Nespereira: unha carballeira, un muíño e un camiño

Carballeira de Nespereira, carballeira derramada,                                                   nesta carballeiriña perdín a miña navalla,                                                                   perdín a miña navalla, perdina, quedei sen ela,                                                   carballeira de Nespereira, carballeira derramada.

Cántame esta cantiga unha das informantes, Laura Costas, e ademais cóntame que na Carballeira de Nespereira habitaba o tardo e, cando as mulleres e homes se achegaban a ela, liscaban de alí a lume de carozo porque o tardo andaba a derramar as pólas dos carballos e escoitábase un grande estrondo.

A Carballeira de Nespereira estaba situada nos Cochos, no barrio de Marcosende, exactamente entre os actuais números 170 e 176 do que se coñece como Estrada de Zamáns, a PO-331 que vai do Porriño a Gondomar. Se ben hai veciños que lembran vagamente que esta carballeira se prolongaba tamén polos terreos de riba da estrada, tamén denominados Os Cochos. Os carballos paseniño fóronse cortando e tamén, aos poucos, minando os terreos para convertelos en labradío e plantar millo. Seguir lendo

Ramón Hermida, mestre canteiro de Zamáns

Nunha das visitas ao Arquivo Histórico Diocesano de Tui, consultei o libro Arte y artistas en la antigua diócesis de Tui (1989), de Ernesto Iglesias Almeida, que comprende un dicionario de artistas (escultores, pintores, canteiros, etc.) que traballaron para a diocese de Tui.

Entre eles, Ramón Hermida[1], mestre canteiro, veciño de Zamáns[2], que en 1818 recibiu o encargo de enlousar a nave do Doce Nome da capela da Misericordia de Tui, por unha cantidade de 1.920 reais.

O Campo da Feira na actualidade.

Outros artistas mencionados relaciónanse coa nosa parroquia por teren efectuado algunha obra na igrexa parroquial, situada no barrio da Aldea, preto do Campo da Feira, onde o 5 de cada mes se celebraba unha feira de gando. Esta feira xa aparece citada nas Respuestas Generales del Catastro del Marqués de la Ensenada,

Seguir lendo

O substantivo común “pedra” nos topónimos de Zamáns (I)

Pedra, que procede da palabra latina PĕTRA (‘rocha, pedra’), é un dos substantivos comúns máis frecuente entre os nomes de lugar de Galicia. Na parroquia de Zamáns, a presenza deste elemento natural na paisaxe é unha constante: paredes ou marcos de pedra que serven para deslindar os terreos, camiños de pedra[1], a pedra que servía de paso nas pontellas e pontes –como na Pontella do Muíño do Vento sobre O Río da Freixa–, os portelos de pedra para impedir o paso dos animais, os peiraos de pedra nos cursos de auga, as casas de pedra, os cruceiros e cruces de pedra, ou os outeiros, pequena elevación de terreo que en moitos casos se culmina cun montículo de pedras, como é o caso do Outeiro do Viso, na Chan de Ghaliñeiro (así, con gheada, tal e como din os veciños e veciñas de Zamáns).

Algúns dos nomes de lugar que inclúen a voz pedra individualizan unha pedra que, por algunha razón, destaca ou destacaba sobre a paisaxe. En Zamáns, estes nomes son relativamente frecuentes porque formaban parte do universo vital que rodeaba os informantes. Cando eles eran rapaces e raparigas, tiñan que botar horas e horas pastoreando as vacas, bois e ovellas no monte, e alí, ao seu carón, estas pedras eran as testemuñas caladas dos seus xogos e da vinculación que mantiñan con ese espazo natural. Seguir lendo

A veciñanza musica os nomes de lugar de noso

As entidades de poboación, as leiras, as pedras, os regatos, as augas, as fontes, as casas, os camiños, as regueiras, o monte, as pontes, as pontellas ou calquera outro elemento da paisaxe, tanto natural coma de creación humana, ten nome, aínda que nós moitas veces o ignoremos ou non mostremos ningún interese en coñecelo. Cada un destes nomes forma parte do noso patrimonio cultural, etnográfico e, por suposto, lingüístico; e constitúe un rico tesouro, herdado xeración tras xeración, que debemos agarimar e manter vivo para llelo transmitir aos nosos descendentes.

Neste senso, e inserido no proxecto toponímico promovido polo Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Vigo, Zamáns, unha das parroquias rurais do termo municipal de Vigo, co apoio da súa Comunidade de Montes e da Asociación de Veciños, decidiu tamén poñer en valor o patrimonio toponímico de seu, e de noso, e colaborar na súa recollida e divulgación.

Agora ben, para botar a andar esta investigación cumpría partir de fontes orais xa que elas representan a fala viva e a herdanza de séculos pasados. A información facilitada polos informantes, os veciños e veciñas da parroquia, é o alicerce fundamental sobre o que se ergue todo o que eu poida escribir neste blog. Sen a súa desinteresada e animosa achega, nada tería sentido. Camiñando paseniño ao seu carón, percorrín a parroquia de cabo a rabo e atendín as súas explicacións, pero o máis gratificante foi que deles e delas aprendín a escoitar como soa o nome dos lugares que me rodean. Seguir lendo