A estrada das Plantas

     Seguramente moitas e moitos dos que chegades a estas páxinas tendes empregado a estrada das Plantas aínda sen saber cal era o seu nome e moito menos a orixe do mesmo.

     A coñecida como estrada das Plantas é o vial que, en dirección Norte-Sur,  atopamos case paralelo á fronteira  da parroquia de Bembrive co veciño concello de Mos. Partindo da antiga finca de Don Nicolás (na rotonda existente diante do tanatorio situado en parte nos terreos do antigo Polvorín), discorre entre A Estrada e o lugar do tío Pecho e a Pexega, pasa por riba das terras do Rorigo e logo da rotonda do Rebullón serve de división entre As Lagoas e As Lagoas Altas. Continúa por riba do Picouto e da Chan do Picouto, situados nos montes do Pouso e por riba do nacente do rego ou río de Pontecela.  Rodea pola súa parte máis alta O Costal e xusto despois da curva na que atopamos a entrada para a pista que nos leva á Fraga, condúcenos, nun pequeno desvío a man esquerda, ao campo de fútbol das Plantas. A partir de aquí iremos deixando a man dereita A Chan da Cruz, A Estrada, O Poulo Verde e A Lagoa, ata chegar á Xunqueira, onde atopamos a rotonda de accceso ao campus universitario das Lagoas-Marcosende.

     Segundo a señora Olidia, unha das nosas informantes próxima aos noventa anos e á que xa nos referimos na entrada anterior (A Pedra do Empantano), o campo de fútbol “das Plantas” e polo tanto a estrada que pasa por el, recibiron  este nome “porque os nenos da escola da Chan foron plantar alí moito” xa na época de seus pais Seguir lendo

Hai un baile no Mosteiro

     Como ben apunta Anxo no seu artigo O crime de Matamá, durante as horas de entrevistas necesarias para recuperar os nomes de cada recuncho da parroquia, houbo ocasión de que xurdise algunha lenda, refrán ou canción que, por suposto, non perdemos a ocasión de recoller.

     Algunhas das coplas, como estas recollidas á señora Preciosa do Caraxo,  fan referencia a actividades cotiás que, aínda que asociemos a territorios da Galiza máis rurais, tamén se levaban a cabo en Bembrive, como era o pastoreo do gado no monte ou a fiada, tanto de liño, como de la, da que nos fala a segunda copla:

“Cando vai ao monte co gado

espicha a vara e baila o tango”

“Nunha noite me colleron, nunha fiada de lan

nunha noite me colleron, noutra non me collerán”

Seguir lendo