A toponimia- Ibán Sestay

Recuperamos este artigo, de Ibán Sestay, para o blog. Foi publicado nun dos derradeiros números da revista “Lingua Viva” do SNL de Vigo (núm. 53 ano 2011), co gallo da saída do prelo do libro de Toponimia do Val de Fragoso-Lavadores, redactado polo propio Ibán Sestay.

Unha muller que era de Cangas, moi amiga dun veciño meu, casara en Lavadores. Desde neno oíralle dicir, cando no verán viña refrescar os calores nas praias da súa nacenza, que a súa casa estaba na Ferradoura, en Lavadores. Ese nome de lugar quedoume xa desde neno na cabeza, non sei por que nin por que con tanta forza recordatoria… O certo é que durante toda a miña infancia non souben nunca onde ficaba a Ferradoura esa, para min xa mítica. Todo rozaba o sentimento que alguén poida ter cando le por vez primeira o Galván en Saor de Darío Xoán Cabana, abofé; e así o sentín logo.

Descubrín esa escoitada Ferradoura nunha das primeiras entrevistas toponímicas que realicei en Lavadores. Gabeaba literalmente polas agres encostas que soben do camiño do Casal de Arriba ata o alto monte de Figueiró. Sorprendéronme as vistas largas e fermosas que desde alí había e a abondosa toponimia que fora recollendo polo camiño nesa zona tan próxima do centro urbano de Vigo e que soubo manter, na lembranza duns poucos informantes nativos, un rico patrimonio toponímico. Case no cimo, dixéronme que aquilo era “A Ferradoura” e o meu corazón bateu. En fronte vivía aquela muller de Cangas, a mesma muller da miña infancia. Seguir lendo

O Rego de Pontecela

Pois ben, aquí vai a solución á adiviña presentada no anterior artigo sobre o rego de Pontecela:

O rego de Pontecela parece xa citado, no Catastro do Marqués da Ensenada,  como situación do muíño de Paio, propiedade de Ana de Souto, veciña de Paio.

Atopamos o seu nacemento no monte do Pouso, subindo pola entrada que leva á área recreativa do Pouso de Arriba,  collendo a man esquerda pola senda na que se atopan as minas de auga da Chan[1]. Logo de baixar pola Xunqueira, pasa polos muíños do Pouso e do José María que antigamente movía. No muíño do Pouso a súa auga era ademais aproveitada para alimentar os lagos nos que se maceraba o liño. Deixando o Pouso, o rego continúa o seu percorrido rodeando o monte do  Crasto de Xestoso pola súa aba sur-oeste. Toma aquí o nome de río da Candea, posto que é o nome das terras que neste lugar baña e  onde a súa auga enchía o lavadoiro do mesmo nome (lavadouro da Candea). Aquí, na altura do lavadoiro, atopábase a metida da Candea, a onde se  viña buscar a auga para regar cando correspondía a tanda, posto que era o punto onde as augas se partían para unha zona ou outra de Bembrive. Seguir lendo