O Tardo

O tardo na carballeira

A historia que vou relatar vén a conto da interesante información recollida por Bea en Zamáns, publicada neste mesmo blog, que trata das trasnadas que facía o tardo na desaparecida carballeira de Nespereira. O estrondo das pólas dos carballos a crebaren, rasgando o silencio da noite, lémbrame moito outro caso semellante que me contaron dúas mulleres maiores da parroquia de Chandebrito (Nigrán) hai 17 anos.

Contábanme estas mullleres que, nunha ocasión, unhas mozas da parroquia de Chandebrito ían traballar ao xornal. Saíron cando aínda era noite, dirixíndose á Tomada do Ferreiro, propiedade dun veciño de Coruxo. Para chegar a esta propiedade forestal debían atravesar unha carballeira que naquel tempo existía na Regueira do Corvo, no límite entre as parroquias de Chandebrito e Coruxo. De maneira repentina, e mentres atravesaban a carballeira, as rapazas escoitaron como os carballos comezaban a caír un tras outro, provocando un enorme estrondo naquel monte. Naquel momento non sopraba vento nengún. As asustadas rapazas botaron a correr e non pararon mentres non chegaron a Chandebrito. Xa a salvo, relatáronlles aos seus pais o que acababa de suceder.

Logo de romper o día as rapazas volveron á carballeira, acompañadas desta vez polos seus maiores. Querían examinar os destrozos provocados por tan extraño fenómeno. Mais, como en Zamáns, non puideron apreciar efecto algún na carballeira: os carballos estaban todos eles en pé e sen danos aparentes, tal e como os recordaban. Entenderon entón que aquilo fora cousa do demo burlón, como chamaban ao tardo en Chandebrito. En Coruxo, Oia, Saiáns e Comesaña, este ser era coñecido como o tártalo. Sigue lendo

Nespereira: unha carballeira, un muíño e un camiño

Carballeira de Nespereira, carballeira derramada,                                                   nesta carballeiriña perdín a miña navalla,                                                                   perdín a miña navalla, perdina, quedei sen ela,                                                   carballeira de Nespereira, carballeira derramada.

Cántame esta cantiga unha das informantes, Laura Costas, e ademais cóntame que na Carballeira de Nespereira habitaba o tardo e, cando as mulleres e homes se achegaban a ela, liscaban de alí a lume de carozo porque o tardo andaba a derramar as pólas dos carballos e escoitábase un grande estrondo.

A Carballeira de Nespereira estaba situada nos Cochos, no barrio de Marcosende, exactamente entre os actuais números 170 e 176 do que se coñece como Estrada de Zamáns, a PO-331 que vai do Porriño a Gondomar. Se ben hai veciños que lembran vagamente que esta carballeira se prolongaba tamén polos terreos de riba da estrada, tamén denominados Os Cochos. Os carballos paseniño fóronse cortando e tamén, aos poucos, minando os terreos para convertelos en labradío e plantar millo. Sigue lendo