A recollida de topónimos en Beade

A primeira referencia documental que conservamos da parroquia de Beade data do século XII e pertence a un escrito de delimitación dos territorios dependentes do bispado e do cabido de Tui. Non quere iso dicir que non teña Beade unha longa historia previa, Segundo testemuñan os restos arqueolóxicos, xa había poboamentos asentados nestas terras no terceiro milenio antes de Cristo e é probable que haxa que remontar a presenza humana na zona a datas moito máis antigas, no remoto paleolítico. A toponimia tamén corrobora esta idea, pois a pesar de que os máis dos nomes de lugar da parroquia de Beade teñen orixe no latín ou xa naceron en galego, hai algúns, como Babio, que proceden da lingua ou linguas faladas antes da chegada dos romanos e son, cando menos, bimilenarios.

Desde o tempo das primeiras referencias documentais da Idade Media ata hai apenas douscentos anos, o bispo de Tui exerceu señorío durante séculos sobre a parroquia, que no Antigo Réxime integraba, xunto coas de Bembrive, Bouzas, Coia e Coruxo, o territorio da xurisdición de Bouzas, onde gobernaba a autoridade eclesiástica tudense, que designaba cada tres anos un xuíz ordinario e catro rexedores. Seguir lendo

O Tardo

O tardo na carballeira

A historia que vou relatar vén a conto da interesante información recollida por Bea en Zamáns, publicada neste mesmo blog, que trata das trasnadas que facía o tardo na desaparecida carballeira de Nespereira. O estrondo das pólas dos carballos a crebaren, rasgando o silencio da noite, lémbrame moito outro caso semellante que me contaron dúas mulleres maiores da parroquia de Chandebrito (Nigrán) hai 17 anos.

Contábanme estas mullleres que, nunha ocasión, unhas mozas da parroquia de Chandebrito ían traballar ao xornal. Saíron cando aínda era noite, dirixíndose á Tomada do Ferreiro, propiedade dun veciño de Coruxo. Para chegar a esta propiedade forestal debían atravesar unha carballeira que naquel tempo existía na Regueira do Corvo, no límite entre as parroquias de Chandebrito e Coruxo. De maneira repentina, e mentres atravesaban a carballeira, as rapazas escoitaron como os carballos comezaban a caír un tras outro, provocando un enorme estrondo naquel monte. Naquel momento non sopraba vento nengún. As asustadas rapazas botaron a correr e non pararon mentres non chegaron a Chandebrito. Xa a salvo, relatáronlles aos seus pais o que acababa de suceder.

Logo de romper o día as rapazas volveron á carballeira, acompañadas desta vez polos seus maiores. Querían examinar os destrozos provocados por tan extraño fenómeno. Mais, como en Zamáns, non puideron apreciar efecto algún na carballeira: os carballos estaban todos eles en pé e sen danos aparentes, tal e como os recordaban. Entenderon entón que aquilo fora cousa do demo burlón, como chamaban ao tardo en Chandebrito. En Coruxo, Oia, Saiáns e Comesaña, este ser era coñecido como o tártalo. Seguir lendo

Poulo

A medida que nos enchoupamos con centos e centos de microtopónimos, constatamos que, sobre todo naquelas parroquias viguesas que aínda manteñen certo carácter rural, as persoas de máis idade seguen a usar o galego cun vocabulario de seu, que debemos coidar e incorporar á nosa bagaxe lingüísticapara que non esmoreza e se perda na noite dos tempos.

Con anterioridade, dedicámoslle un post á palabra chamadouro, e agora este céntrase no termo poulo, moi presente na microtoponimia das parroquias viguesas estudadas ata o momento: Beade, Bembrive, Coia, Comesaña, Coruxo e Zamáns, aínda que un chisco controvertida e variada en canto ao significado. Seguir lendo