Doce… coma a nosa fala!

Alsina, Amparo, Ana Beatriz, Ángeles, Carmen, Emilia, Encarna, Gloria, Isabel, Jacobo, Lola, Marisa, Orisia, Remedios, Susana e Teresa forman o grupo que participa no Curso de auga doce[1] promovido pola Concellería de Normalización Lingüística do Concello de Vigo e que ten lugar durante varias semanas –os luns– na Asociación Veciñal Doutor Fleming. Case todas mulleres, polo tanto, todas con idades entre os 49 e os 84 anos; Jacobo, o único representante masculino, está por debaixo desa idade. A todo este grupo de dezaseis persoas dedico este artigo, xa que elas e el son as súas actrices e actor principais.

E o lector estará pensando arestora: pero que carallo é iso do Curso de auga doce?  Simplemente, un xeito de compartir e de poñer en común o galego que cadaquén fala. Así, tomando como escusa o elemento natural da auga, neste caso auga doce e non salgada (materia doutro curso paralelo a este), os dezasete percorremos con entusiasmo e curiosidade a lingua de noso: o léxico, os refráns, as frases feitas, as adiviñas, as cancións, as lendas, a microtoponimia, etc. A auga é só o fío do nobelo que nos guía, tal como Ariadna a Teseo no labirinto, para sentirmos e acariñarmos a nosa lingua. Coñecémola, falámola, agarimámola, facémola saír de alá dentro, lembrámola como a lingua que falabamos coa familia e coa que xogabamos na aldea, ou como aquela que reprimiamos na escola (si, sucedeu de verdade e non foi unha fabulación, e así o relatan unha boa parte das asistentes ao curso, mulleres fachendosas da súa lingua). Convertémolo en presente e en futuro porque o galego non liscou nin se esvaeu da memoria! Só cómpre abrirlle a porta e deixalo voar libre coma os paxaros!

O galego soa melodioso e impregna a sala cada vez que alguén intervén na sesión –a maioría, como dixen, xente maior que se trasladou a Vigo desde Ourense, Lugo, A Coruña ou Pontevedra para acadar un mellor futuro–. O seu galego soa a río, a fervenza, a cachón, a ballón, a rego, a regueiro, a regato, a codeso, a carqueixa, a piorno, a bouza, a braña, a laxe, a seixo, a pasto, a veiga, a outeiro, a xoaniña, a vacaloura, a lesma, a chuvia, a poalla, a amieiro, a salgueiro, a pontella, a muíño, a mouros… Unha delicia. Sigue lendo

Poulo

A medida que nos enchoupamos con centos e centos de microtopónimos, constatamos que, sobre todo naquelas parroquias viguesas que aínda manteñen certo carácter rural, as persoas de máis idade seguen a usar o galego cun vocabulario de seu, que debemos coidar e incorporar á nosa bagaxe lingüísticapara que non esmoreza e se perda na noite dos tempos.

Con anterioridade, dedicámoslle un post á palabra chamadouro, e agora este céntrase no termo poulo, moi presente na microtoponimia das parroquias viguesas estudadas ata o momento: Beade, Bembrive, Coia, Comesaña, Coruxo e Zamáns, aínda que un chisco controvertida e variada en canto ao significado. Sigue lendo

O PAU tamén está en Comesaña!

O coñecido na actualidade (xa mesmo por xente vella) como o PAU de Navia, tamén ten algún dos seus edificios en territorio da parroquia de Comesaña. A toponimia que nos amosa é do máis variada, atopando nesta zona dende topónimos máis modernos (O Apeadeiro da Bouza, As Cadeas..) ata outros máis antigos con presenza xa no Catastro do Marqués de la Ensenada do 1753 caso das Lamelas, Pozo Cabalo, O Rabisacal… Sigue lendo