Topo Que?: obradoiro escolar sobre toponimia

O Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Vigo leva anos traballando no proxecto de recuperación da toponimia do noso municipio. Recolleuse e publicouse xa a toponimia das parroquias de Coia, Lavadores e Beade e estase traballando, cando menos, noutras cinco parroquias máis, coa idea de abranguer todo o concello. Pero a intención non é atesourar, plasmados no papel, nomes de lugar que son auténticas xoias lingüísticas e culturais, para deixar constancia daquilo que unha vez tivemos. Non. A idea é recoller esa toponimia para non perdela, pero manténdoa viva. E para iso é preciso que estea presente na rotulación viaria, na sinalización dos transportes, que se empregue á hora de nomear parques e áreas de lecer, etc. Debe estar presente na realidade cotiá e na fala. Pero a día de hoxe, xa só as persoas de máis idade coñecen os nomes do territorio en que vivimos. Polo tanto, se queremos mudar esta realidade e acadar o obxectivo de que a nosa toponimia perdure, é imprescindible involucrar ás xeracións máis novas neste proxecto.

Seguindo esa idea, téñense realizado xa varias actividades dirixidas ao público infantil e xuvenil. As máis recentes foron os percorridos toponímicos polas parroquias de Navia e Comesaña*, precedidas dun obradoiro infantil para a elaboración dos letreiros que logo colocamos durante a ruta e, na actualidade, o obradoiro escolar “Topo Que?”. Sigue lendo

Actividades coa toponimia de Comesaña

Este ano, 2014, comezámolo organizando unha actividade para os máis pequenos en Navia. Con ela, buscábase achegar, a nenos e nenas, a toponimia dun xeito lúdico, mais a un tempo didáctico. Tras unha explicación sinxela sobre o que  é a toponimia e o que son os topónimos, os tipos que hai… os nenos e nenas que participaron no obradoiro realizaban carteis coa toponimia do lugar. Tempo despois, eses carteis foron colocados no lugar que lle correspondía, durante unha ruta por Teixugueiras e arredores.

Agora tócalle a Comesaña. O sábado 8 de novembro, no SVCD Nautilius “Outeiro” de Comesaña realizarase un obradoiro infantil semellante para debuxar e pintar os carteis que se empregarán para sinalizar algúns dos topónimos de Comesaña. Estes carteis serán colocados durante un percorrido guiado onde poderá participar calquera persoa.

Os horarios previstos son:

-para o obradoiro infantil: 11:00

-para o percorrido guiado:16:30

O SVCD Nautilius “Outeiro” de Comesaña atópase no camiño de Sanín, 54

cartel

cartel

Como foi. II Xornadas de Toponimia

Os pasados días 7 (venres) e 8 (sábado) de xuño realizáronse as II Xornadas de Toponimia, organizadas pola concellaría de Normalización Lingüística do Concello de Vigo e a Área de Normalización da Universidade de Vigo. Contouse coa colaboración do Instituto de Estudos Miñoranos, a Comunidade de Montes de Zamáns e a Asociación Veciñal San Mamede de Zamáns.

Estas xornadas serviron para coñecer o estado do traballo de recollida da toponimia de distintas parroquias de Vigo. Escoitamos como foi o proceso, os pasos que seguiron, as dificultades que atoparon, os xeitos de conseguir a información, a documentación que consultaron, as dúbidas que lles xurdiron antes e durante o proceso…

Inaugurou as xornadas Gonzalo Navaza. Puxo de relevancia a importancia que ten a toponimia na historia e na cultura dun pobo. En palabras súas “os topónimos son a historia dun pobo”. Entre datos e anécdotas conseguiu que as persoas asistentes ás xornadas entendesen mellor o valor deste patrimonio inmaterial e que coñecesen a importancia que ten a conservación dun ben tan especial, xa que, como el mesmo dixo, Galicia é un país cunha das toponimias máis ricas do mundo (por densidade, por antigüidade, variedade… dos seus topónimos). Sigue lendo

O Tardo

O tardo na carballeira

A historia que vou relatar vén a conto da interesante información recollida por Bea en Zamáns, publicada neste mesmo blog, que trata das trasnadas que facía o tardo na desaparecida carballeira de Nespereira. O estrondo das pólas dos carballos a crebaren, rasgando o silencio da noite, lémbrame moito outro caso semellante que me contaron dúas mulleres maiores da parroquia de Chandebrito (Nigrán) hai 17 anos.

Contábanme estas mullleres que, nunha ocasión, unhas mozas da parroquia de Chandebrito ían traballar ao xornal. Saíron cando aínda era noite, dirixíndose á Tomada do Ferreiro, propiedade dun veciño de Coruxo. Para chegar a esta propiedade forestal debían atravesar unha carballeira que naquel tempo existía na Regueira do Corvo, no límite entre as parroquias de Chandebrito e Coruxo. De maneira repentina, e mentres atravesaban a carballeira, as rapazas escoitaron como os carballos comezaban a caír un tras outro, provocando un enorme estrondo naquel monte. Naquel momento non sopraba vento nengún. As asustadas rapazas botaron a correr e non pararon mentres non chegaron a Chandebrito. Xa a salvo, relatáronlles aos seus pais o que acababa de suceder.

Logo de romper o día as rapazas volveron á carballeira, acompañadas desta vez polos seus maiores. Querían examinar os destrozos provocados por tan extraño fenómeno. Mais, como en Zamáns, non puideron apreciar efecto algún na carballeira: os carballos estaban todos eles en pé e sen danos aparentes, tal e como os recordaban. Entenderon entón que aquilo fora cousa do demo burlón, como chamaban ao tardo en Chandebrito. En Coruxo, Oia, Saiáns e Comesaña, este ser era coñecido como o tártalo. Sigue lendo

Poulo

A medida que nos enchoupamos con centos e centos de microtopónimos, constatamos que, sobre todo naquelas parroquias viguesas que aínda manteñen certo carácter rural, as persoas de máis idade seguen a usar o galego cun vocabulario de seu, que debemos coidar e incorporar á nosa bagaxe lingüísticapara que non esmoreza e se perda na noite dos tempos.

Con anterioridade, dedicámoslle un post á palabra chamadouro, e agora este céntrase no termo poulo, moi presente na microtoponimia das parroquias viguesas estudadas ata o momento: Beade, Bembrive, Coia, Comesaña, Coruxo e Zamáns, aínda que un chisco controvertida e variada en canto ao significado. Sigue lendo