A recollida de topónimos en Beade

A primeira referencia documental que conservamos da parroquia de Beade data do século XII e pertence a un escrito de delimitación dos territorios dependentes do bispado e do cabido de Tui. Non quere iso dicir que non teña Beade unha longa historia previa, Segundo testemuñan os restos arqueolóxicos, xa había poboamentos asentados nestas terras no terceiro milenio antes de Cristo e é probable que haxa que remontar a presenza humana na zona a datas moito máis antigas, no remoto paleolítico. A toponimia tamén corrobora esta idea, pois a pesar de que os máis dos nomes de lugar da parroquia de Beade teñen orixe no latín ou xa naceron en galego, hai algúns, como Babio, que proceden da lingua ou linguas faladas antes da chegada dos romanos e son, cando menos, bimilenarios.

Desde o tempo das primeiras referencias documentais da Idade Media ata hai apenas douscentos anos, o bispo de Tui exerceu señorío durante séculos sobre a parroquia, que no Antigo Réxime integraba, xunto coas de Bembrive, Bouzas, Coia e Coruxo, o territorio da xurisdición de Bouzas, onde gobernaba a autoridade eclesiástica tudense, que designaba cada tres anos un xuíz ordinario e catro rexedores. Sigue lendo

Xornadas de toponimia: 7 e 8 de xuño

A Área de Normalización Lingüística da  Universidade de Vigo e a Concellaría de Normalización Lingüística do Concello, coa colaboración da Comunidade de Montes de Zamáns, a Asociación Veciñal San Mamede de Zamáns e o Instituto de Estudos Miñoranos organizamos unhas novas xornadas sobre toponimia. Xornadas para debater, coñecer, informarse sobre, achegarnos a aplicacións didácticas… e coñecer o traballo que dende estas institucións en colaboración con entidades veciñais estamos a desenvolver cara a recuperar, pór en valor e difundir a toponimia do val do Fragoso, a toponimia viguesa.

O pasado ano estas institucións xunto cos concellos de Ourense e Pontevedra coa colaboración do Concello de Redondela e o IEM, organizamos o primeiro curso para formar especialistas na recollida de toponimia.

Froito deste curso, estase a traballar na recollida de topónimos, o seu estudo e divulgación, en diversas parroquias destes concellos.

No Concello de Vigo contamos coa colaboración das comunidades de montes en man común de Cabral, Candeán, Comesaña e Zamáns, e a Entidade Menor de Bembrive.

Nestas xornadas as distintas persoas que están a facer este magnífico traballo e mais representantes das entidades informarannos do estado do seu labor e das actividades que, logo desta recollida e estudo, poden realizarse cara a divulgar todo este legado.

Grazas a esta recollida de toponimia estamos recuperando parte da nosa historia, ampliamos coñecementos sobre o noso pasado, sobre a nosa lingua, lendas, ditos, costumes… e da voz de quen viviu, recorda e está en disposición de transmitirnos estes coñecementos para tecermos todas e todos o noso futuro sen traizoarmos o pasado de noso.

Ao remate da xornada do sábado e logo de xantar no parque forestal (comida pola conta de cadaquén) haberá un roteiro guiado e acompañarannos informantes desta parroquia.

Convidámosvos a participar nestas xornadas abertas a toda a cidadanía, para o que cómpre encher a ficha de inscrición e mandala por correo electrónico a ofi.normalización@vigo.org, antes do 6 de xuño.

Entregarase diploma xustificativo da asistencia