Doce… coma a nosa fala!

Alsina, Amparo, Ana Beatriz, Ángeles, Carmen, Emilia, Encarna, Gloria, Isabel, Jacobo, Lola, Marisa, Orisia, Remedios, Susana e Teresa forman o grupo que participa no Curso de auga doce[1] promovido pola Concellería de Normalización Lingüística do Concello de Vigo e que ten lugar durante varias semanas –os luns– na Asociación Veciñal Doutor Fleming. Case todas mulleres, polo tanto, todas con idades entre os 49 e os 84 anos; Jacobo, o único representante masculino, está por debaixo desa idade. A todo este grupo de dezaseis persoas dedico este artigo, xa que elas e el son as súas actrices e actor principais.

E o lector estará pensando arestora: pero que carallo é iso do Curso de auga doce?  Simplemente, un xeito de compartir e de poñer en común o galego que cadaquén fala. Así, tomando como escusa o elemento natural da auga, neste caso auga doce e non salgada (materia doutro curso paralelo a este), os dezasete percorremos con entusiasmo e curiosidade a lingua de noso: o léxico, os refráns, as frases feitas, as adiviñas, as cancións, as lendas, a microtoponimia, etc. A auga é só o fío do nobelo que nos guía, tal como Ariadna a Teseo no labirinto, para sentirmos e acariñarmos a nosa lingua. Coñecémola, falámola, agarimámola, facémola saír de alá dentro, lembrámola como a lingua que falabamos coa familia e coa que xogabamos na aldea, ou como aquela que reprimiamos na escola (si, sucedeu de verdade e non foi unha fabulación, e así o relatan unha boa parte das asistentes ao curso, mulleres fachendosas da súa lingua). Convertémolo en presente e en futuro porque o galego non liscou nin se esvaeu da memoria! Só cómpre abrirlle a porta e deixalo voar libre coma os paxaros!

O galego soa melodioso e impregna a sala cada vez que alguén intervén na sesión –a maioría, como dixen, xente maior que se trasladou a Vigo desde Ourense, Lugo, A Coruña ou Pontevedra para acadar un mellor futuro–. O seu galego soa a río, a fervenza, a cachón, a ballón, a rego, a regueiro, a regato, a codeso, a carqueixa, a piorno, a bouza, a braña, a laxe, a seixo, a pasto, a veiga, a outeiro, a xoaniña, a vacaloura, a lesma, a chuvia, a poalla, a amieiro, a salgueiro, a pontella, a muíño, a mouros… Unha delicia. Seguir lendo

Cal é a orixe do nome de Vigo? e de Quiringosta?

Na nosa canle de toponimia de youtube están colgados vídeos sobre algúns topónimos da nosa cidade.

Son pequenos vídeos de arredor dun minuto de duración. Neles achegamos unhas pinceladas sobre a orixe ou significado do topónimo. Algúns dos topónimos son o propio nome da parroquia, mais temos tamén topónimos como Samil, A Quiringosta, O Facho, O Castro, Castrelos, Recaré, A Ameixeira, A Madroa, Eifonso… e por suposto Vigo.

http://youtu.be/vV35Rh_9_5M