Presentación do libro “A toponimia de do Val de Fragoso: Beade”

O pasado día 23 de outubro no Centro Cultural de Beade realizouse a presentación do novo libro sobre a toponimia de Vigo.

Este é o 3 volume que publica o Servizo de Normalización Lingüística (SNL) do Concello de Vigo xunto coa Área de Normalización da UVIGO. Está inxerido no programa do SNL de recuperación e posta en valor do noso patrimonio inmaterial, a toponimia.

Nesta ocasión asistiron Gonzalo Navaza e Lorena Carrasco, autores do texto.

Dende hoxe calquera persoa que queira ter un exemplar pode recoller un, pola mañá, na oficina de Normalización Lingüística (Casa do Concello, praza do Rei, núm. 1-1º andar).

Lorena Carrasco e Gonzalo Navaza durante a presentación do libro

Lorena Carrasco e Gonzalo Navaza durante a presentación do libro

IMG_2410

Ruta polos topónimos das Illas Cíes

Entre as actividades deste ano de No verán un conto, que organiza o SNL de Vigo, hai dúas visitas e unha charla sobre a toponimia e talasonimia destas illas.

Da man de Gonzalo Navaza e Xosé Lois Vilar, coñeceremos as Illas Cíes a través dos seus topónimos: a súa natureza, a historia, a xeografía…

O próximo xoves, día 3 de xullo, ás 20h, no Centro de Visitantes do parque das Illas Atlánticas terá lugar a charla”Toponimia e talasonimia das Cíes”.

E como sempre é mellor coñecer en directo os lugares dos que nos van falar, o día 5 de xullo, realizarase unha visita ás illas cunha “Ruta polos topónimos”. Para realizar a visita as illas e a “ruta dos topónimos” é necesaria a inscrición o mesmo día da charla (3 de xullo ás 20h).

A visita comezará coa saída no barco das 9.15 horas (cómpre estar ás 8:30 no peirao ao carón do lugar de embarco para Cíes). O regreso será ás 19:15 volta (18:45 xuntámonos no peirao de Rodas). O roteiro comezará ás 10.20. Faranse dous grupos de 40 persoas máximo (un guiado por Gonzalo Navaza: grupo A. toponimia de Cíes; e outro por Xosé Lois Vilar: grupo B. talasonimia de Cíes). Ás 12h intercambiaranse os grupos e os guías, polo que todas as persoas que se apunten poden ver os dous percorridos. Estes roteiros rematarán arredor das 14h.

Por outra banda e para que os máis pequenos e pequenas non queden fóra, temos preparada unha xincana lingüística de 11h a 13:30 e que remata ás 14h onde se reunirán cos seus titores no lugar de encontro (caseta de información). A Xincana lingüística é unha actividade dirixida a nenos e nenas a partir de 5 anos. Deberán superar diferentes probas de coñecemento do idioma, da contorna das Cíes, das normas nun parque natural, habilidades e destrezas… e sobre todo respecto polo medio.

A partir das 14h terán a tarde libre, para gozar desta paraxe natural, até a xuntanza para embarcar ás18:45, no peirao de Roda.

Roteiro toponimia das Cíes

Como foi. II Xornadas de Toponimia

Os pasados días 7 (venres) e 8 (sábado) de xuño realizáronse as II Xornadas de Toponimia, organizadas pola concellaría de Normalización Lingüística do Concello de Vigo e a Área de Normalización da Universidade de Vigo. Contouse coa colaboración do Instituto de Estudos Miñoranos, a Comunidade de Montes de Zamáns e a Asociación Veciñal San Mamede de Zamáns.

Estas xornadas serviron para coñecer o estado do traballo de recollida da toponimia de distintas parroquias de Vigo. Escoitamos como foi o proceso, os pasos que seguiron, as dificultades que atoparon, os xeitos de conseguir a información, a documentación que consultaron, as dúbidas que lles xurdiron antes e durante o proceso…

Inaugurou as xornadas Gonzalo Navaza. Puxo de relevancia a importancia que ten a toponimia na historia e na cultura dun pobo. En palabras súas “os topónimos son a historia dun pobo”. Entre datos e anécdotas conseguiu que as persoas asistentes ás xornadas entendesen mellor o valor deste patrimonio inmaterial e que coñecesen a importancia que ten a conservación dun ben tan especial, xa que, como el mesmo dixo, Galicia é un país cunha das toponimias máis ricas do mundo (por densidade, por antigüidade, variedade… dos seus topónimos). Seguir lendo

Xornadas de toponimia: 7 e 8 de xuño

A Área de Normalización Lingüística da  Universidade de Vigo e a Concellaría de Normalización Lingüística do Concello, coa colaboración da Comunidade de Montes de Zamáns, a Asociación Veciñal San Mamede de Zamáns e o Instituto de Estudos Miñoranos organizamos unhas novas xornadas sobre toponimia. Xornadas para debater, coñecer, informarse sobre, achegarnos a aplicacións didácticas… e coñecer o traballo que dende estas institucións en colaboración con entidades veciñais estamos a desenvolver cara a recuperar, pór en valor e difundir a toponimia do val do Fragoso, a toponimia viguesa.

O pasado ano estas institucións xunto cos concellos de Ourense e Pontevedra coa colaboración do Concello de Redondela e o IEM, organizamos o primeiro curso para formar especialistas na recollida de toponimia.

Froito deste curso, estase a traballar na recollida de topónimos, o seu estudo e divulgación, en diversas parroquias destes concellos.

No Concello de Vigo contamos coa colaboración das comunidades de montes en man común de Cabral, Candeán, Comesaña e Zamáns, e a Entidade Menor de Bembrive.

Nestas xornadas as distintas persoas que están a facer este magnífico traballo e mais representantes das entidades informarannos do estado do seu labor e das actividades que, logo desta recollida e estudo, poden realizarse cara a divulgar todo este legado.

Grazas a esta recollida de toponimia estamos recuperando parte da nosa historia, ampliamos coñecementos sobre o noso pasado, sobre a nosa lingua, lendas, ditos, costumes… e da voz de quen viviu, recorda e está en disposición de transmitirnos estes coñecementos para tecermos todas e todos o noso futuro sen traizoarmos o pasado de noso.

Ao remate da xornada do sábado e logo de xantar no parque forestal (comida pola conta de cadaquén) haberá un roteiro guiado e acompañarannos informantes desta parroquia.

Convidámosvos a participar nestas xornadas abertas a toda a cidadanía, para o que cómpre encher a ficha de inscrición e mandala por correo electrónico a ofi.normalización@vigo.org, antes do 6 de xuño.

Entregarase diploma xustificativo da asistencia