Recuperando nomes “de toda a vida”

Queriamos recuperar para este blog vellos artigos, que non por vellos están de menor actualidade, da revista que editaba o SNL, “Lingua viva”. O artigo que vos presentamos hoxe foi publicado no número 49 da revista (2º trimestre de 2010).

Recuperando nomes "de toda a vida"

Páxina da revista "Lingua Viva" núm. 49

Hai uns días, recibimos no SNL unha solicitude dunha veciña dunha parroquia viguesa, na que pedía que a un camiño que non tiña nome de seu no rueiro vigués se lle puxese A LATIÑA, o “nome de toda a vida”.

Cantos nomes de toda a vida están a piques de desaparecer, por non se recuperaren para os rueiros oficiais e pór no seu lugar nomes de persoeiros, batallas, datas sinaladas, países, cidades… Non é que rexeitemos a homenaxe a unha bióloga, a un artista, a unha data sinalada… mais cremos que hai outras formas de facer visible e de que permanecer na memoria colectiva eses persoeiros, esas datas, cidades, países… Seguir lendo

A toponimia en Google

Cando, en 2005, o 8 de febreiro, apareceu o servizo de Google, o Google Maps, quedamos abraiados coas posibilidades que ofrecía. Fotos por satélite, rutas, mapas desprazables…

A un tempo que nos marabillamos do progreso, das posibilidades que se nos abrían tamén nos indignamos. Outra vez a nosa toponimia era tratada sen o menor respecto, nomes en castelán, deturpacións dos nosos nomes de lugar… A toponimia oficial de Galicia non fora, desta volta tampouco, respectada.

Xorden, entón, as primeiras queixas, a presión das persoas usuarias na rede, os artigos (como o da Asociación Galega de Onomástica)… que culminan agora, sete anos despois, cunha boa nova.

Para corrixir erros nos seus datos xeográficos a compañía Google pon a disposición das persoas usuarias de Google Maps un mecanismo de retroalimentación (feedback) para corrixir deturpacións toponímicas da xeografía galega.

Todos e todas podemos facer que a nosa toponimia recupere o seu lugar.

Dende aquí queremos animar a todas aquelas persoas usuarias de Google maps a que corrixan os topónimos deturpados, recollan a toponimia que non aparecía… que fagan reaparecer a nosa lingua e a historia nosa que a toponimia nos conta.


Ver mapa más grande