Chamadouro

Depois de ler o post de Alberte sobre a voz chamadeiro en Xeve[1], andaba eu na procura da súa pegada en Zamáns. Tardei en escoitala, pero por fin aí estaba, só era preciso que os informantes deixasen fluír a riqueza lexical. Agora ben, na miña terra a forma usada é chamadouro, con ditongo –ou–, do mesmo xeito que temos lavadouro ou vasoura, en consonancia coa forma empregada no resto do Val do Fragoso e tamén maioritariamente en Portugal[2], tal e como explica Iván Sestay[3]:

“Repárese, por último, na forma Lavadouro, radicalmente fragosiña, diverxente do galego xeral lavadoiro. En terras de Vigo dise lavadouro ‘lavadoiro’, petouro ‘peteiro das aves’, vasoura ‘vasoira feita de xestas ou rusco’, postouro ‘lugar onde se poñen as chaves’, corredoura ‘corredoira’ etc., etc., etc. Igual que nunha pequena zona do sur de Galicia como o Val Miñor, o Morrazo, a Louriña, o Baixo Miño (cos vales de Tebra, Tamuxe, Forcadela e O Rosal, e as terras ribeiregas de Oia e mais da Guarda), tamén na terra de Entenza e maila de Sobroso e gran parte do Condado ata polo menos o val de Tiela, onde anotei vasoura, xa non na Paradanta nin en Mañó de Redondela nin no val de Borbén –polo menos na súa parte alta–, onde xa se escoita lavadoiro, vasoira, etc. (tamén a terminación -ouro é a máis común en Portugal)”.

Sigue lendo