis práctica ca min e poña a proba.
    Saúdes e saúdos (e saúdas)

    • Andaba alguén co topónimo Moega ou quedeime co conto do nome da peza dos muíños cando os visitamos?

      • En Zamáns e Bembrive non aparece como topónimo. Debeu ser o que ti dis: unha mestura de datos entre topónimos e os nomes das partes do muíño (tamén se falou de moexa).

      • Coido que non se trataba dun topónimo senón dunha das partes do muíño, concretamente da caixa onde se botaba o gran.

    • Víctor, antes de nada, moitas grazas pola achega. Todas as suxestións serán punto de partida á hora de mergullarnos na orixe dos topónimos.
      Outeiro da Ghorella e as coutadas das Ghorellas son en Zamáns, pola zona do Ghaliñeiro (preto de onde foi, en parte, a camiñada das Xornadas de Toponimia).
      Polo de agora, o único que podo apuntar é que este topónimo se reocolle no Real de Legos (Gorrella) e no Afanegado de 1879. Ademais tamén se constata como apoio dunha familia, O Ghorello, e, ata agora, non o recollín como apelido.

      • Pois cos dous novos datos que dás (un plural As Ghorellas, e un apoio), xa son moitos desmentidores. Vou á toilette a meter a miña suposición por un sitio c)-:

  5. Olá!

    Tenho entendido que a igreja da Nossa Senhora do Rocio bem da alteraçom dum original Ressio. No plano de Coia nom o reflictides. Sabedes se realmente existiu esse microtopónimo?

    • Boas,
      Sinto tardar tanto en responder.
      No plano de Coia aparece O Resío como nome dun barrio e aparece tamén o Salgueiral do Resío (están situados onde hoxe está o CEIP Virxe do Rocío. No libro de toponimia de Coia, na páxina 101, aparece explicado o topónimo e a deturpación pola que ti preguntas. Vén do latín “residuu” (residuo, “o que queda fóra”).
      Podes ver o plano e o libro neste mesmo blog http://toponimiavigo.blogaliza.org/2012/09/07/publicacion/

  6. Nacin na Coia antigua. Temos un campo ainda non urbanizado con nome nas escrituras “O Cocho” ¿Alguen sabe algo? ¿Traballades cos apodos?

  7. Boas

    Despois de ver os planos de Coia e Lavadores gustaríame saber se non hai ningún de Freixeiro, xa que buscando en internet non aparecen claros os límites da parroquía, ésta incluía as rúas de Camelias e Pi y Margall?o límite con Castrelos é o Lagares?sería moi interesante ter un plano de esta parroquía como o que hai de Coia xa que é unha das que máis se integrou no centro urbán sen saber exactamente cal é o territorio que ocupaba

    Grazas

Os comentarios están pechados.