Nespereira: unha carballeira, un muíño e un camiño

Carballeira de Nespereira, carballeira derramada,                                                   nesta carballeiriña perdín a miña navalla,                                                                   perdín a miña navalla, perdina, quedei sen ela,                                                   carballeira de Nespereira, carballeira derramada.

Cántame esta cantiga unha das informantes, Laura Costas, e ademais cóntame que na Carballeira de Nespereira habitaba o tardo e, cando as mulleres e homes se achegaban a ela, liscaban de alí a lume de carozo porque o tardo andaba a derramar as pólas dos carballos e escoitábase un grande estrondo.

A Carballeira de Nespereira estaba situada nos Cochos, no barrio de Marcosende, exactamente entre os actuais números 170 e 176 do que se coñece como Estrada de Zamáns, a PO-331 que vai do Porriño a Gondomar. Se ben hai veciños que lembran vagamente que esta carballeira se prolongaba tamén polos terreos de riba da estrada, tamén denominados Os Cochos. Os carballos paseniño fóronse cortando e tamén, aos poucos, minando os terreos para convertelos en labradío e plantar millo. Seguir lendo