A Marinasia: a nosa historia no topónimo

Unhas das cousas das que sempre se fala cando se toca o tema da toponimia é a importancia que os topónimos teñen como posuidores da historia do seu pobo. Este topónimo que presentamos hoxe aquí é claro informador do que ocorreu na historia de Vigo. É a memoria do pobo.

Pero non menos importante é ver, neste mesmo topónimo como a fala ao longo dos anos vai mudando os termos, neste caso un nome propio. Hoxe vemos o caso do topónimo Marinasia.

Localización do camiño de Marinasia Google maps

Localización do Camiño de Marinasia
Google maps

Seguir lendo

A recollida de topónimos en Beade

A primeira referencia documental que conservamos da parroquia de Beade data do século XII e pertence a un escrito de delimitación dos territorios dependentes do bispado e do cabido de Tui. Non quere iso dicir que non teña Beade unha longa historia previa, Segundo testemuñan os restos arqueolóxicos, xa había poboamentos asentados nestas terras no terceiro milenio antes de Cristo e é probable que haxa que remontar a presenza humana na zona a datas moito máis antigas, no remoto paleolítico. A toponimia tamén corrobora esta idea, pois a pesar de que os máis dos nomes de lugar da parroquia de Beade teñen orixe no latín ou xa naceron en galego, hai algúns, como Babio, que proceden da lingua ou linguas faladas antes da chegada dos romanos e son, cando menos, bimilenarios.

Desde o tempo das primeiras referencias documentais da Idade Media ata hai apenas douscentos anos, o bispo de Tui exerceu señorío durante séculos sobre a parroquia, que no Antigo Réxime integraba, xunto coas de Bembrive, Bouzas, Coia e Coruxo, o territorio da xurisdición de Bouzas, onde gobernaba a autoridade eclesiástica tudense, que designaba cada tres anos un xuíz ordinario e catro rexedores. Seguir lendo

Topo Que?: obradoiro escolar sobre toponimia

O Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Vigo leva anos traballando no proxecto de recuperación da toponimia do noso municipio. Recolleuse e publicouse xa a toponimia das parroquias de Coia, Lavadores e Beade e estase traballando, cando menos, noutras cinco parroquias máis, coa idea de abranguer todo o concello. Pero a intención non é atesourar, plasmados no papel, nomes de lugar que son auténticas xoias lingüísticas e culturais, para deixar constancia daquilo que unha vez tivemos. Non. A idea é recoller esa toponimia para non perdela, pero manténdoa viva. E para iso é preciso que estea presente na rotulación viaria, na sinalización dos transportes, que se empregue á hora de nomear parques e áreas de lecer, etc. Debe estar presente na realidade cotiá e na fala. Pero a día de hoxe, xa só as persoas de máis idade coñecen os nomes do territorio en que vivimos. Polo tanto, se queremos mudar esta realidade e acadar o obxectivo de que a nosa toponimia perdure, é imprescindible involucrar ás xeracións máis novas neste proxecto.

Seguindo esa idea, téñense realizado xa varias actividades dirixidas ao público infantil e xuvenil. As máis recentes foron os percorridos toponímicos polas parroquias de Navia e Comesaña*, precedidas dun obradoiro infantil para a elaboración dos letreiros que logo colocamos durante a ruta e, na actualidade, o obradoiro escolar “Topo Que?”. Seguir lendo

Presentación do libro “A toponimia de do Val de Fragoso: Beade”

O pasado día 23 de outubro no Centro Cultural de Beade realizouse a presentación do novo libro sobre a toponimia de Vigo.

Este é o 3 volume que publica o Servizo de Normalización Lingüística (SNL) do Concello de Vigo xunto coa Área de Normalización da UVIGO. Está inxerido no programa do SNL de recuperación e posta en valor do noso patrimonio inmaterial, a toponimia.

Nesta ocasión asistiron Gonzalo Navaza e Lorena Carrasco, autores do texto.

Dende hoxe calquera persoa que queira ter un exemplar pode recoller un, pola mañá, na oficina de Normalización Lingüística (Casa do Concello, praza do Rei, núm. 1-1º andar).

Lorena Carrasco e Gonzalo Navaza durante a presentación do libro

Lorena Carrasco e Gonzalo Navaza durante a presentación do libro

IMG_2410