A Auga (II) Os muíños

Os primeiros muíños que utilizou o ser humano funcionaban a base de fregar unha pedra contra outra. Foron nun primeiro momento móbiles, debido a que tamén daquela as poboacións eran nómades e non tiñan poboados fixos. Coa chegada da neolitización, os grupos humanos pasarían a asentarse en zonas estratexicamente escollidas, na que como non, a presenza da auga tiña un papel fundamental.

Co paso do tempo, estes muíños acabarían tamén por asentarse ás beiras dos ríos e pasar a ser movidos pola forza da auga.

Os muíños da parroquia, todos eles hidráulicos (a excepción dun que é eléctrico) presentan diferenzas entre eles, especialmente no referente á entrada da auga no mesmo. Pese a todos ser de levada, ao chegar ao muíño esta convértese en: cal de pedra, cubo ou cheminea; todos eles teñen a finalidade de aumentar a presión da auga unha vez aberta a sateira. O anterior, seguramente se deba ao pouco caudal dos ríos ou regos da parroquia.

Muíño do Crego con cubo en cheminea e inferno con arco
Muíño Novo. Véxase a cal de pedra pola que entra a auga Seguir lendo

Entroidada de nomes

Cando comezamos a ter contacto cos nomes de lugar, dámonos logo conta de que moitos deles son semellantes e  moi repetidos entre o repertorio toponímico da nosa terra.

Algúns  deles, están presentes na parroquia de Comesaña  como é o caso da Gandra, O Poulo, O Castro, O Pazo, A Cachada, A Devesa do Rei, A Nogueira,  O Rial, O Tombo, Os Carreiros, O Barreiro… nomes comúns a moitas das parroquias viguesas que aquí comentamos.

Mais outros, non son tan comúns, e é esa particularidade o que os fai estraños, non só para as persoas que recollemos que en ocasións temos que pedir que se nos repita a súa pronuncia varias veces para podelo escribir, senón ás veces mesmo para os filólogos dedicados ao seu estudo que se lles fai imposible descifrar o seu significado ou orixe.

Son nomes tan raros pero á vez tan fermosos como O Sepemiguel  ou A Papuíña.

Algúns dos máis usuais, fan referencia ao seu propietario ou a algunha característica ou anomalía que o fixese peculiar como pode ser O Campo do Chosco, A Mina do Cagallón ou a xa mencionada Devesa do Rei que tantas veces se atopa en Galicia. Seguir lendo